A semente do rugby agroma nas Pedriñas

A semente do rugby agroma nas Pedriñas

Desde hai dous anos os nosos amigos das Pedriñas ofrecen aos nenos e nenas que queiran apuntarse a posibilidade de aprender a xogar ao Rugby. As clases, todos os mércores pola tarde, impárteas Diego López, un dos adestradores do Vigo Rugby e nós conversamos con el.

Diego López Pazos adestrador de rugby .

O noso é un deporte marabilloso, moi completo no que ao exercicio físico se refire e que achega valores de solidariedade e compañeirismo moi importantes para a vida diaria”

Cando inicias a túa relación co Rugby?

Fíxeno cando inscribín ao meu fillo nas escolas deportivas do equipo. Quería que practicara algún deporte e este sempre me resultou atractivo. A medida que me fun metendo impliqueime máis e acabei facendo dous cursos para converterme en adestrador.

Ti formas parte do corpo de adestradores do Vigo Rugby club?

Si, somos varios. Tes que pensar que o noso club conta, nas distintas categorías nas que participa, con arredor de 250 xogadores e xogadoras. En Galicia no noso deporte ata os 16 anos os nenos e as nenas xogan xuntos. A partir desa idade xa temos liga masculina e feminina.

Cantos anos de historia ten o club?

Formalmente naceu en setembro do ano 1988. Xa vai polos 35 anos de vida. Máis ou menos o Rugby vive a súa eclosión en Galicia hai arredor de 30 anos.

E cal foi o motivo ?

O deporte entrou xa hai moitos anos, tanto polos barcos británicos , que nos portos e praias xogaban contra os mozos locais, como polos colexios franceses. Pero eu creo que comeza a adquirir unha dimensión de certa relevancia cando se empezan a televisar os partidos do torneo 5 nacións.

O voso deporte ten afección en Galicia?

Medrou moito nos últimos anos. Sobre todo porque deixou de ser un deporte universitario, en determinados momentos parecía que a súa práctica se reducía só a ese mundo, e pasou a ser un deporte profesionalizado. Entón os equipos comezaron a montar escolas para tratar de facer canteira e espallar a súa práctica a máis abanos de idade.

Os vosos equipos sénior feminino e masculino en que división compiten?

Na liga galega. Logo hai unha liga estatal na que nós conseguimos estar hai uns anos durante un par de temporadas pero resulta francamente difícil poder manterse a eses niveis, tanto deportivos como económicos.

Onde xogades?

No CUVI, no campo da Universidade de Vigo. Adestramos na ETEA os martes e os xoves, e no CUVI os sábados

Como facedes para captar aos nenos e ás nenas?

A través das visitas a colexios e institutos e pola prensa e redes sociais.

A práctica do Rugby é cara?

Non, todo o contrario.

Hai que ter condicións físicas determinadas para practicalo?

Non, pode valer calquera: altos , baixos, obesos ou delgados. Dá igual.

O Rugby ten unha enorme avantaxe que é que calquera pode xogar. Hai postos para todos.

Pero haberá que ter certo talento supoño?

Si, claro. Pero para iso están os adestramentos. Canto máis pequeno empeces e máis te apliques máis posibilidades tes de chegar a destacar.

O que me parece, desde o absoluto descoñecemento, é que o deporte ten certa complexidade,non?

Si, iso si que é verdade. Pero nas categorías onde está a xente máis novas procúrase enfocalo non tanto a competir como a aprender.

Cantos equipos pode haber en Galicia?

Isto non é como o fútbol que case en cada barrio hai un equipo. Seremos arredor de 20 clubs. O equipo máis destacado nestes momentos é o CRAT da Coruña. Elas compiten con moita solvencia na liga estatal feminina.

E agora tamén estades nas Pedriñas?

Si, eu falei con eles e amosáronse encantados de colaborar con nós. Decidimos enfocalo como unha actividade máis do Centro. Nas Pedriñas temos un campo de herba marabilloso para podermos practicar rugby. Aquí practicamos unha modalidade sen contacto. Nin placamos, nin facemos melés.

Cada canto tempo vides adestrar?

Vimos un día á semana: os mércores de 18:15 a 19:15.Aproveito a oportunidade das vosas páxinas para convidar aos lectores e lectoras que teñan interese en que os seus fillos e fillas practiquen un deporte marabilloso, tanto no físico como nos valores que achega, para que contacten coas Pedriñas e que proben. Estou seguro de que quedarían encantados.

A que abanos de idade vai dirixida a actividade?

A nenos e nenas de entre oito e quince anos.

Canto custa practicar Rugby nas Pedriñas?

É moi barato, só 15€ ao mes.