Chega o mes de setembro e como sempre, desde hai case catro décadas, chega ao recinto amurallado de Salvaterra unha nova edición do marabilloso Festival de Poesía do Condado. Este é un festival organizado pola SCD Condado, e neste 2026 alcanza a súa trixésimo oitava edición, que se celebrará os próximos 4 e 5 de setembro. Creo que xa contei nalgunha ocasión que nunha conversa coa pintora de Baiona Irene Silva, preguntabámonos como era posible que neste espantoso contexto de agresións sistémicas á cultura e á lingua galega, estas puideran aínda estar vivas, e ás veces brillar como brilla a máis intensa das estrelas. Irene díxome que na súa opinión, ao longo deste país existían unha serie de persoas dun mérito extraordinario, que co seu esforzo, altruísmo e entrega comprometida e solidaria facían posible que a nosa cultura siga a pelexar contra os xigantes, na procura desas 1.000 primaveras máis para a lingua galega que cantou o mestre Cunqueiro.

Sen dúbida as persoas da Sociedade Cultural e Recreativa do Condado están entre eses seres humanos de mérito extraordinario que co seu esforzo, talento e altruísmo, fan posible que xurdan eventos tan enormes como o festival de poesía, que manteñen con vida á lingua e á cultura de Galicia. Todo iso malia nefasta política cultural da Xunta de Galicia, e o sectarismo endémico de todas as administracións do Partido Popular que lles leva a negarlle o pan e o sal a festivais como este, comprometidos coa realidade social e sensibles ao sufrimento de outros e de outras, pero a darlle o ouro e o mouro a outro tipo de eventos máis folcloristas, e puramente estéticos, que carecen do máis mínimo compromiso cos seus semellantes, e en nada molestan aos poderosos. Este ano o festival tivo que recorrer a unha campaña de micro financiamento co gallo de obter os recursos necesarios para que se puidera celebrar. A sociedade civil respondeu moi ben, e afortunadamente de novo volveremos gozar cunha nova edición do evento. O Festival de Poesía molesta. E molesta porque quen o fai, a SCD do Condado, son persoas decentes que teñen a valentía de sinalar publicamente á inxustiza e aos abusos.

O Festival de poesía molesta, molesta aos que mandan e aos que miran a outro lado ante a inxustiza e os abusos .E a nós o Festival de Poesía do Condado encántanos.

Agardo que as persoas máis novas , comprometidas e lúcidas , de Salvaterra e da comarca do Condado poidan achegarse e colaborar coa organización para poder lograr que a continuidade no tempo do festival estea asegurada.