
A unión local da CIG no Baixo Miño abrangue 4 concellos, todos os da comarca agás o de Tui. Estas 4 localidades teñen unha poboación aproximada de 32.000 persoas. Se descontamos ás que aínda non están en idade de traballar e ás que xa están xubiladas non creo que cheguen a 20.000 como moito. Pois ben , máis de 2.000 desas persoas son afiliadas á CIG. O traballo inconmensurable dos sindicalistas nacionalistas da comarca que ao longo de décadas bateron, un día si e outro tamén, nas fábricas e negocios das súas localidades ofrecendo unha man amiga a quen sufría represión ou necesitaba axuda , non ten prezo e debe ser recoñecido e valorado na súa xusta medida por todas as persoas que teñan sensibilidade social e política. Nós ,que si a temos, así o facemos, e unha vez máis foi un pracer conversar co noso amigo Fin, o responsable da unión local da CIG na comarca, para coñecer o estado das cousas no eido laboral. Velaí vai o que deu de si a nosa charla.
“ Traballar polo ben común da clase traballadora, e por defender á nación galega de quen nos nega o dereito a existir é a forma máis digna que se me ocorre de pasar por este mundo”
Como está sendo , desde o punto de vista laboral e sindical, este novo mandato no que volves ser o responsable comarcal da CIG no Baixo Miño?
A situación non é boa. Vivimos unha fase, na historia da humanidade, na que os dereitos da clase traballadora están en franco retroceso. E semella que hai que estar en permanente tensión para combater os abusos que de maneira sistémica o capital exerce contra os traballadores e traballadoras.
E no Baixo Miño?
A nosa comarca non é allea ao que pasa no mundo. Nós tamén vivimos unha fase de precariedade laboral crecente e de problemas constantes. Fíxate que camiño levamos que esta situación de precariedade chega tamén á administración pública que chega a contratar a auténticos “ piratas”.
A que te refires?
Pois por exemplo a un caso concreto que aconteceu na Guarda: O concello licita un servizo de limpeza, e contratan a unha empresa de Huesca. Pero son empresas que para gañar o concurso ofertan tan á baixa que ao seguinte mes xa non lle pagan aos traballadores. Este é un exemplo dun fenómeno cada vez máis frecuente…..E quen paga o pato sempre? Os traballadores e traballadoras
Supoño que serán episodios de moi difícil solución?
Abofé que é así. Unha vez que temos noticia do conflito intentamos contactar coa empresa pero resulta extraordinariamente complicado, pois adoitan ser empresas fantasmas .A administración debería poñer os medios para que as licitacións caian en mans de empresas serias e solventes pois de non ser así case seguro que máis cedo que tarde teremos problemas serios.
No sindicato notades un incremento de reclamacións laborais?
Si, por desgraza e así. O que indica claramente que a situación do mercado laboral está moi lonxe de ser boa. Un sector que me preocupa moito , pois vexo un elevado número de problemas ultimamente, é o da construción. Aínda estes días atendín a un traballador que levaba tres meses sen cobrar o seu salario¡¡
A Unión local da Guarda ten estrutura suficiente para dar resposta a todas as necesidades que atende?
Intentámolo, pero somos os que somos.
Cantos sodes?
Unha administrativa, un avogado e máis eu. Un día á semana ven un compañeiro de Vigo a botar unha man.
Tres persoas máis a axuda puntual dunha cuarta, só un día á semana, paréceme pouco para atender as necesidades de A Guarda, O Rosal, Oia e Tomiño?
O nivel de traballo é moi elevado, si, iso é certo. Estamos a tope todo o día.
A comarca da CIG Vigo, á que pertence a unión local do Baixo Miño, pórtase o suficientemente ben con vós? Ou serían necesarios máis esforzos pola súa parte?
A nós gustaríannos que nos facilitaran máis medios, claro que si, pero estou seguro de que eles fan todo o que poden pois tamén teñen as súas limitacións. A relación con toda a executiva é moi boa e non teño ningunha queixa.
Cantos afiliados e afiliadas ten a Unión Local?
Pasamos dos 2.000.Estamos en máximos históricos non só da CIG senón de toda a historia do sindicalismo na nosa comarca.
Que porcentaxe son mulleres?
Aproximadamente o 40%. A presenza da muller no sindicato é cada vez maior. Tardaron moito en vir, pero cada vez son máis e eu alégrome moito. Ademais
o que estou observando ultimamente é que á hora do conflito, en liñas xerais, a muller é máis valente e combativa que o home. As folgas que mellor saíron foron as que protagonizaron mulleres
Por exemplo?
A do SAF. Unha folga de 26 días nos que as protagonistas amosaron unha valentía e un compromiso solidario e fraternal de nivel superlativo. O sindicalismo na súa mais pura esencia.
Como están os datos do desemprego na comarca?
A 31 de agosto nos 5 concellos do Baixo Miño hai 2.579 persoas demandantes de emprego. O 5,25% do desemprego da provincia de Pontevedra é da comarca do Baixo Miño. Unha barbaridade que na realidade é peor do que reflicten as cifras, porque os chamados “ fixos descontinuos”, que se cadra só traballan uns poucos días ao mes, non figuran como desempregados. E xa me dirás se unha persoa que traballa unha semana ao mes, por exemplo, pódese considerar que ten traballo?? , un traballo que lle permita vivir??.Non, claro que non.
Rematamos, malia que aínda faltan máis de dous anos para a renovación orgánica ti estás ben de ánimos para seguir?
De aquí ao próximo congreso aínda falta tempo e xa veremos o que acontece, pero en principio non teño problema algún en seguir. Eu estou moi ben de ánimos, teño folgos de abondo e sigo pensando o mesmo que cando tiña 20 anos:traballar polo ben común da clase traballadora, e por defender á nación galega contra os que negan o noso dereito a existir é a forma máis digna que se me ocorre de pasar por este mundo.