Gustavo Barcia voceiro do BNG de Mos

Gustavo BNG Mos

A asociación de ideas e un mecanismo da nosa psique que nos leva a conectar diferentes eidos de pensamento impulsados polo noso subconsciente. E o devandito mecanismo fai que cada vez que escribo sobre a política local no concello de Mos me entren gañas de falar de filosofía. Os lectores e lectoras de Mos máis fieis, que honran a ANP coa súa compañía, seguro que comprenden as razóns desta repentina paixón filosófica. Pero non, hoxe non vou mencionar nada que teña que ver co neoplatonismo, desta volta quixera referirme á idea do eterno retorno. Esta concepción do paso do tempo foi postulada por vez primeira polos filósofos estoicos, malia que é o alemán Nietzsche o máis coñecido defensor da idea do ciclo eterno da vida. En resumo: o Eterno Retorno ven dicir que nada do que ocorre no universo é novo, todo xa aconteceu algunha vez nun ciclo de principio e final que se repite eternamente. E si, todo se acabará, posiblemente para volverse repetir , pero todo ten unha fin. Incluso o nefasto goberno da alcaldesa Nidia Arévalo rematará máis cedo que tarde. E cando acabe, cando o pesadelo político desta pésima alcaldesa remate, agardo que quen a substitúa teña a valentía de abrir as fiestras do concello de par en par para que o aire limpo dun goberno xusto, que trate por igual a todas e todos os mosenses poida entrar por fin na casa consistorial. Nós conversamos con Gustavo Barcia, o voceiro dos nacionalistas.

A Festa da Rosa converteuse nunha festa para loar á alcaldesa”

Faime unha valoración global de como está a situación política en Mos no momento actual?

En relación ás formas o goberno de Nidia Arévalo continúa coa liña dos anteriores mandatos. E no que se require á actuación política: o desgoberno e a nefasta xestión económica son cada vez máis evidentes.

Por que dis que a xestión económica é nefasta?

Non o digo eu, dino os números. Recentemente coñecemos como quedou a liquidación do ano 2023 e o resultado pon os pelos de punta, pois hai un saldo negativo de remanente de tesourería de case 2.000.000 de €.

O dato é estarrecedor e, agás para un cego ou para un fanático, deixa ben claro que o goberno municipal de Mos é un cancro para o peto dos e das mosenses. Se non recordo mal esa información foi a que presentou a concelleira de facenda, Felisa Rodríguez, nun pleno no que , sen a máis mínima vergonza, atribuíu a responsabilidade dese desastre ao PSOE e ao BNG, non?

Non, ese episodio que refires, ese exemplo evidente do que é unha antoloxía do disparate honoris causa, efectivamente foi real pero aconteceu cando a devandita concelleira presentou os datos do ano anterior. Naquel momento o saldo negativo era de 1.100.000€ , agora xa son 800.000€ máis, pois estamos en 1,9 millóns.

Xa teño curiosidade por coñecer os “argumentos” do goberno para xustificar 800.000€ a maiores de saldo negativo. A quen lle botarán a culpa agora: ao BNG, ao PSOE, á Comunidade de Montes de Tameiga a David o gnomo….?

Ha, ha ha , ha ,ha….Pois non o sei, teremos que agardar aproximadamente ata setembro para sabelo pois é nese mes cando se levará a pleno a conta xeral.

Para quen non o saiba, explica de maneira clara e sintética que é o remanente negativo?

A cifra que apareza como remanente negativo gastouse por riba do que hai na caixa. Repito: no caso de Mos estamos en 1,9 millóns de €.

Como se cadran as contas cando temos remanente negativo?

O que establece a lei é que no seguinte orzamento( neste caso o do 2025) hai que facer un recorte e /ou aumentar os ingresos nunha cantidade equivalente á do remanente negativo.

Que vai facer o goberno?

Non o sei.

E que prevés que pode facer?

Penso que as dúas cousas: Recortar gasto e aumentar os impostos.

Cal é o orzamento total do Concello de Mos?

Está en arredor dos 12 millóns de €.

Entón podemos dicir que o remanente negativo móvese sobre o 15% do total do orzamento municipal?

Si, anda nesas porcentaxes aproximadas.

A mala situación económica incide na xestión do día a día?

Si. Os camiños están feitos un desastre. Cando llo indiquei á alcaldesa no pleno, ela di que os camiños nunca estiveron ten ben, o que amosa tanto a súa soberbia como o seu nulo coñecemento da realidade do noso Concello. Por outra banda hai empresas que lle negan o servizo ao noso Concello porque non lle paga as facturas.

Tes constancia de que iso é así?

Si, teño constancia de que é así. Hoxe mesmo( 31/07) houbo un novo recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 200.000€ que hai que sumar ao de 1.670.000€ do mes de febreiro…En total case 1,9 millóns en facturas do ano 23

E mentres todo isto acontece pois temos 8 salarios( 6 do goberno e 2 de persoal de confianza) e outras barbaridades como un coche de renting para a alcaldía.

Pero un coche para a alcaldesa por que?

Dixeron que era para acudir a actos e xuntanzas. Cómpre lembrar que a alcaldesa cobra un soldo moi elevado do Senado español.

Sabes se teñen un plan deseñado para mellorar os números?

Non teñen nin plan nin previsión algunha. En cuestións que poden ser de enorme relevancia económica para o Concello, como por exemplo o canon de SOGAMA, os contratos da luz e do SAF, non teñen a máis mínima previsión do que van subir as facturas nin de como afrontalo.

Sobre as facturas non pagadas teño unha curiosidade: As facturas de publicidade págaas?

Si, esas si que as paga. Facturas nalgún caso elevadísimas por servizos cuxa necesidade é moi cuestionable.

Mencionabas ao principio que as formas da alcaldesa non variaron con relación ás de mandatos anteriores. Como son esas formas?

Chulescas, agresivas e despóticas. Son unhas formas caciquís. Nunca recoñece ningún tipo de erro, nin dá a máis mínima explicación e o acceso á información é peor que deficiente.

Como valora o BNG o cambio da localización da Festa da Rosa?

Para nós foi un erro monumental. Tanto pola decisión en si como polas formas nas que se executou:De maneira unilateral, de costas a todo o mundo, sen contar coa opinión da veciñanza de Petelos nin coa do resto de grupos políticos.

Esta festa sempre se fixo en Petelos?

Esta festa ten 51 anos de historia e se non foi en todas as edicións na práctica totalidade si, sempre se fixo na parroquia de Petelos.

Sobre a iniciativa que, ao respecto disto, tivo a veciñanza de Petelos, que opinas?

A iniciativa á que te refires consistiu en seguir coa festa en Petelos e en depositar rosas nas portas do Concello. Sen darlle ningunha publicidade asistirían arredor de 200 persoas. Ao BNG calquera iniciativa de auto organización veciñal na defensa dos seus dereitos parécelle estupenda.

E sobre o desenvolvemento da festa deste ano?

Esta festa converteuse nunha loa á alcaldesa. Fíxose unha cousa esperpéntica: a creación da orde dos valedores da rosa, nomeando a algúns valedores que xa me explicarán o mérito que teñen:O conselleiro de cultura, o bispo da diocese, ou ao director do Faro…… e fixeron unha ofrenda floral aos primeiros marqueses de Mos non sabemos moi ben o motivo.

Por outra parte este ano non convidaron á banda de música xuvenil de Torroso para convidar a unha banda militar .É dicir estaba a igrexa e o exército, parecía que estabamos nun espectáculo do NODO.

A actual condición de senadora da alcaldesa inflúe algo no seu traballo?

O que nós detectamos é que existe un evidente desleixo da alcaldesa no que se refire aos asuntos do Concello. Cada vez está máis ausente. Iso nótase nalgúns detalles significativos.

Por exemplo?

Nos plenos pode estar todo o tempo mirando o móbil ou a tableta. Alén dunha falta de respecto notable cara ao resto da corporación, indica o pouco que lle interesa o que se estea a tratar .Por outra banda a axenda institucional do Concello modifícase en función dos compromisos que a alcaldesa poida ter en Madrid.

Como está o asunto de Tameiga?

A alcaldesa gabouse de que este proxecto vai ir para adiante e de que en verán van comezar as obras.

Comezarán en Pereiras, onde xa teñen acordos coa CM, pero en Tameiga non lles vai ser posible?

Entendemos que comezarán en Pereiras, si. O que pretenden que vaia en Tameiga pois non sei que vai acontecer pero supoño que acabará xudicializándose.

Falando de Pereiras, que pasou co Torreiro e o aparcadoiro desa parroquia?

O Concello asinou un acordo co bispado polo que a Igrexa cedía eses terreos ao Concello durante 50 anos, pero con dereito de veto a calquera acto que se pretendese celebrar alí que a Igrexa non considerase apropiado. Algo a todas luces lamentable e moito máis nuns terreos que nin sequera está acreditado que sexa propiedade da Igrexa.

Que opina Leo, o concelleiro de Pereiras, ao respecto dese dereito de veto da Igrexa?

Seica está totalmente de acordo

Como están os ánimos do BNG de Mos?

Están moi ben. Estamos crecendo en militancia, penetrando cada vez máis na sociedade do noso concello, incluso en segmentos aos que nunca tiñamos chegado, e coa convicción de que máis cedo que tarde seremos o actor que propicie o imprescindible cambio político que necesita, como se necesita o aire para respirar, Mos.