Lorena Lores

Lorena Lores

Tino Lago

Artista e secretaria da federación de asociacións galegas da República Arxentina

Lorena é unha artista galega arxentina coa que tiven o pracer de conversar os últimos días do pasado mes de xullo. Ela é cantante, de extraordinario talento, que procura nos seus traballos a fusión das súas dúas almas; a galega e a porteña. Lorena acaba de ampliar a súa experiencia artística co seu primeiro traballo como actriz, participando na interpretación da historia de Isabel, unha galega combatente antifascista que tamén se exiliou na Arxentina. A súa faceta artística non é incompatible co seu profundo compromiso social, ela é a secretaria da federación de asociacións galegas da República Arxentina. A máxima responsabilidade desta federación, un sopro de aire fresco de bondade, tenrura, solidariedade e fraternidade entre quen tiveron que buscarse a vida fóra do seu país, desempeñouna moito tempo o seu pai Paco Lores, falecido no ano 2017. Pero, sobre todo, Lorena e unha persoa das que paga a pena para compartir camiño pois como aquel precioso poema de Gabriel Celaya “ La poesía es un arma cargada de futuro” é das que toman partido, das que toman partido ata mancharse.

As e os artistas temos unha obriga moral coa sociedade e debemos ,nos campos que traballamos, expresar mensaxes en prol dos máis desfavorecidos para tratar de contribuír a que o mundo sexa mellor”

Ti desenvolves un amplo elenco de facetas artísticas ; cantas, interpretas, produces, dirixes….En realidade con que te te sentes máis a gusto?

Eu síntome artista, se cadra unha artista polifacética.

Ti es unha galega porteña, cóntanos o máis significativo da túa propia historia?

Eu nacín en Bos Aires, no ano 68.O meu pai e a miña nai son ambos do Grove. Aínda que xa se coñecían do pobo foi nun baile na federación de asociacións galegas en Bos Aires cando se reencontraron e finalmente acabarían namorándose e casando. Os meus avós foron exiliados. O meu avó escapou cun pasaporte falso, pois íano fusilar , e a miña avoa chegou a Arxentina de polisón nun barco. Unha historia , como tantas outras nesa época, terrible.

A túa familia seguiu mantendo unha vinculación moi estreita con Galicia, verdade?

Si, a verdade é que a mantiveron de maneira moi intensa. O meu pai sempre contaba que cando se achegou á federación non estaba interesado na política, pero alí decatouse de que había outra historia diferente á oficial. A federación foi a sociedade que acolleu a todo o exilio galego. Alí estiveron Maruja Mallo,Lorenzo Varela, Blanco Amor, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo….O meu pai formouse politicamente co colectivo de exiliados e exiliadas.

El foi presidente da sociedade “Fillos do Grove” e co tempo converteuse en presidente da Federación saneando á súa realidade económica e contribuíndo a feitos tan importantes como á creación do MEGA( museo da emigración galega), que leva o seu nome Francisco Lores. El foi presidente ata que morreu no 2017.

Despois da morte do teu pai xa colliches ti o testemuño?

Fíxose unha asemblea e nomeáronme secretaria

Cales son as principais actividades da federación?

Desenvolvemos unha grande actividade cultural. Temos biblioteca, orquestra de cámara,grupo de cantareiras, grupo de baile, o museo, coro, facemos unha intensa labor de presentación de libros e eventos culturais diversos, traballamos con centros da colectividade e con centros de fóra. En definitiva loitamos porque a memoria da colectividade galega de Bos Aires estea sempre viva.

E a maioría de asociados e asociadas aínda sente o vínculo emocional con Galicia?

Absolutamente si. De feito estamos observando un fenómeno moi interesante, consistente en que os que son netos e netas dos galegos de nacemento están achegándose á federación a interesarse e participar das actividades que nós facemos, e que os vencellan co país dos seus avós e avoas.

A federación cantas asociacións abrangue?

Arredor de 13 ou 14

E o número de galegas e galegos que están en Bos Aires pode saberse ou é misión imposible?

Empadroados pasan dos 200.000. Pero o meu pai, despois de diversos estudos antropolóxicos, afirmaba que no SXX había máis de 1.000.000 de galegos de nacemento. É dicir ten que haber, hoxe en día, arredor de 4 ou 5 millóns de persoas que ou ben naceron ou ben descenden de Galicia.

Un patrimonio moi importante¡

Abofé que tes razón, tanto é así que eu sempre que teño a oportunidade de conversar con algún político galego avogo por tender pontes

Ben, despois da federación toca falarmos de ti. Como comezou a túa relación co mundo da música?

Na miña casa cantábase moitísimo. Eu comecei de nena a cantar cancións galegas coa miña familia, e logo xa de maneira natural funo facendo dentro da colectividade nos festivais que iamos facendo. Non se me debía de dar mal a cousa porque moita xente do meu contexto me animaba para que me dedicase á canción. E cando me subín ao escenario por primeira vez de maneira máis ou menos profesional xa tiven claro que nunca máis me quería baixar .

Lémbraste daquela primeira vez?

Si ,claro. Eu tiña 17 anos. Foi nunha festa que fixera a colectividade do Grove e que trouxera no avión toneladas de marisco. E claro, entre as nécoras e centolas, alí ían as miñas cancións. É dicir, eu non sei se pola emoción da miña actuación, ou polo rico que estaba aquel marisco, foi imposible esquecelo.

Se cadra polas dúas cousas?

Ha ha ha ha. Segura, segura que foi polas dúas cousas

Entón desde alí foi un non parar?

Efectivamente, xa comecei con castings , musicais, a traballar con figuras de renome e foi todo ben

Supoño que a crise que viviu Arxentina no 2001 afectaríache?

Aquelo foi un golpe terrible, non é que nos afectara ao sector da música, que claro que afectou, senón que foi demoledor para toda a sociedade arxentina. O liberalismo mata, e exemplos como os de Menen e Macri no meu país non fan máis que amosalo. Naquel ano eu tiven que vir a Galicia a gañar a vida porque en Arxentina non se podía. Aquí formei a miña propia compañía e fixen o meu primeiro musical. Eramos como 60 persoas en escena pois daquela conseguín varios patrocinios importantes

O espectáculo era ?

Dúas beiras, alí contaba historias da emigración e a verdade funcionou moi ben. Logo fixen máis musicais e asín puiden sacar adiante a miña carreira aquí. Máis tarde no 2016, por cuestións familiares, tiven que volver a Bos Aires e xa quedei alí

A pandemia vivíchela alí?

Si, nesa época chamoume un director que quería facer un musical contando a vida dunha exiliada , Isabel. Chámame para escribir a obra e para interpretar un papel na mesma, o de María Rosa a mellor amiga. de Isabel. O proxecto chámase:”lejano resplandor de luna” e entusiasmoume desde o principio.

Era galega Isabel?

Si, viguesa. Foi parte da resistencia que se puido facer aquí contra o golpe de estado, logo tamén combateu en París axudando a liberar a cidade dos nazis. A súa historia é tremenda; triste e fermosa á vez, é unha historia de nobreza e lealdade en grao superlativo.

Debeu de ser emocionante interpretar unha historia como esa?

Para min foi absolutamente emocionante, si, un regalo da vida. Sinto que estou a darlle vida á historia da miña avoa e a historia de tantas e tantos que tiveron que marchar ao exilio fuxindo da barbarie

A obra só se interpretou en Bos Aires non?

Si, e foi un éxito de público e de crítica. Para o ano próximo temos previsto facer unha xira por España.

Quen interpreta a Isabel?

Ana María Cores, unha actriz inmensa. Ela ten 72 anos pero ten unha enerxía e unha forza impresionante. Foi unha mestra para min

Interpretar a María Rosa foi a túa primeira experiencia como actriz. Haberá unha segunda?

Si, sen dúbida. A experiencia encantoume e para min foi todo un orgullo. A verdade o mercado teatral de Bos Aires parecíame impenetrable porque hai unha enorme cantidade de obras , moitas dun nivel sobresaínte e o feito de que tiveramos tan boa acollida e tanto éxito de público é un regalo da vida.

Que proxectos tes para o futuro?

Na actualidade estou a presentar o meu último traballo: “ Quinta provincia”, que fixemos durante a pandemia,un trabalo compositivo de 12 cancións novas que fixemos con Néstor Blanco que tamén é galego arxentino, e como che dixen tamén quero traer a historia de Isabel a España. Tamén estou preparando un musical infantil que se chama “Galicia Encantada”

Da arte pódese vivir Lorena?

É moi difícil, pero si. É preciso combinar o talento artístico con certas doses de habilidade para vender o teu propio produto.

Rematamos Lorena. Ao longo da historia da arte hai unha tendencia de opinión que entende que só debe de ter unha finalidade estética e hai quen, coma min, opinamos que a arte , calquera arte, non pode obviar un certo compromiso ético co contexto histórico no que se desenvolve. Ti que opinas?

Subscribo a túa opinión completamente. As e os artistas temos unha obriga moral coa sociedade na que vivimos e quen non o recoñeza simplemente se equivoca. Desde as táboas pódense expresar mensaxes en prol dos máis desfavorecidos que axuden a que o mundo sexa mellor.