Miguel é un rapaz de Redondela que con só 18 anos debutou nas pasadas semanas co primeiro equipo do Celta na máxima categoría do fútbol español. Miguel sigue os pasos doutros grandes deportistas do noso pobo como Iago Bouzón ou Pablo Couñago que puideron gozar do deporte de elite. El é aínda moi novo, e non se pode saber ata onde chegará a súa carreira no mundo do fútbol, pero o seu talento, as súas gañas, o seu entusiasmo, a súa humildade e o sentada que ten a cabeza para os seus poucos anos apuntan a que unha futura estrela do balón pé visitou as nosas páxinas
“ENCANTARÍAME CHEGAR A SER ALGUÉN IMPORTANTE NO CELTA”
Ti es natural de Redondela, cóntanos como comezaches a túa vida deportiva?
Inicieina na escola de fútbol base de Redondela. Alí estiven catro anos ata que se fusionou co Choco. No equipo do noso pobo xoguei un ano, e logo xa me fun para o Celta.
Saberías dicirnos cando comezou a túa historia de amor coa pelota?
Bufff, pois non. Eu creo que desde sempre. Penso que cando comecei a andar, o balón de fútbol xa se converteu pouco menos que nun apéndice máis da miña persoa.
Alén do fútbol estudas?
Este ano comezo 2º de Bacharelato
Lembras a primeira vez que fuches a Balaidos?
Si, lémbroa con moito cariño. Levoume o meu pai a ver un partido do Celta, eu era un neno moi pequeno, e a noite anterior estaba tan emocionado, por ver un partido da elite en directo por vez primeira, que a pasei enteira sen durmir.
Cantos anos tiñas cando marchaches ao Celta?
Non estou seguro se 10 ou 11
Semella que a túa carreira vai moi rápido, tamén fuches internacional moi pronto, non?
Si, con 15 anos.
E de súpeto , case sen pensar, estás xogando na máxima categoría dunha das ligas máis importantes do mundo
A verdade é que se nota moito a diferencia. O nivel de intensidade é elevadísimo e o grado de concentración que se require para afrontar esa intensidade é máximo. Un pequeno despiste, en 1º división, pode ocasionar en segundos, un gol do equipo contrario
Cales foron os teus sentimentos o día do debut?
Non teño palabras o suficientemente intensas para describir a profundidade das miñas emocións naquel momento. Supoño que o mesmo que calquera rapaz que ve como o máis fermoso dos seus sonos faise realidade, unha alegría inmensa.
Sabías antes de saír que ías debutar?
Non, chamáronme primeiro a quecer , e estaba facéndoo con outros compañeiros ata que me chaman para saír
Gustaríache poder vivir do fútbol?
Non sei se terei a oportunidade, pero se a teño claro que me gustaría. O fútbol é a miña paixón, e eu creo que calquera persoa se sentiría moi afortunada se pode vivir de facer algo que lle entusiasme. Son consciente, iso si, que vou precisar traballar moitísimo
É un traballo duro?
Non o parece, pero si. Non só son as horas de partido ou de adestramento. Tes que ter uns parámetros de comportamento, sociais e alimenticios moi estritos as 24 horas do día os 7 días da semana. E para un rapaz novo, coma min, renunciar a facer moitas cousas que fan os meus amigos e amigas é moi duro. Creme, Marcos, cómpre ter unha forza de vontade moi elevada.
A túa posición cal é?
Son dianteiro. Sempre me gustou marcar goles. De feito nas categorías inferiores adoitaba marcar moitos. Creo que as miñas características como xogador fan que a dianteira sexa onde mellor me desenvolva.
Tes algún modelo de referencia?
Raúl, o ex xogador do Madrid. El foi un dianteiro enormemente listo, que sempre sabía onde colocarse e como rematar para poder marcar.
E no Celta actual?
Iago Aspas claro. E o xogador no que todos os rapaces novos nos fixamos e tomamos como modelo. Iago pola súa calidade profesional e humana pola súa condición de canteirán que chegou, polo seu talento e polo seu traballo, a ser un xogador da elite é a miña referencia sen dúbida ningunha.
Por que os dianteiros son os xogadores máis caros?
Pois porque é o que fai os goles. Todas as posicións son importantes pero o fútbol consiste en marcar un gol máis que o equipo contrario.
O Celta é o punto e final da túa carreira?
Non o sei claro, aínda son moi novo. O que é seguro e que me encantaría ser alguén importante no Celta non só porque é o equipo no que xogo, senón porque é o equipo que quero. Dea as voltas que dea a miña vida, me leven a onde me leven os meus camiños, eu sempre vou ser do Celta.
Esa implicación emocional co teu equipo que describes, é común nos xogadores da elite?
Non o sei, eu non estou na cabeza de ninguén. Supoño que en moitos casos si, e imaxino que nalgún outro pode ser que non.
Para cando o equipo feminino no Celta?
Non é algo que dependa de min. Pero si que estaría ben que existise.
O Depor chegou a gañar a liga española. Sería utópico pensar que nós poidámola acadar algún día?
Bufff vaia pregunta. Eu creo que o da liga do Depor ,ou cando a gañou a Real Sociedade ou o Atlhetic de Bilbao eran nunhas circunstancias diferentes. Agora as distancias económicas entre os equipos máis relevantes, e os demais, son tan abismais que non parece un obxectivo realista. Agora ben, o Celta merece un título de primeiro nivel. Non sei se a liga, a copa a Europa League, non o sei, pero un título merecémolo, pola nosa historia merecémolo. E buahhh se eu puidese participar nalgo así, sería ,é que non sei o que sería, pero pouco menos que inenarrable para min.
Por que a liga case sempre a gañan os mesmos dous equipos?
Porque son que teñen as posibilidades económicas máis elevadas
Rematamos Miguel, agradecéndoche o teu tempo, desexándoche toda a sorte do mundo e coa convicción de que esta é a primeira entrevista intensa das moitas que che farán
Grazas a vós polo interese. Eu son moi consciente de que teño moito que aprender, pero como che dixen antes o fútbol é a miña paixón, e vou pór todo o que teño para vivila coa máxima intensidade posible, todos os anos posibles.