E agora tócanos o Tomiño, o equipo que leva o nome do Concello. Eles normalmente xogan no campo do Alivio, pero un retraso inesperado nas obras destinadas a mudar a herba natural pola sintética fixo que a temporada anterior tivesen que disputar os seus partidos no terro da Carballa. Agardemos que pronto se solucione e que os afeccionados e afeccionadas do equipo poidan gozar da apaixonante primeira autonómica enchendo novamente o histórico terreo do Alivio. Nós falamos co seu presidente
Manuel Vila
“PARA NÓS, NON PODER XOGAR NO ALIVIO SUPUXO UNHA TEMPORADA MOI COMPLICADA ECONOMICAMENTE”
Como é que un home de Sanguiñeda chega a ser presidente do equipo de fútbol de Tomiño?
Pois porque casei aquí, e xa levo moitos anos vivindo en Tomiño, en concreto na parroquia de Barrantes
Cantos anos levas en Tomiño?
27
Ben xa es máis de Tomiño que de Mos?
Fáltame pouco, aínda me queda un anaco para levar os mesmos anos aquí que no meu pobo natal
Confesa Manuel, se xogase un partido o Tomiño contra o Alerta de Sanguiñeda con quen irías?
Xa xogamos en Sanguiñeda, e aínda que non puiden evitar emocionarme porque eu, de novo, xogaba alí, fun co Tomiño por suposto
Como se produciu a túa chegada á directiva do Tomiño?
A min sempre me gustou o fútbol, fun desde moi pequeno socio do Celta, e nunca perdín a afección. Cheguei a xogar no Mosende e nas categorías inferiores do Porriño Industrial, e como che dixen casei en Tomiño. O meu fillo xa desde moi pequeno quería practicar este deporte e eu leveino ao Tomiño. E dous directivos amigos meus liáronme para que lles botara unha man
Estamos falando do ano?
1.998
Caramba levas 22 anos na directiva do equipo?
Non, estiven 11 anos levando o fútbol base. Hoxe as categorías inferiores xogan co nome de AD Tomiño.
E despois deses 11 anos?
Deixeino e estiven 3 ou 4 anos desvinculado, e logo cando o meu fillo comezou a xogar no equipo, pois , estamos falando de arredor do 2.014 volvinme meter, inicialmente de secretario, e logo ante a forzosa dimisión do anterior presidente por motivos laborais pois asumín eu a presidencia hai catro anos
Estes anos en que categoría vos movestes?
Entre segunda e terceira
Hai canto tempo non estabades en primeira?
Non cho podo precisar con seguridade pero hai bastantes anos
Eu coñezo a moitos presidentes de equipos modestos, e a maioría dinme que que o cargo inevitablemente leva a ter problemas familiares pois hai que dedicarlle tanto tempo, pois todo se fai por puro voluntarismo, que as tensións na familia non se poden evitar. No teu caso?
No meu caso non é así, se cadra porque levo tanto tempo no asociacionismo, non só no deportivo, que a miña familia xa está afeita. Asemade á miña muller tamén lle gusta o fútbol e ven comigo aos partidos. Iso non quita que efectivamente rouba moitísimo tempo da vida persoal
No Goián definen como boas as súas relacións co Concello, pero pensan que eles tiran un pouco máis por vós se cadra por levardes o nome do Concello. Como son as vosas relacións co Concello? E cal é a túa valoración sobre esa opinión?
As nosas relacións co concello son boas, teño que dicir que con este concelleiro de deportes son mellores que as que tiñamos co anterior. E, en canto á valoración que me transmites non a comparto claro. Eu creo que o Concello procura tratarnos con equidade, tanto a Nós, como ao Goián como ao Tebra.
Vexo que o campo do Alivio está en obras, cando tedes previsto rematalas?
Este campo era de herba natural e o seu mantemento é economicamente moi elevado, asemade imposibilitaba que adestrásemos nel no inverno, e tiñamos que facelo no campo da Carballa, que tamén usan outros dous equipos, o que fai moi complicado que puideramos organizarnos. Estamos facéndoo de herba sintética
Cando prevedes ter rematadas as obras?
Xa deberan estar hai un ano, de feito o ano anterior tivemos que xogar na Carballa, o que foi un lío considerable para nós
Cantas persoas poden entrar no Alivio?
Na grada caben 500 persoas
Nun partido normal, sen ser de rivalidade, cantas persoas soen vir?
Unha media de arredor de 200 persoas
E nun Tomiño Goián?
Alí dispárase, poderiamos chegar incluso ás 600 persoas
E este ano que tedes previsto, xogar no Alivio ou continuar na Carballa?
Gustaríanos xogar aquí, de feito o concelleiro de deportes, Fran, cónstame que está facendo o imposible para que sexa así. O ano pasado , esta circunstancia de non poder dispoñer do noso campo fixo que economicamente fose dificilísimo
Porén deportivamente foi un ano de éxito
Si, estivemos case sempre en postos de ascenso. E cando tivemos o parón obrigado polas circunstancias sanitarias estabamos de segundos, en posto de ascenso directo, apenas a un par de puntos do primeiro
Preséntase unha primeira autonómica moi atractiva creo eu?
E tanto quer si, estaremos cinco equipos da nosa comarca dos que dous somos do noso concello, e eu entendo que haberá un bo número de partidos de moita tensión e emoción competitiva
De todos estes derbis cal é o de maior rivalidade para vós?
Eu penso que o que disputaremos contra o Goian, aínda que todos van ser con certeza moi bonitos
Que tal son as relacións co Goián?
Normais
O proxecto deportivo para a primeira autonómica vai mudar moito con relación a este ano?
Xa temos feito algunha fichaxe, algunha máis faremos e a base principal do equipo que nos levou a primeira continúa.
O equipo técnico continúa?
Si
Os xogadores de onde son?
A maioría son de Tomiño
Tedes algún de Goián?
Ha ha ha ha. Non, pero porque non cadrou, non por outra cousa. Outros anos si temos tido. E ademais o Goián si que ten algún xogador de Tomiño
A categoría natural do equipo, para ti, tendo en conta a socioloxía do Concello, cal é?
O problema é a falta de tecido empresarial que nos poida axudar economicamente, pero eu creo que mínimo a 1º autonómica, a categoría na que imos estar este ano
Os obxectivos deportivos para este ano?
Manter a categoría
O Tomiño só ten equipo senior verdade?
Efectivamente, as categorías inferiores xogan co nome do A.D Tomiño
E o equipo feminino?
Lévao outra directiva
Unha última pregunta; o fútbol modesto sen público é viable?
Non, de ningún modo