O BNG propón “un novo marco normativo” adaptado ao contexto sociolingüístico actual, despois de 40 anos da Lei de Normalización Lingüística

Mercedes Queixas BNG

Mercedes Queixas avoga por recuperar o consenso lingüístico que o PP rachou de maneira unilateral co “decreto da vergoña”, e con políticas desgaleguizadoras impulsadas dende a Xunta durante doce anos

Santiago de Compostela, 1 de Xuño, 2022

A deputada nacionalista, Mercedes Queixas presentou as propostas do BNG para a restitución do galego no “camiño da igualdade lingüística” e afirmou que a o BNG está coa maioría da sociedade galega que lle quere a lingua. Neste sentido, avanzou que urxe “impulsar un novo marco normativo após 40 anos de LNL adaptado ao contexto sociolingüístico actual, un plan social de recuperación da lingua galega na infancia e mocidade para reverter a continuada perda de falantes, un Decreto da Igualdade Lingüística no Ensino sen prohibicións para garantir o dereito de aprendizaxe e uso da lingua galega e desenvolver a Lei Paz Andrade para un maior coñecemento do portugués.

A deputada anunciou que estes catro axiomas serán desenvolvidos nun goberno liderado polo BNG e reprobou as “políticas desgaleguizadoras” impulsadas dende a Xunta por un Partido popular aliado do negacionistas, “contra a ciencia” e fora do “consenso” sociolingüístico.

Queixas urxiu ao PP a “volver ao consenso pola igualdade lingüística” e abandonar “posicións extremas de ataque ao galego” que impiden a liberdade da súa aprendizaxe e uso.

Dende o BNG, dicimos, “plurilingüísmo si, pero sempre dende o galego” porque “Amamos e defendemos a pluralidade lingüística pero nunca a custa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado” como afirmaba Agustín Fernández Paz.

Mercedes Queixas lembrou que o Partido popular chegou ao goberno hai 13 anos abrazado á “mentira da imposición do galego” e persiste nesa mentira manipulando de forma perversa os datos negativos que confirman que “o galego é a única lingua do Estado que perde falantes”, o PP, reiterou, continua instalado no “negacionismo” e practicando “a ilegalidade, a anticiencia e o desacato”.

Ilegalidade, dixo, porque incumpre o mandato da Lei de normalización lingüística, que insta a conseguir plena competencia nas linguas oficiais ao final da etapa obrigatoria.

Anticiencia porque ignora os estudos científicos da RAG e do CCG, e os datos do IGE que testemuñan con rigor científico o incumprimento dese mandato legal e a perda de falantes. E desacato porque ignora os sucesivos informes do Consello de Europa instando á Xunta a “eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos”.

O PP practica a desigualdade desde unha política desgaleguizadora no ensino e desincentivadora nos usos sociais, sobre todo, na socialización da infancia e da mocidade nos espazos de lecer. O PP, remarcou a nacionalista, pasará a historia por “non levar ningunha medida para o avance do galego”.

Na súa intervención afirmou que os datos reflicten un nivel de coñecemento, segundo o IGE, do 23,9% da poboación entre 5 e 14 e a Real Academia Galega ven de analizar

as competencias lingüísticas do alumnado ao rematar a ESO concluíndo que até o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego.

Por outra parte, unha investigación recente da UVigo constata que o forte investimento no ensino en inglés, ( único idioma reforzado no “plurilingüísmo” do PP), non serviu para mellorar a competencia do alumnado nesta lingua, senón para “derivar maior investimento ao ensino privado en detrimento do público”.

Os anunciados Plan de dinamización da lingua galega na mocidade (2019-2022) e mais o Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico (2016-2020) quedaron en “papel mollado”, indicou.

Para a deputada, “o PP está privando á infancia galega da liberdade de aprender o galego” e moito nos tememos, dixo, que esta liña continuará con Rueda sobre o que non temos ningunha esperanza xa que a vista está como accedeu ao goberno, “amparando as prohibicións do galego no ensino” e secundando a grupos minoritarios contra a lingua galega.

Mercedes Queixas apelou a abrir un debate para acadar un novo marco normativo que impulse e protexa a aprendizaxe do galego e garantir a liberdade do seu uso.