A fronte nacionalista rexeita a declaración de Interese Autonómico do proxecto Galicia Sporte 360 polo seu impacto ambiental “crítico” en terreos veciñais protexidos
Gustavo Barcia: “A Xunta pretende unha vez máis retorcer as leis para favorecer un empresario contra os intereses de toda a veciñanza de Mos”
Mos, 4 de setembro de 2023
O BNG de Mos vén de presentar este luns, na delegación da Xunta de Galiza en Vigo, as súas contra o “pelotazo especulativo” promovido polo presidente do Real Club Celta no monte común de Tameiga. A fronte nacionalista rexeita a pretensión do Goberno galego de declarar este proxecto como de Interese Autonómico atendendo ao seu impacto ambiental “crítico” sobre a paisaxe, o patrimonio natural e cultural en terreos veciñais.
“Dende o BNG opoñémonos a que a Xunta siga favorecendo a un empresario que busca o seu lucro por riba dos intereses de toda a veciñanza”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia, acompañado pola tamén concelleira Sara Samartín, nun acto conxunto coa Comunidade de Montes de Tameiga, a plataforma a Auga é Vida e unha ampla representación de persoas e entidades afectadas polo proxecto.
O grupo municipal do BNG considera que non existe xustificación para declarar este proxecto como de interese autonómico nin tampouco queda acreditada a necesidade do megacomplexo “máis alá do interese económico dos seus promotores por recualificar un solo protexido nunha zona privilexiada”. Así mesmo, alertan de que situalo nos terreos previstos suporá a destrución do monte e dos recursos hídricos que abastecen a 4 mil veciños e veciñas.
“Este pelotazo non obedece en esencia a intereses autonómicos, senón que é un último e desesperado intento do club e da Administración galega de lexitimar un proxecto iniciado ao amparo de licenzas urbanísticas ilegais outorgadas polo PP no Concello de Mos, como xa ditaminou a propia xustiza”, critican as nacionalistas nas súas alegacións.
Barcia acusou nese sentido á Xunta de Galiza de “retorcer máis unha vez” a lexislación para favorecer este megacomplexo, facilitando a través dun procedemento administrativo irregular unha avaliación ambiental simplificada. Dende o BNG cuestionan así a falla de claridade do proxecto, que non especifica as instalacións que se van construír, cales van ser os usos nin o seu impacto. Afean tamén que se ignore a existencia de xacementos arqueolóxicos na zona afectada, como evidencian os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Emprazamentos alternativos
Dende o Bloque subliñan ademais que o chamado Galicia Sport 360 contravén de forma “clara” a lexislación en materia de montes, xa que existen localizacións alternativas como se desprende dos informes dos propios promotores. Espazos inutilizados que son titularidade da Administración e que, a xuízo das nacionalistas, serían moito máis propicios e menos prexudiciais para o medio natural, os recursos e a veciñanza.
“Este pelotazo atenta gravemente contra os intereses públicos e do Concello de Mos, sendo unicamente unha oportunidade de negocio para os propietarios do Real Club Celta”, valorou o portavoz nacionalista, quen afeou que a entidade deportiva leve dende 2017 pretendendo apropiarse destes terreos protexidos, a maior parte deles en mans de comunidades de montes, a un prezo moi inferior ao seu valor de mercado.