Carmen García Rodeja, portavoz da asociación pola recuperación da memoria histórica

Concello Redondela A Nova Peneira Carmen Garcia Rodeja
Marcos Santos Artigo opinión a Nova Peneira
Marcos Santos

Entre o 1 e o 30 de setembro organizada pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e polo Colectivo Republicano de Redondela, celebrouse na Vila dos Viadutos a exposición “BOIX FOTÓGRAFO DE MAUTHAUSEN”. A mostra, que recollía o horror acontecido no campo de exterminio naz,i foi visitada por grande cantidade de público, incluso por alumnos e alumnas de catro colexios, de Redondela, Soutomaior e Vilaboa. Nós conversamos con Carmen, portavoz da ARMH

CANDO TEMOS UNHA EXHUMACIÓN A AXUDA QUE RECIBIMOS OU NON DUNHA ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL, NON DEPENDE DA COR POLÍTICA DO ALCALDE OU ALCALDESA DE TURNO, DEPENDE DA COR DO SEU CORAZÓN”

Por que motivo estades hoxe en Redondela?

Estamos a presentar a exposición de Francec Boix, o fotógrafo de Mauthausen. El recolleu as fotografías do que aconteceu no campo de concentración, foi o testemuño principal para poder desenrolar os xuízos de Núremberg, esas fotografías mostraban o que todo o mundo negaBa e que non se quería contar.

Se todo o mundo o negaba, como convidaron a Boix a facer ese xuízo?

El foi fotógrafo durante a Guerra Civil. Dentro do campo de Mauthausen había algunhas persoas que non traballaban nas canteiras e Boix era unha delas, traballaba no laboratorio. Traballando alí fotografaba aos presos, ás visitas, a todo o que acontecía. A través da organización a que pertencía, o PC, foi capaz de sacar miles de negativos agochados, estes foron despois a para a Mauthausen unha vez que se liberaron.

Si, pero alguén tivo que velo, non?

Si, unha veciña, os nenos, algún camarada. Foi un acto grupal, el só non podería facelo, aínda que el é o símbolo.

Como te metes na Asociación de Memoria histórica, Carmen?

Eu son profesora de historia, historiadora. Canto máis sabes da historia, máis queres saber. Era profesora de instituto, agora xa estou xubilada e podo dedicarlle á memoria histórica máis tempo.

De onde es Carmen?

Eu son de Lugo, pero vivo na Coruña.

E a Asociación e só de Galicia?

Non, é de todo o estado. Ten xente en Madrid, Barcelona, Galicia, en moitas cidades. E ten colaboradores en Francia e moitos sitios máis.

Tedes algún tipo de subvención?

Non, cando entrou a gobernar o PP eliminaron as subvención que ían para as exhumacións principalmente.

Entón desde que gobernou o PP a Lei de memoria Histórica está perdida?

No que se refire a subvencións si.

Como pode ser se é unha lei do estado?

Aínda que a lei exista, senón hai presuposto para levala a cabo é como se non existira, non funciona.

Que che parece que en España non se investigue os asasinatos da Guerra civil e, e que en Arxentina estean loitando día tras día para que se investigue ao Franquismo?

A ARMH no ano 2000 presentou a demanda xeral contra o Franquismo. O xuíz Baltasar Garzón foi xulgado por prevaricación, porque teoricamente non tivo en conta a Lei de Amnistía.

Nós entendemos que isto transcende a calquera outra lei, que se anulen estes xuízos porque a xustiza é universal e estes tipos de delitos non deben prescribir porque son crimes de lesa humanidade. Estes delitos non prescriben nunca. Desde Arxentina solicítase a España por este motivo.

Eu hoxe quería falar de Ascensión Mendieta, que acaba de falecer. O caso de Timoteo, o seu pai, foi o primeiro caso na que a xustiza española interveu e propiciou a súa exhumación, sen ningunha subvención e axuda, pero foi importante porque foi o xuíz o que mandou que se exhumara.

Cando intentamos levantar unha foxa común, os xuíces din que non é cousa deles que nos mandan a Garda Civil ou que é arqueoloxía porque pasaron máis de 50 anos e son crimes prescritos, e neste caso foi un xuíz o que mando exhumar.

Pero son crimes de lesa humanidade, como é que están prescritos?

Porque España hai tres anos, anulou a Xustiza Universal, polo tanto non se pode xulgar ningún delito de lesa humanidade en España, nin se vai permitir que sexa fóra, pero un exhorto internacional teñen que contestalo, un xuíz esta obrigado a contestar a outro xuíz, por iso hai persoas que tiveron que ir a Arxentina para pedir que unha xuíza de alí os exhumara, e iso foi o que se conseguiu, que o xuíz de aquí o permitira.

Grazas aos socios que temos na asociación puido levarse a cabo, estas eran unha foxas enormes, de 20 e 30 persoas, un traballo de moitas semanas e un gran esforzo económico, pero grazas a el moitas máis familias puideron recuperar os osos dos seus familiares.

Como pode a xente poñerse en contacto con vos por se quere atopar algún familiar?

Para deportados temos unha enderezo electrónico que se chama deportadosgaliciaamail.com e a nosa páxina web é ARMH, nela hai un apartado que pon busca ao desaparecido. Nós intentamos buscar estes casos que son exemplo de desaparición forzada, tamén temos un apartado de voluntarios por se a alguén lle interesa colaborar.

Canta xente sodes traballando na vosa asociación, para tanto traballo tedes que ter unha rede bastante ampla non?

Pois non é doado, nós traballamos só con voluntarios que lle dedican a isto o tempo que poden, calquera tema de voluntariado é benvido, mover a xente en coche, acompañar a familiares, tirar fotos, ir ao arquivo a buscar información. Isto non é un traballo mecánico, senón que hai situacións familiares de moitos anos de sufrimento detrás de cada caso aos que hai que dar moita axuda emocional e de acompañamento tamén.

Velo recompensado a día de hoxe?

Si, claro, aínda que tamén che caen rifas, ou che din que estas a remover o pasado. Pero claro que merece a pena, aínda que haxa moitos problemas.

Mendieta finou hoxe e seguramente a enterren co seu pai non?

Estas son as cousas que satisfán de traballar nunha asociación coma esta e ter coñecido a xente como Ascensión Mendieta, era a persoa máis doce, amable, cariñosa e marabillosa que coñecín na miña vida, xunto con Dario Rivas que foi o primeiro querelante de arxentina, el faleceu hai uns meses tamén. Grazas á asociación coñeces a toda esta calidade humana tan importante.

Crees que o actual goberno esta cumprindo o que prometeu coa Lei de Memoria Histórica?

Creo que hai que ser coherente, non hai que andar con medias tintas nin estar pensando nos votos, senón nas persoas.

Teño que dicir que o Parlamento Galego fixo, a estancias nosas, unha homenaxe aos deportados, cun discurso do Presidente valente e falando da conivencia do Goberno Franquista co goberno Nazi. Pareceume moi coherente e moi ben que se fixera.

Nós queremos dicir que cando temos unha exhumación non soe depender da cor dos alcaldes, senón que dependen da cor do corazón.

Creo que o goberno do Estado non está a ser coherente, non só por poñer un ramo de flores nun monumento se está a facer todo o que se pode polos deportados de Mauthausen, senón que ten que reparar, axudar, acompañar e homenaxear ás vítimas e aos seu familiares. A súa familias queren que se saiba que eran españois e loitadores polas liberdades, en Francia son heroes, en Italia tamén e aquí en España non, aquí son bandoleiros ou atracadores, iso non se pode consentir.

Porque segue sendo así? A nosa democracia non é tan avanzada coma a de Alemaña ou Italia, por exemplo?

Parece absurdo, a xente debe de ter o franquismo metido no ADN e non hai maneira de sacalo. O propio concepto hai que mudalo, se o mudas xa mudas a visión da realidade das cousas, hai que cambiar nos documentos a palabra de bandoleiros ou delincuentes, que non eran tal, eran combatentes.

A historia sempre a contan os que gañaron non?

A historia a fan os historiadores, estes son persoas obxectivas.

Os libros de texto das escolas non están mal, o problema e como se interpreta, como se estudia ou como se ensina. Se te fan aprender de memoria aos resistentes acabas odiando á resistencia, se cho contan como aquí, de persoas deportadas quedas namorada destas, persoas que teñen pel e sentimentos.

Pensas que algún día todo isto se vai resarcir?

Espero que dea tempo a que non morran todos os que tanto sufriron, ou mesmo os seu fillos para poder homenaxealos, niso estamos.

Moitas grazas Carmen, un pracer conversar contigo.