O programa municipal de prevención do deterioro cognitivo arrancou este mércores coa totalidade das 15 prazas cubertas
Nigrán, 24 de xaneiro de 2020
O Concello de Nigrán, coa colaboración da Asociación de Veciños ‘O Castro’, iniciou esta semana en Chandebrito o programa de prevención do deterioro cognitivo ‘Cultiva a mente’ coa totalidade das 15 prazas cubertas (hai 4 en lista de agarda). O obxectivo do Concello é descentralizar este programa de envellecemento saudable achegándoo ás parroquias, desenvolvéndose en Chandebrito de xeito piloto ao ser a zona máis afastada do núcleo urbano e contar con gran proporción de poboación de idade. Así o explicou na presentación o rexedor, Juan González, e a edil de Terceira Idade, María Mayán.
O programa, que desenvolven especialistas de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia), ten lugar todos os mércores de 18:00 a 20:00 horas no local veciñal e está dirixido a maiores de 55 sen deterioro cognitivo e interesadas precisamente na prevención do mesmo e no envellecemento activo. Este auténtico ‘ximnasio mental’ busca previr a demencia e promover hábitos de vida saudables a nivel cognitivo e emocional. Os participantes teñen un rol activo atendéndose ás súas preocupacións e necesidades, facilitándolles unhas mellores relacións sociais e a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal. Así, trabállase a atención, a memoria, as funcións executivas, a percepción, a orientación, a linguaxe e o cálculo.
O Concello de Nigrán desenvolve en Panxón dende o ano 2016 este programa nas instalacións do CPI e tamén con persoas en lista de agarda, polo que se consideru importante ampliar o servizo a outros núcleos.