O Concello de Bueu recoñece ao veciño David Gómez polo seu labor internacional como adestrador de fútbol

O Concello de Bueu recoñece ao veciño David Gómez polo seu labor internacional como adestrador de fútbol

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores, 27 de decembro, un acto de recibimento ao veciño David Gómez, ao que se recoñeceu polo seu labor internacional como adestrador de fútbol, e polo cal se lle entregou unha placa de madeira elaborada para a ocasión, e dúas bandeiras de Bueu.

Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “só a suma de traballo, a constancia e o esforzo é o que dá bos resultados” e que “o que fai David está ao alcance de poucas persoas”. O rexedor fixo fincapé na importancia destas homenaxes que “reivindican o deporte e as persoas do noso pobo que o fan posible”. Pola súa banda, o homenaxeado declarou emocionado que “esta etapa é moi especial, e parte disto que está pasando é grazas á familia e todas as persoas que me acompañan”, agradecendo “ao pobo de Bueu por esta homenaxe que me fai máis ilusión ca ningunha outra”.

Juncal desexoulle todos os éxitos no Mundial do 2026 encargoulle a Gómez que lle entregase ao equipo de Palestina unha bandeira de Bueu en solidariedade co pobo palestino.

O veciño de Beluso exerce dende comezos deste ano como segundo adestrador da selección de Bangladesh, coa que precisamente conseguiu recentemente a clasificación do seu equipo para a fase de grupos ao Mundial do 2026. Gómez combina esta faceta deportiva, na que teletraballa boa parte do ano asistindo só cando hai concentracións ou campionatos, coa consulta de masaxes e osteopatía que creou no seu domicilio de Beluso.

David Gómez conta cunha gran experiencia como técnico no estranxeiro, en países como Estados Unidos, onde exerceu dende o 2015 ao 2020 como adestrador, primeiro dunha academia afiliada ao New York City, e logo en Washington para a do F.C. Barcelona.

Antes desa experiencia internacional pola que agora é recoñecido, Gómez adestrou aos cadetes do Beluso e tamén tivo un breve percorrido no Club de Fútbol de Bueu.