O pasado 4 de xuño un grupo de delegadas e delegados da central sindical nacionalista concentrábase ás portas do xulgado do social nº 7 de Vigo en solidariedade cunha traballadora da empresa Plastic Omnium de Redondela que denunciou un suposto caso de acoso laboral con agravante de xénero. O xuízo quedou finalmente adiado para o 28 de setembro. Nós conversamos con María Xosé García, delegada sindical da CIG nesa empresa para coñecermos a súa visión dos feitos. Velaí vai
María Xosé García, delegada da CIG en Plastic Omnium?
Cóntanos como se desenvolveron os feitos que levaron a unha denuncia por acoso na túa empresa?
A rapaza tivo unha relación sentimental co suposto acosador nun momento en que ambos eran traballadores da empresa. Ela decidiu dar por rematada a relación e todo debera ter acabado alí
Pero non foi así?
Non. Seica seguiron mantendo unha relación de amizade, ambos eran afiliados a CCOO,compartida cun grupo de persoas do mesmo sindicato
Seguen compartindo a mesma afiliación sindical?
Non, el segue en CCOO, e ela , agora é afiliada da CIG
Como comezou o problema?
No ano 2.019 a el fixérono xefe de equipo dela, e supostamente quere retomar a relación e ela négase. Entón aproveitándose da súa condición de xefe presuntamente comeza a “puteala”. Así por exemplo púñalle traballos que se rotan cada dúas horas e a ela metíallos oito horas. Ela é moi baixiña, pois púñalle a limpar as pezas situadas nas partes máis elevadas, e con distintos episodios moi agresivos
Ela que fixo?
Puxo os feitos en coñecemento do seu sindicato. E as cousas fixéronas mal desde o principio. Concertaron unha cita nunha cafetería. Ela o único que pedía era que a deixara tranquila. Pero incriblemente CCOO toma partido polo suposto acosador e deixa tirada á presunta vítima . E foi nese momento cando ela fala con nós De feito cando fomos ao xuízo, que logo foi adiado o demandado era representado por unha avogada de CCOO
E vós que fixestes?
Obrigamos a activar o comité de igualdade e iniciamos un proceso interno. No devandito proceso amósase que esta persoa si acosaba á compañeira
A si, a empresa recoñeceu o acoso?
Si, por escrito. E el non o recorreu. Pero o castigo que lle pon é unicamente baixarlle unha categoría
Houbo intento de acordo?
Si, ofrecéronlle unha cantidade económica pero piden que fixeramos unha acta onde el non recoñece ser acosador e que non se podería realizar ningún tipo de acción xudicial máis. E iso non foi aceptado
E o xuízo quedou adiado?
Si, para o 28 de setembro. Os demandados son o presunto acosador e a empresa
Como está a rapaza?
Esnaquizada. Recibindo un intenso tratamento psicolóxico