O profesor Carlos Taibo imparte maxisterio en Redondela

Memoría da Republica A Nova Peneira
Marcos Santos

O recente 14 de xaneiro, organizado polo colectivo Republicano de Redondela, o profesor , politólogo e escritor Carlos Taibo deu unha conferencia nunha ateigada casa da cultura da na nosa vila, con motivo da presentación do seu último libro “Anarquistas Libertarios de aquí y de ahora”.A Nova Peneira conversou con el

O LEXÍTIMO EXERCICIO DE RECUPERACIÓN DA MEMORIA DA REPÚBLICA, SEMPRE ESQUECE AOS ANARQUISTAS”

Benvido a Redondela de novo, cantas veces estiveches por aquí?

Pois, media ducia xa.

Trátante ben en Redondela entón?

Debe ser que si.

Levas trinta libros publicados non?

Si. Máis ou menos, xa non os conto.

Entre eles algún en galego ou Portugués?

Si, teño unha ducia en galego e portugués.

E como se che deu por publicar en galego, es de Madrid non?

Si, son madrileño, pero fillo de galegos, meu pai de Ferrol e miña nai da Coruña. Non é que conservase a lingua pero recupereina. Estudiei galego en Madrid no centro galego. Tiven unha boa profesora, unha persoa sensata e traballadora.

Imos falar un pouco de política. Xa temos o novo goberno formado Como ves o panorama político do estado Español agora mesmo?

O panorama político convencional e institucional véxoo con moito escepticismo. Cando no núcleo do poder está un partido como o PSOE, que é unha forza de carácter social e liberal, desde o meu punto de vista é difícil imaxinar mudanzas interesantes.

Os aparellos do franquismo xa desapareceron dos resortes de poder na España actual?

Non, están mesmo na propia constitución. O feito de que se outorgue ás Forzas Armadas un papel decisivo no mantemento da unidade do Estado, creo que é inédito no planeta. Hai xente que o nega pero a min paréceme que é unha evidencia. Digamos que os problemas tradicionais das democracias liberais en España teñen este engadido.

Os poderes políticos puideron mudar na Constitución do 78 pero os poderes económicos son os mesmos. Isto di moito da condición dunha pseudo democracia, entendo que esconde o que se revela en todo o planeta. Son formidables operacións financeiras que operan por detrás as que ditan as regras de xogo nas materias realmente importantes. Feito que obriga a preguntarse polo sentido do exercicio de representación da elección dos nosos delegados nos parlamentos, cando sabemos que o seu papel é moi limitado.

A que te refires coa túa afirmación de que hai novos anarquistas e que asemade o anarquismo nunca desapareceu?

Eu entendo que hai moitas persoas que son libertarias sen ser anarquistas e sen que sexa preciso que o sexan. O que adoito dicir, cun anaquiño de ironía, e que os anarquistas máis consecuentes que coñecín, non sabían que o eran. Facíano de maneira espontánea e evidencial sen necesidade de artellar ideoloxicamente isto. Naturalmente isto é unha ironía.

Crees que o 15M está representado agora mesmo no Congreso?

En absoluto. Creo que a idea de que Podemos é unha representación do 15M é moi dos xornalistas que descoñeceron o que foi o 15M.

Este era un movemento asembleario sen líderes, cunha vocación de contestación radical. Isto é algo que desde o meu punto de vista non é Podemos. Esta é unha forza política tradicional, xerarquizada, pouco respectuosa dos dereitos dos militantes de base, de tal maneira que eu interpreto que non existe esa opción.

Interpreto que nos próximos anos, é moi probable que apareza outro 15M contra os gobernos actuais, non me sorprendería.

Estamos a vivir momentos moi convulsos en Chile, Colombia, Bolivia. Cres que a man de EEUU está detrás?

É evidente, o que pasa que a súa man non o explica todo, son dúas facianas diferentes dun mesmo fenómeno.

O exemplo de Bolivia, a deriva de Evo Morales nos últimos anos non foi feliz e moderada. Isto non significa que xustifique de modo ningún un Golpe de Estado claramente artellado desde o exterior e con apoios da dereita máis extrema. Nos esquezamos mencionar cales son os problemas dos gobernos de esquerdas que moitas veces non están á altura das circunstancias.

EEUU está detrás por intereses que son moi coñecidos como os recursos propios deses países.

Fálanos do teu novo libro, que nos imos atopar nel?

Nos últimos dez anos entreguei na imprenta cinco libros que trataban a temática anarquista libertaria. Ningún deles interesábase polo máis próximo, o que temos diante dos ollos e acontece cos nosos movementos anarquistas e libertarios. Pareceume que esta era unha boa oportunidade para facer unha reflexión sobre isto que é, ao cabo, a materia que suscita moitas conversas. É un libro modesto, pequeno, non chega á cen páxinas, onde emito un xuízo de valoración xeral destes movementos entre nós cunha vocación fundamentalmente crítica porque o anarquismo non escapa á crise da esquerda, esta inmerso nesa crise, aínda que con perfís un pouco diferentes. Este é o propósito xeral deste libro.

Para ti, que é o anarquismo, como o definirías?

É un conxunto de correntes que pretenden, ao mesmo tempo, resolver a capacidade do individuo para decidir libremente e a vontade de artellar proxectos de carácter político que transformen á sociedade e, de por medio, inevitablemente en conceptos como autoxestión, democracia e acción directa ao apoio mutuo. É unha corrente que creo que existe, desde que existe a humanidade, cuns ou outros perfís, aínda que alcanzou unha dimensión ideolóxica maior no S-XIX en Europa, coas súas virtudes e as súas eivas, obviamente.

Consideras que moitos republicanos sexan anarquistas aínda que tiren máis pola República?

Iso deberiades dicilos vós, risas…

Eu considero que a parte de ser republicano, que teño moita proximidade co movemento anarquista, tanto na maneira de pensar coma na de facer.

Entre outros aspectos, os anarquistas rexeitan todas as formas de goberno, nese sentido non é que consideren que é o mesmo unha Monarquía ca unha República, pero consideran que este non é o debate fundamental.

No escenario actual, eu podo imaxinar que en España agromase unha República que acabase por producir as mesmas miserias que hai agora. De feito, Portugal, Francia e Italia son Repúblicas. Eu interpreto que infelizmente, o proxecto da República, está claramente vencellado coa democracia liberal e a lóxica da representación e nese terreo non podo ser republicano. Agora, dentro dos republicanos hai modulacións moi diferentes, algunhas máis escépticas no que atinxe á democracia liberal e outras máis próximas a un proxecto libertario paréceme evidente. Sabes que a relación entre anarquistas e libertarios, nos anos 30 foi moi complicada e os Anarquistas por definición non eran Republicanos.

Fálanos do teu libro “Los olvidados de los olvidados”?

Hai un exercicio de recuperación lícito e lexítimo da República pero esquece aos anarquistas, e iso cómpre salientalo

Rematamos Carlos, cal sería para un anarquista a forma de organización política máis adecuada?

A federación libre de comunas libres

Iso non é utópico?

Se non defendemos o que creemos nunca chegaremos nin sequera a aproximarnos