25 de Xullo. Día Nacional de Galicia

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O pasado sábado foi o día nacional do meu país, porén foi un 25 de xullo diferente. As circunstancias sanitarias que vive a humanidade, inmersa na loita contra a pandemia vírica do coronavirus, fixeron que por primeira vez en varias décadas non estivera percorrendo as rúas de Santiago canda milleiros de homes e mulleres que, coma min ,queremos expresar tanto a nosa convicción de que Galicia é unha realidade singular no mundo, nin mellor nin peor que ningunha outra , pero diferente a todas as demais, como a nosa determinación de que como o mar que ilustra a imaxe da nosa portada bate nas rochas unha e outra vez , día a dia e ano a ano ata os límites da eternidade, remata por conseguir aos poucos mudar as pétreas realidades que semellaban inmutables , batendo coa forza do noso amor e o exemplo dos nosos comportamentos na conciencia colectiva do pobo galego unha e outra vez, día a día e ano a ano ata os límites da eternidade rematemos por mudar as pétreas realidades que parecen inmutables e convencer á inmensa maioría social deste país dalgo tan sinxelo é á vez tan revolucionario como que os asuntos que atinxen aos intereses do noso pobo deben de ser xestionados polo noso pobo, pois ese é o único camiño posible para que o interese xeral do pobo galego non estea subordinado ás razóns de outros, igualmente lexítimas abofé, pero que non son as nosas.

O 25 de Xullo non estiven en Santiago, paseino, noutra fermosa rexión deste país, na serra da Groba da comarca do Baixo Miño admirando a beleza sen igual da maior reserva de cabalos salvaxes en liberdade do planeta terra, aquela na que a voracidade dos axentes comerciais das oligarquías económicas, agochados baixo a forma dun partido político fundado por varios ministros franquistas, un día quixo converter en campo de golf para o goce dos señoritos “castellanos de castilla” e que agora ameaza cun novo proxecto en forma de parque eólico, como tan ben describe a nosa compañeira Montse Fajardo nunha brillante reportaxe que poden ler nas mesmas páxinas desta edición. Alí xunto ao meu amigo Xosé Abelenda , un galego ao que como tantos e tantas non lle quedou máis remedio que gañar a vida fóra de Galicia, e que ten un fillo que naceu o mesmo día que naceu á miña filla, analizamos o resultado das pasadas eleccións autonómicas e ambos concluímos que o nacionalismo galego non pode desaproveitar a ocasión histórica dun esperanzador ciclo político que semella querer agromar. O partido popular volveu gañar as eleccións e toca darlle os parabéns e desexarlle todo tipo de acertos e sorte na súa xestión, pois os seus acertos serán os do pobo galego no seu conxunto. Porén non podemos esquecer que o modelo social que defende o partido cuxo presidente se avergonza dos seu nome, pois eliminouno en todos os carteis da campaña electoral, o liberalismo económico e a moral conservadora ,é a causa directa da pobreza e a fame no mundo, alén de ser motor dos peores períodos de represión da historia da humanidade. O PP poderá xestionar mellor o peor, agardo que o fagan de marabilla, pero o seu modelo de sociedade non serve máis que para xerar pobreza e aumentar as fendas entre quen ten moito e quen nunca poderá ter nada. O Nacionalismo galego tirou un resultado espectacular multiplicando por 3 os seus votos e os seus escanos, pero non é a primeira vez na recente historia de Galicia que acontece un fenómeno semellante, pois así sucedeu cando Beiras era portavoz nacional do BNG, e todo ese caudal político foi desperdiciado ata o punto de que hai escasos anos o nacionalismo organizado como expresión política propia correu un risco moi serio de desaparecer. Xa que logo, cómpre aprender de erros pasados para non repetilos e, ao meu modo de ver, traballar nas seguintes chaves;-O nacionalismo acadou algo máis de 300.000 votos, pero en Galicia non hai 300.000 persoas, que se sintan nacionalistas. É unha suma de razóns diversas ás que levaron a milleiros de persoas non nacionalistas a depositar a súa confianza no proxecto encabezado por Ana Pontón.-O voto prestado é como o amor , hai que traballalo para conservalo. Só a humildade, o traballo incansable na defensa dos intereses colectivos, a cohesión interna( por favor Amio nunca máis),os comportamentos escrupulosamente éticos, a contundencia superlativa contra calquera acto inmoral, veña de quen veña, e o tratamento respectuoso a todas as persoas poden facer que o que hoxe é un préstamo mañá sexa un compromiso permanente. E coñecendo persoalmente como coñezo a Ana, a Néstor, a Noa, a Mini, a Bieito, a Luis, a Manu…a esperanza alumea a miña realidade , sei positivamente que van traballar con humildade absoluta e de maneira incansable .E como o mar que bate nas rochas e remata por transformalas baterán unha e outra vez na conciencia colectiva do noso pobo ata transformar as realidades en aparencia intransformables.