A guionista e directora de cine Celia Rico liderará unha semana de traballo inmersivo na Illa de Ons
A convocatoria da III Residencia FICBUEU pechou cun récord de participación: máis de 200 propostas recibidas para optar a unha das cinco prazas deste programa formativo dedicado ao tratamento integral de curtametraxes
A residencia celebrarase do 15 ao 21 de outubro nunha contorna única: a Illa de Ons
Bueu, 25 de setembro do 2025 – Durante sete días, cinco cineastas vivirán unha experiencia inmersiva. A encargada de guiar, como titora, o proceso creativo será a guionista e directora Celia Rico, unha das cineastas máis destacadas dos últimos anos. No ano 2018 estreou no Festival de Cine de San Sebastián a súa ópera prima Viaje al cuarto de una madre, coa que gañou un premio Gaudí ao mellor guión. A súa segunda e terceira longametraxe, Los pequeños amores (2024) e La buena letra (2025), foron estreadas no Festival de Málaga, onde recibiron varios recoñecementos. Para o público infantil escribiu o proxecto de animación Mironins (2022), que obtivo un premio Gaudí á mellor película de animación.
Do 15 ao 21 de outubro, cinco cineastas vivirán unha experiencia inmersiva na Illa de Ons, un enclave natural único que ofrece un contexto privilexiado para o proceso creativo. Ao longo da residencia, estarán acompañadas por un equipo de profesionais de referencia no sector audiovisual.
Celia Rico acompañará de maneira continuada ás participantes durante toda a semana, ofrecendo titorías individualizadas e espazos de traballo conxunto. Completan o equipo para as formacións específicas outras profesionais como a compositora e pedagoga musical Eva Gancedo, especializada en música para cine, recoñecida cun Premio Goya pola súa banda sonora para La buena estrella e cunha ampla traxectoria avalada por múltiples galardóns. A cineasta Noemi Chantada, que nos últimos anos ampliou a súa actividade ao eido da dirección de casting en filmes como O Corno de Jaione Camborda, ou Romería de Carla Simón. Xunto a elas, regresa Lucía Delgado, actriz e pioneira na coordinación de intimidade en España a través de Intimact. Especializada na asesoría sobre diversidade e no acompañamento psicolóxico en rodaxes, centra tamén o seu traballo na divulgación e formación sobre o consentimento e a representación da intimidade en pantalla.
Estas profesionais guiarán ás persoas residentes a través dun modelo formativo que combina actividades compartidas con titorías personalizadas en cada un dos proxectos.
As cinco persoas seleccionadas para participar na III Residencia FICBUEU son:
- Paula Costa, que traballará en A tu manera, un filme que combina realismo e ciencia ficción para explorar as relacións entre diversos personaxes femininos.
- Sara Ferro, desenvolverá Németo, unha curtametraxe profundamente enraizada no folclore galego.
- Andrea Sánchez, que levará a cabo o seu proxecto Vengo de la plaza, unha proposta que sitúa o dó como eixo central da narrativa.
- Aura Sala, traballará en Un lloc segur, unha curtametraxe de ficción e xénero dramático que ten a transmasculinidade como tema principal.
- Sara Traba, participará coa súa proposta As cárcavas, un traballo que reflexiona sobre a comunicación, a memoria e o paso do tempo.
O programa persegue dous grandes obxectivos: fortalecer a calidade e viabilidade dos proxectos, afondando na visión autoral de cada creadora, e proporcionar ferramentas interdisciplinares que melloren o proceso creativo e produtivo.
A III Residencia FICBUEU consolídase así como un espazo único para a creación, o encontro e a formación de novas voces no ámbito do desenvolvemento de proxectos de curtametraxe.
Peche da 18ª edición do FICBUEU
A 18ª edición do FICBUEU pechou as súas portas cun notable éxito de participación, rexistrando un incremento de asistencia en todas as seccións competitivas. Destacou especialmente a alta afluencia aos coloquios diarios, que contaron cunha participación récord propiciando encontros enriquecedores entre o público e as e os cineastas convidados.
O festival consolídase así, un ano máis, como unha cita cultural de referencia tanto para a veciñanza da comarca do Morrazo como para o conxunto do panorama cinematográfico, reafirmando o seu papel como evento imprescindible do mes de setembro.
