Hai uns días xa me puxeron a primeira dose dunha das vacinas contra o Covid, a Fizer, Fraiser, Faizer ou como cona se diga. Pasados vinteun días, nin un máis, nin un menos, virá a segunda dose, e polo de agora, a derradeira ata que as autoridades sanitárias cambien de parecer.
A día de hoxe abonda para que o noso organismo teña as ferramentas necesarias para loitar por si mesmo contra un vírus que fixo quebrar os cimentos do mundo, aínda máis do que xa estaban.
Desta vez fomos nós, os que habitamos na cara amable do planeta, os que sentimos no esquelete o que sofren milleiros de personas alén das nosas fronteiras decotío, sen descanso algún.
Pero desta volta, era o primeiro mundo o que estaba a morrer por enriba das súas posibilidades.
Mais eu coido que non foron estas mortes as que fixeron que se puxera en marcha todo o armamento científico ó seu alcance para atallar esta pingueira de defuntos sen velorio.
Nestre intre e coma en todas as barbaries que levan sementando a historia de sangue e dor, eiquí o que realmente importa é a economía o cash, coma din os ingleses.
E se non credes o que estou a dicir non hai máis que escoitar os berros de ledicia dos grandes banqueiros e empresarias logo de escoitar que para comezos de xullo ían chegar ó estado español un feixe millóns de euros dende Europa, como agasallo, para salvar a nosa economía, a deles, quero dicir.
Pero bueno, non teño intención de me amolar, agora non, mentras agardo con inquedanza a segunda dose da Frizer, Faiser, Fraiser para o día oito de xullo. Por moito medo que teña, un non poder ir á contra do progreso.
A miña cabeza está máis a cavilar na nosa viaxe a galicia deste verán, nunhas vacacións sen medo.
Xa vos contara que na casa é a miña parella, Mónica, a que leva sobre a súas costas a abafante tarefa de facer as maletas para cada un de nós, sen deixar a ninguén sen unha muda de cambio.
Supoño que este verán xa non teremos que nos agochar entre as sombras da noite para bicarnos cos nosos amigos mentras compartimos o derradeiro grolo dunha botella de viño.
Xa non haberá distancia de seguridade entre os beizos do meu ben querido amigo Bernardo e a miña orella máis aló da media noite. O certo é que nin o ano pasado tampouco, e aquí estamos.
Ó chegármonos á casa dos meus pais tampouco haberá medo nen dúbidas de cruzar o limiar da porta para recoller cos nosos brazos o tempo perdido, o tempo roubado.
Se cadra, este verán, imos perderlle o medo a vida, coma adoitabamos facer cando eramos cativos.
Este verán voltaremos a ese recuncho da vida que xamais debemos deixar atrás.
Coma dí o meu amigo e poeta vasco Juan Manuel Uría Iriarte, no seu libro, “Infancia es lugar”;
“Nese espacio houbo alguén. ¿Hai alguén? No caso de que houbera alguén, díganlle que me lembro, que sigo aqui”.
Por certo, ningún efecto secundario, polo de agora, da Frizer, Fraiser, Faizer, como cona se diga.