Cando facemos esta entrevista( 27/07) o verán, no que aos lumes forestais se refire, semella que está indo razoablemente ben en Galicia. Pero en absoluto podemos descoidarnos nin cantar vitoria, pois as circunstancias climáticas e a deficiente política forestal dunha administración autonómica e dun sistema económico, que priman o cultivo do eucalipto, poden dar pé a que a traxedia estoupe en calquera momento, en calquera monte. Este verán é Madrid quen sofre fundamentalmente unha vaga espantosa de lumes que xa ten queimado ducias de milleiros de hectáreas de monte, e posto en perigo vidas e bens.
Para coñecer de primeira man a valoración de como está indo o verán, que expectativas hai ao respecto das semanas que faltan ata que cheguen as chuvias de outono e saber os motivos que impulsan a devastación forestal do centro da península ibérica, falamos cun experimentado bombeiro forestal do Baixo Miño e vello amigo das nosas páxinas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Xan Lois Cabreira, bombeiro forestal do Baixo Miño.
“O ano pasado non houbo mortos en Galicia de puro milagre”
Onde tes a túa base?
No Baixo Miño, estamos na parroquia de Areas, en Tui. Antes estabamos en Goián e agora mudamos a base para o Concello veciño.
Canto tempo levas de bombeiro forestal?
Levo oito campañas. Entrei no ano 2019.
Cantos meses ao ano te contratan?
Ben, os primeiros anos traballaba seis meses si, e seis meses non. Eso implicaba que só tiña prestación por desemprego un ano de cada dous. É dicir: inicialmente 6 meses de cada 24 tiña 0€ de ingresos. A partir das últimas eleccións autonómicas a cousa mellorou un pouco, e os nosos contratos foron subindo progresivamente a 7, 8 e 9 meses.
Agora mesmo como estades?
Este vai ser o primeiro ano no que traballemos 9 meses si, e 3 non.
Cales son os meses nos que non traballas?
Os máis fríos e chuviosos do ano, penso que nos coincidirá en decembro, xaneiro e febreiro. Estaremos parados nos meses nos que máis habería que traballar para facer prevención.
Se houbera a vontade política necesaria para que traballarades todo o ano, habería traballo que facer tamén neses tres meses?
Si, por descontado que si que o habería. Estamos traballando en extinción e algo, moi pouco, en prevención. E co que vemos ano tras ano creo que xa é hora de darlle unha volta ás funcións dos bombeiros forestais.
De momento o verán en Galicia parece que non vai mal
Si, pero xa vimos o que pasou o ano pasado, e parece que non aprendemos a lección porque a prevención e a dirección non as damos mellorado. O noso servizo ten un serio problema de dirección.
Haberá que cruzar os dedos no que queda de verán
Cruzar os dedos e tragar saliva. E iso que a cousa non comezou ben. Os lumes iniciais de Padrón e Boborás foron bastante potentes, e semellaba que o verán ía ser complicado. De momento o lume máis perigoso do ano foi o que houbo no Galleiro no mes de abril. Pero non nos podemos descoidar en absoluto, porque isto pode complicarse en calquera momento. Aínda queda verán por diante. E temos unhas condicións climáticas e de acumulación de biomasa moi preocupantes. A adecuada xestión do territorio é o grande cabalo de batalla para podermos combater con expectativas de éxitos os incendios no monte. Esa é a tarefa máis urxente que debe de acometer a administración competente.
Temos moito monte a monte?
Si, moitísimo. E moito monocultivo de piñeiros e de eucaliptos.
Alén da xestión do territorio, un asunto sen dúbida moi importante, tamén debemos de considerar o trato que vos dá a administración. Vós cobrades o que merecedes polo traballo que facedes?
Eu creo que non. Os nosos salarios non se corresponden con estes tempos nos que todo, incluso o esencial para a vida, está tan sumamente caro.
As condicións nas que traballamos tampouco están adecuadamente remuneradas. Recordo un lume moi duro que houbo en Salceda, que coincidiu cunhas circunstancias de calor extrema, no que moitos dos meus compañeiros caeron a consecuencia de golpes de calor.
Non, claramente non nos pagan o que, polas circunstancias do noso traballo , sería xusto.
Supoño que nalgunhas ocasións poderedes chegar a estar en situación de risco vital?
Si, claro que si. O ano pasado tivemos máis de setenta feridos. Por non falar das toxinas que estás permanentemente respirando, cando estás nun lume , e que se meten no corpo deteriorando inevitablemente a nosa saúde.
Máis de setenta feridos, en Galicia?
Si, só en Galicia, si. O ano pasado non houbo mortos de puro milagre.
Cantos profesionais hai en Galicia no sector?
Non o sei con exactitude, pero contando todos os servizos e todos os medios poderemos ser unhas 3.000 persoas.
É suficiente?
Para atacar os lumes máis fortes non sería suficiente nin cun exército enteiro. O que cómpre é ser eficaces na prevención, e máis eficientes na xestión.
Por exemplo nós co inmenso traballo que tivemos o ano pasado non tivemos nin sequera unha valoración de acertos e de erros por distrito. Algo moi necesario nos servizos de incendios, o que amosa unha importante falta de previsión.
A terrible vaga de lumes que está a sufrir a comunidade de Madrid por que acontece?: Por puro azar? Ou por deficiencias na xestión da administración autonómica?
Alí, como aquí, hai unha situación de abandono do medio rural e moi pouca xente que xestiona os montes. Pero alén das circunstancias, a xestión forestal en Madrid é escandalosa, os bombeiros forestais están maltratados. Nós estamos peor ca en Catalunya, Euskadi ou Navarra, pero estamos mellor que Madrid.
O que acontece en Madrid é motivado tanto polo azar, como pola pésima xestión forestal da administración autonómica madrileña.
Rematamos:Se dependera de ti que medidas tomarías de contado para minimizar o máximo posible o impacto dos lumes?
O problema é estrutural. E para abordalo de maneira adecuada é necesario corresponsabilizar ao conxunto da sociedade, especialmente ás distintas administracións en :
-Prevención suficiente e permanentemente.
-Cambiar o modelo produtivo do monte de piñeiros e eucaliptos e convertelo en multifuncional.
-Protocolos correctos de actuación ante a chegada do lume.

Dirección A Nova Peneira




