
Ponteareas, 30 de agosto de 2019
A concellería de Ensino, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina Fernández, clausurou unha nova edición do Campus Tea e Verán Rural 2019 que por quinto ano consecutivo supuxo un apoio para a conciliación familiar e laboral nas parroquias e no centro urbano. O alumnado da última quenda foi recibido por Cristina Fernández no salón de plenos da Casa do Concello.
Polo Campus Tea e polo Verán Rural pasaron máis de 300 nenos e nenas que en horario de mañá desfrutaron de actividades didácticas e de lecer que lle permitiron tamén participar en excursións nas que descubrir recunchos fermosos da súa vila e achegarse ao patrimonio natural e cultural da súa cidade.
Este ano ademais, o Campus Tea contou co servizo de aula matinal que dende as sete e media e ata as nove da mañá recibíu aos cativos e cativas máis madrugadores.
A alcaldesa en funcións Cristina Fernández agarda que o seu paso por este Campus e Verán Rural fose grata e que as familias atoparan neste servizo un respaldo para o seu día a día.