Os nacionalistas do Porriño escollen un novo responsable local. Míriam Martínez deixa paso, nunha transición ordenada e cordial, a Marcelo Rodríguez. El é un veciño da vila que se dedica profesionalmente á educación ambiental nos centros de ensino e a través da súa empresa, e que leva toda unha vida militando no nacionalismo. Nós fomos coñecelo e despois de falarmos con el, igual que nos pasou coa anterior responsable local, saímos confiados en que co elevado nivel político dos seus militantes o futuro do nacionalismo na Louriña está asegurado.
“Con Alejandro reaparece o ruído na vila e a convivencia na LOCALIDADE empeza a degradarse”
Ves de te estrear como responsable local do BNG no Porriño?
Si, aínda que xa levabamos un tempo facendo a transición das diversas responsabilidades en colaboración con Míriam Martínez, a anterior responsable local.
Cal foi o motivo do cambio?
O BNG cada dous anos aproximadamente fai cambios nos responsables locais, comarcais e nacionais despois dunha Asemblea Nacional. Desta volta, a maiores, fixémolo para reorganizarnos de cara ás eleccións galegas de febreiro. Estámonos recolocándonos para coller forza para este momento.
Queremos coñecerte un pouco máis:De onde es ti, e como e cando empezou a túa relación coa política?
Son de Carril en Vilagarcía de Arousa pero pasei case toda a miña vida no Porriño. Na política levo tempo. Fíxenme militante do BNG en 1998 en Compostela. E no ano 2003 trasladeime para a Comarca do Condado Paradanta. Participei en varias executivas locais. Entre os anos 2005 e 2009 formei parte do goberno local con Raúl Francés de alcalde. Actualmente son vicerresponsable comarcal e concelleiro no Porriño.
Que é o que te levou a militares no nacionalismo?
Pola necesidade que temos de reclamar e impulsar a nosa identidade como pobo. Como di Ana Pontón, estamos á altura de calquera nación europea. E sendo así, non tivemos a posibilidade política até agora de nos gobernar. Son outros os gobernos que xestionan os intereses do pobo galego e isto dáme moita pena.
Que tal está a saúde do BNG do Porriño?
A última responsable local, Míriam Martínez, conseguiu darlle un plus a esta organización e gozamos de moi boa saúde. Míriam implantou o debate como arma relevante e de necesaria aplicación práctica .Non só procurou que cada militante expresara a súa opinión, senón que tamén buscou que as nosas opinións fosen tidas en conta, debatidas e no seu caso executadas en realidades concretas. Eu quero seguir fomentando o mesmo neste novo Consello Local.
É posible a captación de novas persoas que se incorporen á política especialmente de xente nova?
No anterior Consello local, incorporáronse novas persoas á organización. Si, é posible, e non só iso senón que tamén é necesario. Se o nacionalismo galego logrou a continuidade no tempo e resistir con solvencia períodos moi convulsos foi porque a conciencia de sermos un pobo de seu foise sementando nos sentimentos de moita xente e por suposto, de xente moza. Desde logo a miña idea vai ir sempre na liña de ensanchar a organización.
Os resultados do BNG do Porriño en maio foron unha decepción?
Non, para nada. Pasamos de ter dous concelleiros a tres e con posibilidades de chegar ao cuarto. Case aumentamos un 50% os votos.
Non debe de resultar fácil facer política nun concello onde o goberno ten 16 dos 21 concelleiros?
Si, non o é. Practicamente non hai debate porque non aceptan ningunha das nosas propostas en ningún ámbito.
É unha actitude sistemática do Goberno de votar en contra?
Si, de rexeitalo todo. E as poucas mocións que aceptan literalmente incúmprenas. Isto é totalmente antidemocrático.
A min resultoume rechamante o voto favorable ao asunto da rotonda de Sanguiñeda por parte do PP do Porriño, cando o PP de Mos votou en contra dunha proposta semellante dos vosos compañeiros de Mos. Que explicación lle encontras ti?
Isto é unha excepción, non é o habitual. Pero xa che digo que non temos esperanza de que o seu voto favorable se traduza en nada en concreto que o poida facer efectivo.
Cales son as liñas políticas esenciais que defende o Bng en O Porriño?
Para nós hai piares fundamentais que marcan todo o noso traballo político, que son: sanidade, a protección do medio, a economía, a mobilidade e o ámbito social. Estamos a traballar co noso grupo municipal en completa sintonía. Apostamos por unha vila, tranquila, agradable para vivir, e co goberno do PP aparece novamente a vila das festas continuas e con ela, o ruído; a convivencia na vila comeza a degradarse.
Estamos, tamén, con intensidade coa protección do Río Louro ao seu paso por Porriño. Por outra banda tamén tratamos que se faga, desde a administración do Estado, o soterramento da vía do tren nos 600 metros que solicita o BNG. Pensamos que os 200 que solicita o PSOE non son suficientes e que Frigolouro debe asentarse nun lugar axeitado, dentro dos límites do concello, e que isto permita que a vila non lle dea as costas ao río.
En relación á protección do Louro creo que hai un curioso cambio de posición do goberno sobre unha moción vosa, verdade?
Propuxemos esta moción hai un ano polo centro de transportes de Torneiros que ameazaba con levar por diante algunhas casas e degradar o rego de As Laxes que vai parar ao Río Louro. Cando propuxemos esta moción foi aprobada por unanimidade. O seu primeiro paso era elaborar un proxecto para que fose debatido no pleno. Pasou un ano e o goberno do PP non fixo nada. Volvemos meter a moción para avanzar e desta volta foi rexeitada. Así funciona a maioría absoluta que ten o PP en Porriño.
Alejandro é unha persoa que nas distancias curtas sempre se amosa amable, cordial e respectuoso. Ao teu xuízo esta imaxe correspóndese coa realidade?
Na súa figura de alcalde, ten ese perfil, parece que lle fai as beiras á xente, pero o seu comportamento nos plenos é totalmente diferente. Coa súa maioría esmagadora non permite o debate nin recolle as iniciativas da oposición. Para min esta actitude debería ter un percorrido curto.
Como está a situación económica do concello?
En certa medida, a xestión económica do novo goberno do PP non se pode cualificar de boa. Cando a anterior corporación de PSOE e BNG deixou o concello, cun orzamento de arredor 19.000.000 de euros, había 9,5.000.000 de € de remanente. Desde que entrou o PP no goberno reduciu este remanente a 2.000.000 de € para investimentos que non se xustifican como urxentes. e así e todo se fixo o gasto. Ademais tras ser aprobado o orzamento este ano, ao mes estaba a facer transferencias de crédito da área social para outras áreas. E finalmente, dunha débeda financeira cero cando comezou o seu goberno, hoxe a débeda sitúase en 3000000 de €.
Crees que é realista pensar que poida haber unha muller presidenta da Xunta de Galicia nas próximas eleccións de febreiro?
Desde a miña valoración persoal creo que si. Ana Pontón fainos crer que o cambio é posible. Non vai ser fácil pero si é posible. Se todo o voto do cambio se concentra no BNG é perfectamente posible o cambio político na Xunta.