O BNG do Porriño non se tece da noite para a mañá. O seu papel transformador non lle ven outorgado por xeración espontánea. A madureza do BNG non colle autoridade nin credibilidade de socato senón que se cimenta nos fundamentos da súa orixe, en persoas que nos transmitiron o cariño polo medio, unha economía ao servizo do país, o amor polo propio, polo próximo, e a rebeldía de quen loita contra o vento e marea na defensa da súa identidade. Pois así somos. E seremos.
E así foi que houbo un suceso. A unión entre xeracións de persoas que aínda coñecéndose, precisaban lazos de afortalamento, palabras que compartir, sentimentos que expresar. Todas somos e todas achegamos. Nun acto emotivo deste decembro, as persoas que asumiron responsabilidades na antesala do BNG do Porriño (en organizacións anteriores: ERGA, UPG, ANPG, BNPG), a semente do soberanismo organizado no Porriño e impulso para as vilas da Louriña e do Condado, relataron as loitas e dificultades que condicionaron as súas vidas, mais tamén os seus logros, pois son a semente da expresión política actual e sufriron por algo. Por nós. Foron o noso xermolo. Decatámonos alí, que imos polo camiño correcto.
Orgullosas, tras nos recoñecermos nestas persoas, e percibirmos que en circunstancias tan diversas, en tempos tan cambiantes, o noso ánimo combativo segue presente quer no goberno quer na oposición con alternativas que enriquecen ao pobo afastadas de praxes políticas escuras que non mudaron, caras amábeis para contentar e vender favores que agochan a súa “soberana” falta de capacidade. Sabemos que o discurso de que un territorio só é válido para as industrias e os ruídos crease cando as condicións dese lugar son excelentes para a vida, e a tallada só quere levala unha parte. Sorríen ante a cámara sen lles importar a idoneidade do lugar no que aparezan; os seus selfies sustitúen a oferta cultural que merecemos.
Estamos acó, na defensa dos montes comunais, no compromiso coa igualdade de oportunidades e pola protección dos espazos naturais singulares e propios que nos queren arrebatar. Velaí o castigo continuo sobre o Louro, regatos e os seus singulares bosques asolagados. Non nos poden roubar a paisaxe. Tras décadas de discursos intereseiros dun Porriño gris, comprendemos que non hai futuro se non medimos coa mesma vara a economía, o ambiente, a cultura e a sociedade. Ao BNG do Porriño esta historia vénlle de vello. Vive en nós a enerxía e ilusión de mudar a vida das persoas que se iniciou nos 80. En circunstancias especialmente adversas fomos quen de crear novos espazos públicos para a xente, transformando O Porriño para toda a vida, e aínda non houbo goberno capaz de deixar pegada semellante mesmo gozando de situacións máis favorábeis.
Aí continuamos, con visión de futuro en constante enriquecemento, con ideas e equipo capaces de levar a cabo proxectos ben definidos para o medio, longo e curto prazo. Temos retos por diante. Insistiremos. O soterramento da vía do tren, a protección do Louro e os seus espazos, o traslado do matadoiro, a mellora dos servizos públicos para atenuar esta crise que nos queima. E queremos facelo co apoio do pobo para gañar o presente e o futuro. Somos a alternativa veraz á política da propaganda. Somos o BNG do Porriño.