O concello rompe a tendencia á baixa en Galicia, onde xa se caeu dos 2,7 millóns de habitantes
Ponte Caldelas, 28 de decembro de 2019
Os datos publicados hoxe polo INE revelan que Ponte Caldelas segue a medrar e rompe coa tendencia á baixa dos municipios rurais do interior. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, Ponte Caldelas iniciou o 2019 con 5.494 habitantes, tres máis que no inicio de 2018. Unha pequena subida que confirma que a dinamización que se está a levar a cabo a nivel municipal funciona e que Ponte Caldelas é un lugar onde a xente quere vivir.
Ofrecer emprego no Polígono da Reigosa e dinamizar o concello con actividades culturais, deportivas, festas e outros eventos supoñen unha inversión que fai medrar Ponte Caldelas, pese a ter máis do doble de falecementos que de nacementos, unha tónica xeral en toda Galicia. O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca tamén que ao revisar as series históricas de poboación pódese comprobar perfectamente como o Concello pasou de case 7.000 habitantes en 1996 a correlo serio risco de baixar de 5.000 en 2014. Non foi ata 2015 cando se conseguiu estabilizar un padrón que, dende entón, está estabilizado arredor dos 5.500 habitantes. Podemos confirmar xa que en 2019 volveremos a subir poboación, porque os datos do Padrón Municipal confirman que seguimos mantendo a tendencia á alza.
Se comparamos os datos cos concellos rurais da contorna observamos como os únicos que incrementan poboación son Ponte Caldelas e A Lama, concello veciño co que actualmente Ponte Caldelas se atopa ben comunicado e que se está a suplir a falta de vivenda no noso municipio, pois son moitas as persoas que traballan en Ponte Caldelas e alugan vivienda en A Lama, dado o déficit de aluguer que existe en Ponte Caldelas, onde hai unha lista de espera de 100 de persoas para alugar unha vivenda.
Pola súa banda, a tendencia en Fornelos de Montes e Cerdedo-Cotobade é á baixa, como na maioría dos concellos rurais galegos. Fornelos perdeu 24 persoas e Cerdedo-Cotobade baixou o censo en 116 persoas. Se temos en conta os datos a nivel galego, a tendencia é totalmente á baixa, pois pasouse de 2.701.743 a 2.699.499 habitantes. Traballo, dinamización e unha boa xestión municipal, esas son as claves polas que se aposta dende o Concello de Ponte Caldelas para seguir mantendo poboación e que están a dar os resultados previstos.