
No día de hoxe unha representación da plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública reuniuse coa xerente do 061, Adriana Regueira, continuando así coa nosa rolda de reunións coas diferentes administracións responsables da atención sanitaria pública para lles dar a coñecer as reivindicacións da veciñanza e procurar solucións rápidas que solucionen os graves problemas que estamos a padecer nos últimos anos.
O tema tratado coa xerente foi, como xa tiñamos anunciado, o da demanda dunha ambulancia que dea servizo ao PAC de Cerdedo. Estamos ante unha necesidade de primeira orde, como estamos a
comprobar cos diversos problemas e incidentes relacionados co transporte aos domicilios do persoal do PAC à hora de atender as urxencias, e tamén co desprazamento de pacientes aos hospitais. A representación da plataforma informou da situación, sinalando os problemas co servizo de taxis e co de ambulancias, problemas que provocan en ocasións unha demora innecesaria na atención a domicilio ou no transporte ata os centros hospitalarios, unha demora que pon en perigo as nosas vidas e saúde cando nos atopamos con casos que son verdadeiras emerxencias.
Á hora de valorar a reposta da xerente do 061, temos que dicir que se mostrou comprensiva coas nosas reivindicacións, concordando coa idea de que unha ambulancia vinculada ao PAC de Cerdedo é unha necesidade básica para a zona. Isto reafírmanos en que a nosa demanda é lóxica e fundamental, e en que a ausencia dunha ambulancia no noso PAC é unha carencia grave e inxustificable.
Infelizmente, a pesar destas boas palabras, a xerente non se comprometeu a nada máis que a “avaliar” as peticións da veciñanza, rexeitando mesmo a posibilidade de que a ambulancia vinculada ao PAC sexa medicalizada, dicíndonos que, na súa opinión, só podería ser unha ambulancia con soporte vital básico. Informounos, ademais, de que será no actual concurso de ambulancias onde se tratarán as nosas demandas e necesidades, concurso que se resolverá a finais deste ano.