A Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo participará na manifestación do 14 de novembro en Santiago “en defensa da sanidade pública e contra os recortes da Xunta”

Centro de Saúde Seixo

A Plataforma pon a disposición autobuses para a veciñanza “de todo o concello” a un prezo de 5€ “a pesar da desidia do goberno municipal”.

Marín, 4 de novembro de 2021

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, vai participar da manifestación galega que o 14 de novembro sairá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela “en defensa da sanidade pública e contra os recortes da Xunta.”

Dende a Plataforma chaman a participar a todas as veciñas e veciños do concello de Marín, “non só das parroquias” dada a “grave situación da atención primaria no noso concello.” Así, sinalan que “en Seixo vanse cumprir 4 meses desde que a Xunta deixou un médico para 2.200 persoas e en Marín a situación está moi deteriorada. A Xunta non cobre todo o persoal existente por catálogo como por exemplo o cupo da recentemente falecida Dra. Ballesteros, cada vez hai máis tempo de demora para conseguir unha cita e non se recuperou plenamente a atención presencial existente antes da pandemia.” Nese sentido indican que “os recortes son visibles tamén na atención especializada” e poñen de exemplo “o servizo de radioloxía onde hai que agardar dous meses e medio para poder ter informada por especialistas unha radiografía.” A Plataforma considera que “os recortes sobrecargan o persoal que leva facendo un sobreesforzo toda a pandemia, estes recortes saturan os servizos, aumentando as listas de espera, o que acaba por repercutir nas veciñas e veciños.”

Dende a Plataforma, ao igual que outras Plataformas de carácter local de diferentes concellos, sumaranse a esta convocatoria feita pola Plataforma Galega SOS Sanidade Pública para denunciar “12 anos de recortes da Xunta sobre a atención primaria” e demandar “máis recursos, especialmente persoal” porque “a presión social é a única forma de conseguir que a Xunta rectifique.” Ademais critican “a falta de colaboración do goberno municipal que preside M. Ramallo. Seguen actuando con desidia mentres outros concellos da contorna mesmo axudan a poñer os autobuses para acudir á manifestación. Sería positivo que rectificasen antes do 14 de novembro.”

Dende a Plataforma informan que “haberá autobuses a un prezo de 5€ aos que se pode anotar calquera persoa sexa das parroquias ou do centro de Marín” en diferentes establecementos das parroquias, así como no 699 484 676, no correo electrónico plataformasaudeseixo@gmail.com ou na páxina de facebook. O último día para anotarse será o martes 9 de novembro, incluído. Os autobuses partirán o día 14 ás 9:45 de Ardán á altura da de Cobas, ás 9:45 da Caseta de Turismo, a carón da Escola Naval en Marín, e ás 10h do colexio público de Seixo para facilitar que “a veciñanza acuda, porque non podemos permitir que se xogue cun dereito básico como é a saúde.”