Trátase dun curso de atención sociosanitaria de 140 horas de formación, con 100 horas de prácticas en axuda no fogar
A empresa adxudicataria do SAF en Ponte Caldelas, Idades, prevé contratar ao 70% dos participantes
Ponte Caldelas, 29 de novembro de 2019
O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Idades, xestora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponte Caldelas, van impartir un curso de formación de 140 horas (40 teóricas e 100 prácticas) para que 20 persoas empadroadas no municipio se formen en axuda no fogar. É un curso gratuíto para os beneficiarios, pero que será financiado entre o Concello de Ponte Caldelas (30%) e a empresa Idades (70%). Baixo o título ‘O servizo de axuda no fogra e a excelencia profesional’ o alumnado formarase para atender a persoas en situación de dependencia, resolver as súas necesidades e mellorar a calidade de vida destas persoas. As 100 horas de prácticas realizaranse con usuarios de Ponte Caldelas, tuteladas por auxiliares de axuda a domicilio, de maneira que o alumnado coñecerá de primeira man cómo se traballa e cómo se trata ás persoas dependentes. A empresa Idades prevé contratar ao 70% das persoas que participen no curso, polo que é indispensable que o alumnado dispoña de vehículo propio, dispoñibilidade horaria e que teña interese en traballar en axuda no fogar. A inscrición deben facerse no Concello de Ponte Caldelas antes do 15 de decembro, días despois realizarase a selección do alumnado por parte da empresa Idades e está previsto que o curso se inicie a mediados do mes de xaneiro. As clases serán tres días á semana de 10.00 a 14.00 horas. No curso tamén visitarán Residencias de Maiores, recibirán charlas sobre violencia de xénero, acoso e recibirán as claves para saber desenvolverse en momentos de conflicto cos usuarios. Este curso tamén acumula horas de formación non reglada e puntúa para obter o certificado de profesionalidade.