O BNG das Neves inicia o proceso de renovación do Grupo Municipal

BNG as Neves

Xosé Manuel Rodríguez, Alcalde ata 2023, e Pilar González, que foi Concelleira de Benestar Social, entregarán as súas actas no Pleno Municipal de marzo

Despois da renovación orgánica marcada polo calendario da XVIII Asemblea Nacional do BNG, na que a localidade escolleu a Raquel Barreiro como Responsábel Local; agora, ás portas do ecuador deste mandato, renóvase o Grupo Municipal.

Esta renovación é un feito de grande importancia pola relevancia das dúas persoas que deixan as actas, que formaron parte do primeiro goberno nacionalista das Neves; Xosé Manuel Rodríguez como Alcalde e Pilar González como Concelleira de Servizos Sociais.

O BNG, en palabras da nova Responsábel Local, Raquel Barreiro, quere agradecer o traballo e dedicación destas dúas persoas, que formaron parte do grupo de traballo que desenvolveu iniciativas a nivel local que obtiveron recoñecemento alén das fronteiras do concello e que demostraron que se poden levar a cabo políticas municipais vangardistas dende o rural.

Pola súa banda, Pilar González declarou que “Foi un orgullo ter participado nun equipo de goberno municipal aportando o meu gran de area para poñer o meu concello no mapa. Renovar é un proceso imprescindíbel para a continuidade dos proxectos, por iso agora deixo o meu lugar para que xente máis nova dea un paso adiante para volver sentir no meu pobo, onde nacín e onde vivo, un novo aire fresco”.

Xosé Manuel, tamén trasladou ás compañeiras e compañeiros do BNG unhas palabras: “Deixar que as mellores e mais capaces persoas ocupen o liderado é imprescindible para seguir medrando e, ao tempo, tamén é ilusionante comprobar que hai unha enorme enerxía que os impulsa. Síntome parte desa sorte e empurrarei para que a ambición de construír se materialice na responsabilidade de gobernar.

Estou profundamente agradecido por ter gozado da confianza para ser Alcalde do territorio nevés, da xente das Neves.

Con satisfacción polo feito, con autocrítica para aprender do non conseguido, pero cun inmenso sentimento de orgullo porque un neto da “Celia do Rei” e do “Antonio do Pangalos” tivera o privilexio de gobernar para intentar conseguir o que sempre eles perseguiron: dignidade e respecto para todas as persoas e determinación para facer medrar As Neves.

Agora si. Co relevo no Grupo Municipal que impulsamos ábrese unha nova etapa ambiciosa, ilusionante e alternativa para conseguir que a xente diga, orgullosamente, que #ViveNasNeves.

Gracias Pilar Casas. Quedamos nesta beiriña miñota para seguir aprendendo e facendo.”