No ano 2.005 a Xunta, con fondos da UE, construía unha depuradora situada no espazo físico de Mondariz Balneario, que teoricamente ten capacidade de tratar as augas sucias de 6.000 persoas. É dicir, para a veciñanza de ambos concellos .Porén hoxe, case 17 anos despois, segundo manifesta Emilio Barros alcalde de Mondariz, só unha moi pequena parte da veciñanza de Mondariz ten acceso aos servizos da depuradora pois o concello de Mondariz Balneario pon obxeccións á conexión de novos colectores o que ocasiona un grave problema á veciñanza de Mondariz alén de que a EDAR estea infra utilizada. A principios deste mes o goberno municipal levou a pleno unha moción solicitando o apoio unánime da corporación na esixencia dunha solución a ese problema, xa enquistado no tempo. A moción non foi aprobada pois contou cos votos en contra do PP e de Alternativa por Mondariz. De feito o grupo do ex alcalde Calis, enviaba unha nota de prensa na que explicaban a súa posición manifestando que o goberno quería “ ir á a guerra contra Mondariz Balneario” e que ao seu xuízo a solución pasaría polo diálogo entre ambos concellos a Xunta e á Confederación Hidrográfica. A continuación ofrecémoslle unhas declaracións exclusivas de Emilio Barros, alcalde de Mondariz, ao respecto deste tema. E na Peneira do mes de xullo unha ampla reportaxe sobre este conflito entre dous concellos veciños con numerosas voces que nos darán a súa visión
Emilio Barros , alcalde de Mondariz
“ A posición de Alternativa por Mondariz e do PP prexudica claramente á veciñanza do noso pobo”
Que pasou co asunto da depuradora alcalde?
No seu día a UE a través de augas de Galicia financiou unha EDAR( depuradora de augas residuais) que ten as garantías e a capacidade para depurar os residuos de 6.000 habitantes
Cando dis “ no seu día” a que ano te refires?
Estou a falar do ano 2.005
Como funciona esa instalación?
Actualmente dá servizo a arredor de 500 habitantes de Mondariz e a 2.000( supostos, de Mondariz Balneario).É dicir serve a uns supostos 2.500 habitantes , cando en realidade pode facer o servizo para 6.000 persoas. O noso concello ten unha serie de infraestruturas de depuración enormemente precarias
Pero tedes un convenio de colaboración con Balneario, non?
Si, asinado polo seu alcalde Jose Antonio Lorenzo e polo antigo alcalde de Mondariz Julio Alén. No convenio especificábase que Mondariz iría conectando novos colectores. Pero esa parte non se cumpriu porque dende o concello de Balneario poñen obxeccións ao respecto da conexión do colector incumprindo o convenio de colaboración
Que supoñen esas obxeccións?
Que a confederación hidrográfica non autorice novas conexións. E polo tanto non está sendo utilizada para o obxectivo para o que foi construída
E cal é a acción política do teu goberno ante esta situación ?
Imos ver; Esta é unha situación enquistada. Levamos 17 anos con ese problema. E nós estamos firmemente decididos a pór todo de nosa parte para facilitar a súa solución. Entendemos que o primeiro paso pasaba por un posicionamento unánime de toda a corporación de Mondariz esixindo unha solución para un problema grave que ten o noso pobo, e que é unha inxustiza flagrante que estamos a padecer
Pero a proposta do goberno foi rexeitada, non?
Si, polos votos en contra do PP e de Alternativa
E por que?
Iso terano que contestar eles. Eu só digo con rotundidade absoluta que a súa posición prexudica á veciñanza
Así de claro?
Si, por desgraza pódese dicir rotundamente; é unha posición contraria ao interese da veciñanza de Mondariz. É unha posición incomprensible, decepcionante e pouco responsable.