Manuel Sánchez Díaz é veciño de Sanguiñeda, comerciante no Porriño e militante do BNG.
Mos e O Porriño forman un contínuum urbano, e rururbano, especialmente visíbel onde se atopan a parroquia mosense de Sanguiñeda e o casco urbano porriñés, unha zona poboada e en constante crecemento. Un dos tramos desta artificiosa fronteira, o que une as rotondas das Angustias e do Costilleta, é unha arteria moi transitada, tanto polas incorporacións ás autovías como pola confluencia de diversas estradas e por ser unha das entradas á vila do Porriño. Por ela pasamos a diario, en carro, as xentes que vivimos na Louriña. O Concello de Mos desenvolveu nos últimos tempos varias áreas comerciais na contorna, contribuíndo, máis se cabe, a saturar un lugar xa de por si cunha alta densidade de tráfico, incluídos vehículos pesados. E máis que pensa desenvolver, se atendemos aos anuncios dunha Alcaldesa entregada aos intereses máis especulativos, desde Tameiga a Sanguiñeda, e que pretende facernos crer que ese é o camiño do progreso mentres a veciñanza perde calidade de vida. Son espazos que non están pensados para a veciñanza da Louriña. Máis ao contrario, a súa localización xunto aos principais eixos de comunicación que cruzan a nosa comarca responde á busca dun público máis amplo. A maioría da clientela destas grandes áreas non chegan a poñer un pé no comercio local, que sofre os inconvenientes de telas tan perto sen obter, a cambio, ningún beneficio. Pásanos coma co tren, Sofremos as molestias de que nos pase por diante, mesmo que tronce o casco urbano do Porriño, e non o podemos coller para nos desprazar.
Alejandro Lorenzo, en lugar de defender os intereses do noso pequeno comercio, prefire saír nas fotos con Arévalo e poñerse do lado dos de sempre. El ao seu, de foto en foto, que o de tomar posición en política sempre trae problemas. Un Alcalde que comeza a ser a caricatura de si mesmo, instalado na política do “pan e circo”, e que chegou a organizar un concerto a medianoite dunha famosa orquestra galega para axudar, seica, a dinamizar o comercio téxtil local. A comprar de madrugada e coa copa na man. Aquí para todo haiche verbena. Confunden os intereses dos bares cos do comercio. Están a instaurar un modelo de vila ruidoso e un lecer centrado nos macroeventos, o contexto ideal para actitudes incívicas que están a deteriorar a convivencia e facer do Porriño un lugar menos agradábel para viver. Os buses que enviaron polas parroquias para traer xente ver as luces de Nadal (estaban bonitiñas, mais non sei se a cousa daba para tanto) mellor sería que baixaran ao Porriño todo o ano, poñamos por caso os martes, o día de mercado, permitindo á xente maior, fiel ao pequeno comercio, vir comprar, e eliminando, un día tan concorrido, tráfico do centro.
Faise necesario xestionar de forma integral este territorio compartido. Contar cun plan de tráfico conxunto. Non se poden permitir eses salvaxes cortes, ao antollo do goberno de turno, que non atenden ás emerxencias ou ao reparto de mercadorías, e que orixinan enormes restricións de mobilidade na zona. Vivimos unha esquizofrenia localista que chega ao seu paroxismo na véspera de Reis. De verdade é necesario organizar dúas cabalgatas simultáneas, e que rematan a 1 km unha da outra?. No país do campo de fútbol con céspede artificial por parroquia parece que si. Precisamos unha visión conxunta do que xa é, no día a día da xente, unha realidade común. Mos e O Porriño deberan demandar de forma conxunta a Fomento medidas que axuden a liberar a saturación de vehículos na zona, como a creación de novos enlaces coa autovía ou a gratuidade da AP-9.
Precisamos limitar a apertura de grandes superficies para protexer a actividade do pequeno comercio. Grandes compañías reciben toda clase de vantaxes e facilidades por parte da administración en detrimento do comercio de proximidade, pondo en perigo a supervivencia de muitos negocios. O compromiso político de non recalificar máis chan para áreas comerciais, subir o IBI aos locais baleiros e valorar outras medidas complementarias para abaratar alugueres, crear un banco de locais comerciais municipal, con información sobre prezos e asesoramento para licenzas, fomentar a redución de consumo enerxético con axudas para adquirir tecnoloxías máis eficientes, son algunhas das iniciativas necesarias. E o pequeno comercio ten que estar á altura do repto. Especializarse, adaptarse aos novos tempos e crear marca propia. As asociacións de comerciantes teñen que ser belixerantes co poder político se pon en risco a súa propia supervivencia, goberne quen goberne. O comercio local dá vida ás vilas, fomenta un consumo responsábel e é un sinal inequívoco da identidade dun pobo. Só xuntos poderemos facerlle fronte a un modelo imperante de hiperconsumo que nos leva ao colapso, que nos deshumaniza, que nos proporciona unha felicidade irreal e que é inasumíbel medioambientalmente. As grandes áreas e o comercio electrónico non van desaparecer, é unha obviedade, mais toca reorganizarse se queremos ter futuro. Somos un sector con pésimas condicións laborais, con baixos salarios, con persoas autónomas que non dan sacado beneficios, empobrecidas. Un sector feminizado, que precisa tamén de políticas de conciliación que deixen atrás uns horarios incompatíbeis coa vida familiar.
Temos que facer das nosas vilas lugares máis humanos, agradábeis, recuperar a vida social, a comunidade. Así atraeremos xente para os nosos comercios. No Porriño, é imperativo sacar o matadoiro do casco urbano e soterrar a vía do tren para gañarmos de novo o Louro. Imaxinemos, que é de balde, unha vila con máis zonas peonís, integrada co río e comunicada a pé a través del con Mos. Con tren de proximidade a Vigo. Podería ser como eses lugares que por veces visitamos nas nosas vacacións e dos que vimos contando bondades, con bonitos paseos, negocios orgullosos do seu produto de proximidade, con terrazas e rotulacións harmoniosas e respectuosas co noso patrimonio e co espazo público, con actividades de pequeno formato en horario diúrno para dinamizar a vila en horario comercial, non perturbar o descanso da veciñanza e permitir un lecer en familia. É posíbel. Nós non somos menos ca ninguén.