Iranse desenvolvendo desde finais de xuño a inicios de setembre e abranguen diferentes disciplinas deportivas: patinaxe, baloncesto, tenis, deportes náuticos, multideporte, tenis de mesa, fútbol e ximnasia rítmica
Nigrán, 11 de xuño de 2021
O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubes do municipio, organiza dende finais de xuño a inicios de setembro dez campus deportivos orientados a crianzas e adolescentes: patinaxe, baloncesto, tenis, deportes náuticos, multideporte, tenis de mesa, fútbol e ximnasia rítmica. O prazo de inscrición aos mesmos está aberto, dispondo os interesados de toda a información na web municipal (datas, mails de contacto e teléfonos, lugar de celebración, prezo, etc). Todos teñen unha duración aproximada de cinco días e un custe entre os 45 € e os 65 €, existindo nalgúns casos descontos para irmáns. Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan con deportes náuticos o 28 de xuño, sendo o último o de surf do 30 de agosto ao 3 de setembro. O Concello aportará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro.
“Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudables ao aire libre, en definitiva, é promover o deporte desde a infancia e dando cabida a disciplinas para todos os gustos”, indica o alcalde, Juan González.