Xavier Moreda, militante da memoria histórica

Xavier é un veterano activista da memoria histórica amable e cordial co que sempre é un pracer compartir unha conversa. O seu compromiso coa memoria xorde tanto da súa propia historia persoal, varios membros da súa familia foron asasinadas polo fascismo, como dunha conciencia política profundamente inserida no máis íntimo da súa persoa. O ano pasado, xunto con outras persoas, puña en marcha unha asociación pola memoria, pola verdade e pola xustiza que está a ter un papel destacado no que atinxe á memoria antifascista na cidade de Vigo e a súa área de influencia. Nós conversamos con el.

Cada vez que vexo a cruz do Castro sinto como se aos meus familiares asasinados os asasinasen unha e outra vez”

Fálame das principais características da asociación na que militas?

A asociación chámase “ memoria verdade e xustiza”.Facemos un ano de vida.

A asociación fundáchela ti?

Si, eu en compañía de outras persoas como Manolo Reboiras, Telmo Varela, Suso Chávez…

Cales son os seus obxectivos?

Queremos honrar a memoria de todas as persoas que sufriron a represión do fascismo pero non queremos quedarnos aí. Pretendemos exercer activamente o antifascismo e que a nosa actividade sexa útil á hora de denunciar as atrocidades do fascismo e de facer máis difícil que volva callar na sociedade.

Cando se inicia a actividade xenocida na cidade de Vigo?

O 20 de xullo de 1936 co pronunciamento do capitán Carreró na Porta do Sol. Fíxate que barbaridade se deu neste caso pois a Porta do Sol, o lugar onde máis asasinados houbo, durante un tempo levou o nome de Praza do Capitán Carreró

En que momento se retirou ese infame nome ?

Creo que na alcaldía de Manolo Soto.

Que actividades tedes desenvolto no ano 2025, e cales tedes previsto para este ano que comeza?

Para nós hai dúas datas esenciais que xa conmemoramos no 25 e que volveremos conmemorar no 26. Son o 20 de xullo, o inicio do xenocidio en Vigo, e o 10 de decembro data na que son fusiladas 12 persoas no monte do Castro.

Entre elas varias da túa familia?

Unha de cada tres persoas fusiladas eran da miña familia, 4 persoas. Para min esta é unha cuestión importante, desde logo. Pero o que pretendo, o que pretende a asociación no seu conxunto, é que as distintas homenaxes sexan extensivas á totalidade de persoas represaliadas.

No ano 26 tedes entón esas dúas datas fixas?

Si, o 20 de xullo e o 10 de decembro son datas permanentes para nós.

E tedes previsto algunha outra cuestión?

Asemade imos colocar un monumento que homenaxee ás persoas represaliadas, a todas as persoas represaliadas sen excepción. Vai ser na área de Vigo pero aínda non podo dicir o sitio en concreto. Estamos contemplando diversas opcións.

Xa encargastes o monumento?

Xa está encargado, si. Vai ser unha escultura en pedra cunha placa. A min gustaríame inauguralo o 25 de abril. A ver se somos quen de poder facelo así.

Tedes contacto con asociacións semellantes?

Estamos en conversas cunha asociación, están en Compostela e son galego arxentinos. Eles conmemoran as datas do xenocidio que sufriron no seu país. Asemade hai moitos galegos que repetiron sufrimento: foron vítimas da ditadura española e logo volveron ser vítimas da ditadura arxentina. Para nós sería moi importante traballar coas asociación de veciños, pois o ideal sería que eles recolleran toda esa memoria e se implicaran na elaboración da que é unha das miñas teimas persoais.

Cal é?

A creación de comisións comarcais da verdade.

É un obxectivo moi ambicioso

Son consciente, pero formularse obxectivos moi ambiciosos é a única maneira de conseguilos. Eu síntome en débeda con todas as persoas que sufriron o terror fascista pois arriscaron as súas vidas e o seu benestar persoal para defender un mundo decente. E quixera que todas e cada unha fosen honradas como merecen. Só se pode facer se conseguimos penetrar en todas as comarcas.

A vosa asociación ten interese en espallarse por todo o país ou só abranguedes a área de Vigo?

Nós non queremos competir contra ninguén. Esto non é unha empresa que trate de gañar cotas de mercado. Queremos colaborar, non competir. E se pode ser nos parámetros do antifascismo, como por exemplo se define claramente a asociación de Celanova, moito mellor.

Levades un ano de vida. Neste ano que receptividade encontrastes na sociedade?

Bastante mellor da que pensabamos. Aos nosos actos veñen máis de 100 persoas, algo inusual neste tipo de contextos.

Este tipo de actos normalmente chegan a un público moi concreto; a persoas con conciencia política previa e a familiares de represaliados. O máis interesante, creo eu, e tamén o máis complicado é poder chegar a segmentos de poboación que non estean en ningún deses dous grupos, para poder espallar a memoria dos represaliados e facer ver a imperiosa necesidade do antifascismo. Ves posibilidades de que poida ser así?

A verdade é que a maioría das persoas que asisten son as de sempre, si. Pero observo con interese e tamén con emoción, que si estamos chegando a outro tipo de público diferente ao público politizado de toda a vida. Custa máis, é certo, pero implicando a colectivos e a asociacións si que se pode lograr.

Viches un vídeo que se fixo viral o 28 de decembro que amosaba a unha persoa disfrazada de Franco paseando por un centro comercial en Valencia e a moitas outras persoas aplaudíndoo e aclamándoo?

Si, si que o vin. É absolutamente terrible.

A que achacas o auxe da ultradereita ? cres que se está combatendo de maneira adecuada?

Comezo pola segunda cuestión: Non, non se está combatendo de maneira adecuada. Contra o fascismo nin se pode poñer panos quentes nin se pode renunciar á defensa dos dereitos adquiridos. En relación ás causas o fenómeno da ultradereita xorde dunha suma de diversas razóns complexas pero ten un responsable moi claro: O capital. O fascismo sempre xorde cando quere o capital. Nos momentos de crise sistémica nos que o capital considera que os seus intereses non están dabondo protexidos recorre ao fascismo como instrumento para protexelos.

A resposta da sociedade civil é positiva. E a das administracións?

A miña posición persoal é que hai que acudir o menos posible ás administracións. O estado non debe de ser nunca dono da memoria. Fíxate por exemplo no caso de Israel que está utilizando o pasado dos xudeus europeos como xustificación para cometer un xenocidio.

Cal é a posición persoal do alcalde de Vigo ao respecto da memoria histórica?

Non lle interesa nada. É un tipo que considera que fóra da súa propia persoa non hai nada.

A cruz do Castro é un monumento fascista?

Absolutamente si. Foi inaugurado polo propio Franco.

Ves posible que se acabe derrubando?

Ten que cambiar a administración municipal, con Abel Caballero non é posible.

Que sentes ti, familiar de varias persoas asasinadas polo fascismo nese lugar, cando pasas polo Castro e ves esa cruz?

Para min é como se os volveran a asinar unha e outra vez.