Pouco despois de gañar a final do mundial de fútbol masculino o dianteiro Ferrán Torres,autor do gol que lle deu a vitoria á selección española, declaraba nos micrófonos de TVE :“ He sido criticado pero Dios le da las cosas a quien se lo merece”.
Resulta realmente meritorio ser capaz de dicir tal cantidade de estratosféricas parvadas en tan curto espazo de tempo, pois nin Deus existe nin as cousas malas ou boas que lle pasan a un na vida responden a razóns de merecemento na maior parte das veces. É o azar, e só o azar, o que determinou que ese mozo teña unhas condicións sobresaíntes para xogar ao fútbol que o levaron a se converter nun futbolista de elite, e a anotar o tanto que lle deu ao equipo español o segundo mundial de fútbol masculino.
Consideremos por un momento a literalidade do que declarou o futbolista e se fose así, se fose un ente volitivo metafísico omnisciente e omnipotente quen decidise, en función dos méritos ou deméritos de cadaquén, que os seres humanos fósemos premiados ou castigados segundo nolo merezamos, resultaría que os nenos e nenas que se afogan no Mediterráneo, tratando de fuxir da miseria dos seus países de orixe, merecen acabar así as súas vidas?..E as nenas e nenos de Palestina asasinados polo estado terrorista de Israel tamén merecen morrer desa maneira?…E o meu irmán Claudio, que aos 15 anos lle foi diagnosticado un lupus eritematoso sistémico que lle fixo pasar os últimos 14 anos da súa vida nun constate calvario de permanentes visitas a hospitais ata morrer con 29 anos, tamén merecía pasar a segunda metade da súa vida torturado?.E o meu primo Dani, que agora tería a miña idade, e que non a ten porque cando tiña 8 anos matouno unha leucemia infantil, que fixo para merecer morrer sendo tan só un neno?.
O fútbol é un deporte consistente en que un equipo de 11 persoas compita contra outras 11 para tratar de introducir máis veces que o equipo contrario un obxecto esférico nunha superficie rectangular. Si, só é iso. Non ten a máis mínima relevancia para a vida, e obxectivamente dá igual que o faga o equipo A ou o equipo B.
O fútbol de máximo nivel porén si que ten unha importante función social: é utilizado polas elites oligárquicas a modo de narcótico que provoca que as masas empobrecidas dirixan aí as súas pulsións máis profundas, no canto de facelo cara ao que realmente importa. Estes días do mundial pasáronme un vídeo dunha xornalista facendo entrevistas a seareiros españois, todos mozos e mozas, e ante a pregunta de que prefería o entrevistado: que España gañase o mundial ou que acabase o desemprego, agás algunha rapaza lúcida, a práctica totalidade das persoas preguntadas, incluso algunha persoa desempregada, afirmaban con absoluta rotundidade que preferían que España gañase o mundial.
O fútbol tamén serve para enfrontar aos pobos dunha maneira noxenta, ata o punto de converter a persoas intelixentes e sensibles en auténticas fanáticas idiotizadas. Sempre son os outros os pérfidos tramposos, e sempre é ao adversario ao que favorecen os árbitros. Pola contra os nosos sempre son os bos, e en todos os casos é o noso equipo ao que prexudican deliberadamente as arbitraxes ao abeiro de sinistras e malvadas conspiracións. A este respecto lembro un artigo de opinión de Antonio Gala, pouco despois de que España gañase a Holanda o seu primeiro mundial, no que se laiaba da suposta violencia exercida polo equipo holandés e aproveitaba para defender as barbaridades que o duque de Alba cometeu no país europeo no nome da coroa española. Ollo, Antonio Gala, non Pablo Motos, Iker Jiménez ou Tomás Roncero…
Por outra parte eu non me sinto representado pola selección española. Con absoluto e escrupuloso respecto para quen se sinta español, afirmo que eu non teño máis patria que Galicia. Se algún día unha selección galega tivese a oportunidade de competir en torneos internacionais probablemente si me sentiría representado por ela, pero con seguridade seguiría opinando o mesmo: O fútbol non importa o máis mínimo. Importa a vida digna de todas as persoas por igual, a xustiza social, a igualdade dos dous sexos que formamos a humanidade, o recoñecemento e memoria para todas as persoas que sufriron represión por defender o ben común, a liberdade das persoas, a saúde e a educación universais, a loita contra o cambio climático, a protección do planeta dos seus ríos, dos seus mares e dos seus montes e bosques, o benestar animal, e a soberanía de todos os pobos do mundo, incluído o pobo galego.

Dirección A Nova Peneira




