María Ortega propón a loita contra a impunidade e a reivindicación das ideas como eixos da programación de memoria histórica da Deputación

Memoria Histórica Deputación Pontevedra A Nova Peneira

A deputada nacionalista instou ás entidades memorialísticas da provincia tecer unha rede de colaboración para desenvolver un proxecto plurianual

Pontevedra, 13 de setembro de 2019

A loita contra a impunidade e a reivindicación das ideas vixentes antes do golpe de estado do 36 serán os eixos da programación e das actividades que a área de Memoria Histórica da Deputación desenvolverá no vindeiro mandato. Así llo trasladou a deputada María Ortega ás e ós representantes de vinte entidades de memoria no encontro mantido onte como primeira toma de contacto.

A responsable nacionalista sinalou a importancia de tercer unha rede de coñecemento e colaboración na que os colectivos e a administración provincial manteñan un ‘feedback’ constante que permita desenvolver un proxecto plurianual con actividades propias de difusión, divulgación e homenaxe, tendo en conta o trinomio ‘memoria, xustiza e reparación’.

Ortega destacou a importancia de dar pulo non só á investigación e difusión das vítimas dente a parte humana e do drama persoal, senón tamén a sacar peito dun modelo de sociedade e de país que quedou truncado co alzamento fascista. “Hai que sacar peito desa sociedade que querían crear. Co golpe mataron un modelo adiantado de país e hai que reivindicar esas ideas tanto dende unha perspectiva de xénero como de clase, porque son o xerme do que somos hoxe e vislumbran o que poderiamos ter sido”, dixo Ortega.

A deputada responsable de Memoria tamén destacou o compromiso da Deputación contra a loita contra a impunidade e adiantou que nese sentido centraranse –entre outros- os actos institucionais vencellados ao vindeiro 12 de novembro.

Pola súa banda, representantes dos colectivos de memoria histórica celebraron a iniciativa da reunión e subliñaron a importancia de traballar dirixíndose á xente moza por medio dos currículos escolares, algo que a propia deputada considerou fundamental e asegurou ter previsto tratar no seu plan de actividades.

No encontro, no que se puxeron de manifesto as dificultades que atopan os colectivos de memoria para o desenvolvemento das súas actividades e as súas necesidades, participaron as seguintes entidades do movemento memorialístico na provincia: A.C.Vagalume (A Estrada); Alén-Nós (Redondela); Amigos de Johan Carballeira (Bueu); Arbo Memoria Histórica; A Regaduxa (Memoria Histórica de Vilaboa); ARMH 28 de agosto (Cangas); ARMH de Marín; Asamblea republicana de Vigo; Asociación viguesa pola memoria histórica do 36; Ateneo de Moaña; Capitán Gosende (Cerdedo-Cotobade); Fundación Alexandre Bóveda; Iniciativa cidadá pola memoria (Vilagarcía); Instituto de Estudos Miñoráns; Memoria de Mos; Memoria de Valga; Sempre con vós ; Sinhor Afranio (Lalín); CeAqua e IGM.