O pasado 24 de xullo, véspera do día nacional de Galicia, no local da SLC de Reboreda desenvolveuse un acto de izado dunha reprodución da bandeira orixinal deste colectivo, que nos seus inicios foi fundado como sociedade labrega.
O edificio actual foi inaugurado en 1934. A sociedade en si arredor de 20 anos antes. Pero a parroquia só puido utilizar dous anos o local como sede do colectivo agrarista pois en 1936, despois do golpe de estado fascista, o edificio foi expropiado polos falanxistas. Posteriormente estivo dúas décadas pechado, e vendido ao Concello foi convertido en escola pública.
En 1975 grazas ao talento e o compromiso coa súa parroquia, e co seu país de varios veciños como Manolo Barros,Pepe Toucedo, Andrés Couñago Laxe….nace a SLC. E unha das súas primeiras actuacións foi recuperar o edificio como local cultural da parroquia, e dese xeito leva funcionando ininterrompidamente durante máis de medio século.
Cando nace a sociedade labrega faino cunha bandeira que a identifica. O estandarte orixinal, cosido con fío de ouro, estivo moitos anos perdido, ata que de casualidade foi atopado nun caixón dunha dependencia municipal por Manolo Barros. Hoxe loce enmarcado nunha das paredes do salón de actos do edificio que en non moito tempo, pouco máis de sete anos, cumprirá o seu primeiro século de vida.
A directiva da SLC manifestou nas nosas páxinas que sacala de onde está probablemente faría que se deteriorase. Entón eles decidiron encargar unha reprodución pois a súa intención era que a bandeira lucira orgullosa nun dos mastros da entrada como símbolo da identidade colectiva da parroquia de Reboreda, e de todos os seus veciños e veciñas que no pasado, no presente e tamén no futuro alzaron a súa voz en defensa do ben común.
O izado da bandeira no mastro da entrada, a carón da do país galego, desenvolveuse nun acto moi bonito no que Ángeles Puertas, secretaria da directiva da SLC leu un pequeno discurso sobre a historia do colectivo, e contou asemade coa interpretación do himno galego, e de varias cancións máis, por parte da coral de Reboreda dirixida por Manolo Núñez, un veterano membro da coral que leva nela os mesmos 42 anos de vida que ten este grupo, que inicialmente naceu como coro parroquial ata se converter no ano 2013 na coral dunha Reboreda cunha identidade tan sólida como os milenarios camiños de Asnelle ou as infinitas corredoiras de Santo Paio.




Dirección A Nova Peneira




