A CIG denuncia que o Concello incumpre o compromiso de actualizar os salarios e que aprobou un prego de licitación cun prezo insuficiente
As Neves, 4 de setembro de 2024.
A asemblea de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello das Neves decidiu convocar sete xornadas de folga e mobilizacións no mes de setembro para denunciar que o Goberno local incumpre o seu compromiso de actualizar os salarios e que vén de aprobar un prego de condicións para licitar o servizo cun prezo insuficiente. Dende a CIG sinalan que a débeda co conxunto do persoal do SAF das Neves supera neste intre os 30.000 euros, unha media de 1900 euros por traballadora a xornada completa.
Os paros comezarán este venres día 6 e desenvolveranse os martes e os venres, xornadas que se aproveitarán para celebrar tamén concentracións diante do consistorio. As traballadoras anuncian que se trata do inicio dunha campaña de mobilizacións que irá incrementándose no caso de que o Goberno municipal do PP non cumpra co compromiso adquirido. De feito, onte xa levaron as súas reivindicacións ao pleno municipal.
Lembran que o actual contrato do SAF non cubre o custe salarial, e que a empresa adxudicataria presentou en 2023 un descolgue de convenio polo que lle está a pagar ás traballadoras o salario e os complementos de quilometraxe a prezo do ano 2022. “Os responsábeis municipais comprometéranse diante do Consello Galego de Relacións Laborais a licitar un novo contrato a prezo suficiente antes do mes de abril de 2024”.
Mais en abril, “de xeito doloso coa intención de aforrarlle cartos ao Concello”, non cumpriron o seu compromiso e decidiron executar unha prorroga obrigatoria ao mesmo prezo, “maila que a súa obriga como órgano de contratación é poñer as medidas necesarias para que se cumpra o convenio colectivo”. Diante da presión das traballadoras nos plenos o alcalde deu novamente a súa palabra de actualizar no mes de xuño o prezo do contrato para que as traballadoras puideran cobrar os seus salarios, “pero non foi en xuño nin en xullo”.
As mobilizacións das traballadoras durante o mes de agosto provocaron a convocatoria dun pleno extraordinario no que o PP non cumpriu a súa palabra de traer a aprobación a actualización do prezo, “e para lavar a súa imaxe diante da veciñanza presentou uns pregos para nova licitación totalmente improvisados, con erros de vulto en canto o cálculo do novo prezo de licitación que van provocar que o servizo caia en mans dunha empresa pirata”. A indignación das afectadas provocou a suspensión do pleno durante varias horas, “decidindo o rexedor sen criterio obxectivo algún levar finalmente a aprobación o texto que propuña”.
En consecuencia, a asemblea de traballadoras decidiu convocar folga e concentracións para o mes de setembro, recorrer diante do Tribunal Económico Administrativo o contido dos pregos aprobados cos votos do PP e valorar a interposición dunha demanda plural de danos e prexuízos contra o Concello pola omisión do seu deber de velar polo cumprimento da lexislación laboral.