Sinfonía de inverno

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Membro de Anova e do CC da FPG

Allegro ou do advento do dereitismo lawfare

Mirámolo na Arxentina, no Brasil ou en Bolivia. Ollámolo repetirse coma un guión perfecto nalgún outro estado africano e asiático. Pero sen ir tan lonxe, vivímolo tamén coa resposta represiva, xudicial e policial, ao proceso político autodeterminista catalán. Unha dereita golpista e antidemocrática que aproveita a súa forza dentro dun poder xudicial sen independencia ningunha para difamar, reprimir, derrocar, someter ás esquerdas ou aos movementos de liberación nacional, no goberno ou na disputa polo Poder. Agora que Lula e Dilma son absoltos, a dereita española promete bombardear de querelas, litixios ou preitos penais e criminais ao novo goberno “progresista-reformista” español, ese ao que adxectiva como “social-comunista”, “bolivariano”, “feminazi”, “proetarra”… O fascismo lawfare é a guerra xurídica contra a democracia: gañar nos tribunais o que non se gaña nas urnas. O novo goberno ten ferramentas na súa man para se defender desta caninea. O pobo traballador só temos as rúas e exercer a unidade popular dende abaixo, como fan e fixeron as nosas irmás de América Latina.

Adagio ou a época dourada da usura

Non son só as casas de apostas as que inundan, ateigan e anegan os nosos barrios obreiros. Co caldo de cultivo da crise (a que pasou e a que está por vir), e rodeadas de veciños e veciñas vencidas polo desemprego, a precariedade e os desafiuzamentos, medran coma os fungos as casas de empeños, os cash converters, os “compro oro”, en definitiva, os negocios da usura que se benefician da necesidade, do desespero, da miseria. Como acontece coas casas de apostas, móvense nun sistema que os protexe e fomenta: o sistema que rescata á banca privada con cartos públicos deixa nas mans da usura privada o “rescate” da xente do común azoutada polas piores consecuencias das crises interminábeis dese propio sistema. Con unha diferenza: a xente ten que pagar aos usureiros, malvenderlles os seus escasos bens ou devolverlles os empréstitos; pero os bancos non devolven os cartos públicos ao Estado.

Scherzo ou o retorno do nacionalismo esmolante

Dixemos noutro artigo neste mesmo xornal que o postureo soberanista do nacional-autonomismo (Bloque e Compromiso) non tiña máis obxectivo que, co apoio da prensa rexionalista, inferiorizar as posicións da esquerda independentista dentro do espazo de unidade popular, e ao espazo de unidade popular mesmo. Agora, a única palabra de Orde do BNG é “ir a Madríd a pedir cosas” para apuntalar a autonomía e, se tal, xestionala algún día, toda ou en parte, para medrar e vivir dela. Cunha dirección de políticos profesionais e liberados eternos, unhas bases formadas maioritariamente por pequenos comerciantes e funcionariado, uns votantes nucleados encol da pequena burguesía urbana ou das clases medias vilegas e unha superestrutura ideolóxica idealista, autocontemplativa e identitaria, a noutrora “fronte nacionalista” nunca poderá ter interese ningún en avanzar cara a ruptura co Estado e a total soberanía de Galiza. Non é por nada. É unha cuestión de clase e de intereses de clase.

Rondó final ou da cuestión berciana

León quere autonomía e O Bierzo quere provincia. Unha Xunta realmente nacional proporialle ao Consello berciano unha “Comunidade de Galiza e O Bierzo”, unha relación bilateral en pé de igualdade que sería beneficiosa para as clases populares de ambas partes no plano económico e sociocultural. No punto 13 da Batería de 16 Urxencias para a Rexeneración de Galicia, que o independentismo lle presentou ao bipartito PSOE-BNG en 2006, di: “(…) unha idea ampliada de Galicia e baseada así na historia como na xeografía, na economía e no hábitat natural, como pasado e presente lingüístico, debe ser formulada como unha política de longa duración e amplo alcanzo (…) esta política, principalmente cultural e económica, deberá dirixirse ao obxectivo de as Terras Navia-Eo, Bierzo e Ancares, as Portelas (…) para eles acentuaren a súa conciencia nacional galega, de cara a unha integración política en Galicia na liña do que propiciaba o Estatuto de 1936”. Non houbo ningún movemento en tal sentido. E este ano hai autonómicas.