A hostalaría e o coronavirus

Cayetano A nova Peneira Concello de Redondela

A hostalaría é un dos sectores máis afectados pola crise sanitaria. Foron os primeiros en ser obrigados a pechar os seus negocios, dos últimos en poder abrir, e non lles queda máis remedio que facelo con múltiples restricións alén de extremar as medidas de seguridade, o que inevitablemente vai provocar unha diminución dos seus ingresos, cando non que algúns locais non poidan aguantar e teñan que baixar a persiana. Quixemos coñecer como encaran a reapertura e falamos co noso amigo Cayetano, do Vilabella Redondela

CAYETANO BOUZÓN DE VILABELLA REDONDELA

“ ESTOU ENORMEMENTE AGRADECIDO AOS MEUS CLIENTES POAL SÚA COMPAÑÍA E POLA SÚA RESPONSABILIDADE E CIVISMO”

Como levaches o confinamento?

Eu leveino ben. Teño un fillo de seis meses e aproveitei o parón para gozar da súa compañía.

Pero claro, cun neno de 6 meses, cun negocio que non é que leve moito tempo aberto, e que che digan de súpeto que tes que pechalo, pois supoño que non sería fácil?

Efectivamente, para o negocio foi moi complicado. Nós xa temos unha certa presencia en Redondela pero aínda non levamos tres anos abertos. Temos créditos que pagar e o volume de gastos segue a ser moi elevado. Quero aproveitar a oportunidade que me dades para agradecer ao dono do baixo onde estamos a súa xenerosidade, xa que me facilitou moito as cousas ofrecéndome unhas condicións moi xenerosas.

A situación sanitaria obrigouche a reinventar o local verdade?

Efectivamente. A verdade é que como esta é unha situación nova ninguén ten moi claro cales son os parámetros adecuados, e hai normas que parecen contraditorias. Supoño que todos precisamos aprender, e eu tomeino como se montara un negocio novo.

Este é un local montado para atender a familias non?

Si, este é un local moi familiar e moi responsable coa saúde pública. Nós tivemos a unha compañeira que resultou infectada, e os avós doutro compañeiro tamén o sufriron. Se cadra velo no teu entorno máis próximo lévache a concienciarche aínda máis.

O das marcas no chan e na terraza para indicar as distancias..

Eu penso que é a forma máis fácil para que a xente se conciencie. O que che entra polos ollos creo que ten máis posibilidades de que se insira na túa psique como un comportamento que debemos de normalizar.

E os primeiros momentos da reapertura como os valoras?

De maneira moi positiva. Os clientes asumen as normas de maneira cívica e eu estoulles moi agradecido pola súa compañía e pola súa responsabilidade.

Non estabas un pouco preocupado?

Desde logo que si, de feito a apertura retraseina porque non as tiña todas comigo. Porén despois de ter aberto estou moi satisfeito, e manteño a miña intención de ir aos poucos para garantir a seguridade dos meus clientes e de todo o persoal do Vilabella.

Cóntanos como é o das cartas?

Por medio dunha empresa de Madrid recibín unha mensaxe na que mas ofrecía, pareceume unha idea interesante, e encargueillas a unha empresa de Redondela coa que traballo habitualmente. Son cartas QR e accedes a ela a través do móbil. E toda a comida sérvese en pratos dun só uso.

Imos poder gozar dos vosos marabillosos concertos?

Si, pero ata que sexa absolutamente seguro non vai ser posible. Cando non exista ningún tipo de risco volveremos a realizar actividades que impliquen a existencia de grupos numerosos de persoas, antes non. Todo volverá claro que si, pero eu prefiro perder ingresos a por en risco, anque sexa mínimo, a seguridade dos meus compañeiros e dos meus clientes.

Todos debemos pór algo de nós mesmos para garantir a seguridade de todos creo eu

Estou completamente de acordo, por exemplo podiamos mudar os nosos hábitos e os nosos horarios. Se estamos afeitos a xantar ás 14.30..pois algún día fagámolo ás 13.30.Seguro que hai menos xente no local, e polo tanto o risco diminúe substancialmente. E para cear pois por que non facelo ás 21.00, no canto das 22.00?.Menos xente, menos risco, máis tranquilidade e mellor servizo.

Durante o confinamento tiveches contacto con algún colega de profesión?

Si, de feito quixera agradecer aos compañeiros de casa Mucha, Gastro Bar e Los Amigos, pois esas semanas nos comunicamos periodicamente e compartimos ideas para ofrecer un servizo seguro aos nosos clientes. De feito, algunhas das que teño aquí son ideas súas. E non quero rematar sen agradecer á Asociación de Empresarios e ao Concello de Redondela, porque sempre, absolutamente sempre estiveron alí.