Manta, sofá e Netflix

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza

Cando te chamas Luís Piña, es o alcalde da Cañiza e o Secretario de Organización Provincial do PSOE de Pontevedra, e tes que acudir a declarar ao Xulgado como imputado en tempo de eleccións, rematas por converterte nese gran no traseiro que ningún candidato a gobernar unha autonomía quere ter a estas alturas da partida. Como se a Besteiro non lle chegase xa bastante co que ten!

É certo que Luís Piña tivo o seu mérito ao esquivar esta lea nas eleccións municipais e conseguir á alcaldía mentres desbotaba a socios incómodos. Soubo contar o conto aos votantes como mellor lle veu e ocultarllo á súa cúpula por vergoña e covardía. Pero ese mesmo conto, máis propio dun público infante, torna agora nunha historia que ven podería pertencer a unha serie de Netflix.

O guión reúne todos os tópicos deste tipo de ficcións: un alcalde imputado por un posible delito de prevaricación, unha trama de apaños que rematan coa intervención das contas por parte do Estado, unhas personaxes espavorecidas e estresadas tratando de eludir responsabilidades e de que non as descubran noutras maiores, ocultación de informes, incumprimento de sentencias xudiciais, condenas coleccionables, subidas de impostos para cubrir subidas de soldos, e os pagos de favores a algún por non ter chegado a nada despois de todo e por telo relegado ao recuncho menos visible posible, pero que ten máis información da que debería (todo ao máis puro estilo de “Snatch”)…

E todo isto aderezado cunha campaña electoral, no medio dun panorama nacional ateigado de tramas de dubidosa legalidade e completamente corrompidas, non aptas para todos os públicos.

Pero o máis relevante, é que lonxe de parecer unha longametraxe, isto é a vida real. Tan real que acontece nunha vila onde a cotiandade parece esfumarse máis do desexable para converterse “nunha de vaqueiros”, canto máis nos afastamos das datas nas que unha lista de promesas electorais nos engaiolaba e nos arroubaba.

Escándalos que deixan moi lonxe xa, aquelas postas en escena da man de Regades e Silva con fotogramas unhas veces comparables aos de Timón e Pumba e outras tantas aos de Scar e as hienas.

E unha cousa está clara, estes dous “produtores” non van a facer xira promocional desta vez, nin van a desfilar por alfombras vermellas, nin os van a nomear para ningúns premios, nin van a conceder entrevistas, nin a saír na foto a carón do protagonista, porque este produto ten moitas taras e xa non é vendible.

A xente está farta de argumentos nos que gañan os ruíns, e leva moito tempo vendo como se indulta aos “malos” da película e por iso os despachos de billetes xa comenzaron a baldeirar hai tempo.

Descoñezo a posición da directiva do PSOE provincial, cando a uns días de que a xente acuda ás urnas para depositar alí a súa confianza nuns ou noutros, o seu Secretario de Organización terá que declarar no Xulgado, e asemade, recén reprendido polo Xuíz, por tentar censurar e amordazar á oposición, e despois de incumprir unha sentenza xudicial por ocultación de información. Descoñezo a súa posición, pero creo que non será moi favorable para o protagonista da historia, porque todos sabemos o que fan os guionistas coas personaxes que lles restan audiencia…

Así que ide collendo sitio no sofá, a mantiña, e un bo tanque de flocos de millo, porque isto non fixo máis que comezar.

E se a cousa se pon moi fea, igual lle podemos vender os dereitos a algunha plataforma dixital.