José Tizón adestrador do Choco

José Tizón adestrador do Choco

Despois do descenso da pasada temporada moitas cousas mudaron no noso querido equipo: temos presidenta e temos novo adestrador. A ela xa a coñecemos, xa pasou polas nosas páxinas, e agora imos coñecer a este bereteiro que é adestrador desde moi novo, sente paixón polo fútbol e amósase moi ilusionado en facer unha longa carreira profesional adestrando ao Choco.

O noso obxectivo, sen presión pero sen límites, é pelexar na zona alta da táboa ”

Acabas de comezar no Choco, esta é a túa primeira temporada, pero ti xa tes unha longa traxectoria como adestrador..

Abofé. Estiven no Val Miñor, na canteira do Celta, no Atios, no Alondras e un ano de segundo adestrador do Boiro na antiga segunda B.

Ti es novo, tes 41 anos, tiveches que comezar a adestrar moi pronto?

Pois si, aos 19 anos.

Creo que a túa relación co Choco é parecida á desas parellas que pasan moito tempo facéndose as beiras, pero o un polo outro ningún se decide, e ao final non se acaba de concretar?

Ha ha ha ha..Non sei se é exactamente así, pero si, o certo é que hai un par de anos xa estiven cerca de vir.

Como tes artellado o equipo este ano

Fixemos unha plantilla longa, temos 22 xogadores, para podermos competir ben durante todo o ano, pois sempre hai baixas, e non tirar moito dos xuvenís que compiten na división de honra. Entendo que temos un equipo compensado e que imos facer un bo ano, estou seguro de que vai ser así.

Os míticos Cortegoso e Comis son como Iago Aspas no Celta, incombustibles…?

No momento en que me chamaron tiven claro a necesidade de que eses dous xogadores que mencionas fosen pezas importantes do equipo.

A preferente é tan difícil como din?

Non, éo máis aínda. De feito é unha das miñas teimas máis importantes e que lle trato de transmitir aos xogadores: A categoría é tremendamente difícil, tanto é así que dos 20 últimos equipos que descenderon só dous lograron ascender ao ano seguinte.

Como tes artellado o traballo coa canteira?

Para min é importante, si. Vou facer todo o que poida para captar e recuperar aos xogadores de Redondela que nos poidan axudar a acadar os obxectivos deportivos que desexamos. Unha boa política de canteira asegura a viabilidade futura dos equipos. É a forma máis intelixente de traballar.

E da afección de Redondela que nos dis?

É unha afección impresionante que xa a “ sufrín “ varias veces como visitante. E que estou desexando gozar como local.

Que valoración fas do primeiro partido da temporada con derrota 3-2?

Foi un partido con moitos picos, moi aberto e que se puido levar calquera. Por desgraza a nós fíxonos moito dano o gol que encaixamos no desconto da primeira metade.

O que parece claro é que este ano temos gol?

Si, por aí estou moi tranquilo. Temos que mellorar no eido defensivo.

Que perspectivas temos para esta temporada?

Asegurar a categoría canto antes. Fíxate por exemplo que o ano pasado equipos como o Verín, acabado de descender, cuxa meta era claramente o ascenso, pois volveu descender. Insisto Marcos en que esta categoría é terriblemente difícil.

E unha vez conseguida a tranquilidade, a nosa meta debe de ser estarmos na zona alta, pelexar cos equipos de alí e sen ningunha presión non poñernos ningún tipo de límite.

O 29 de setembro os Chokoslovacos van facer a súa presentación oficial como peña .Haberá un concerto. Vas deixar que asistan os xogadores?

Si, claro. E se estou convidado tamén asistirei eu encantado

Ha ha ha ha ha. Claro que estás convidado, toda Redondela está convidada

Pois será un pracer estar na festa chokoslovaca