Constante González, artesán da madeira da parroquia de Cabreira , Salvaterra

Constante Cabrera

Como converter un anaco de madeira nun pedazo de ceo

Na parroquia de Cabreira vive Constante. El é un home xa xubilado, que dedicou case toda a súa vida profesional ao mundo da carpintería. Pero alén de gañar a vida facendo portas, ventás e calquera obxecto de carpintería que lle encargaran, Constante naceu cun don, un talento especial que lle permite crear, coa madeira, pezas de incrible beleza. Nós tivemos o privilexio de contemplar parte do seu traballo exposto e desde as nosas páxinas apelamos á sensibilidade do Concello de Salvaterra para que axuden este veciño a dar saída ás súas pezas, insisto de extraordinaria calidade, e non permitan que se perda o froito de tan grande talento.

De onde es natural Constante?

De aquí de San Roque. Parroquia de Cabreira

A que che dedicaches profesionalmente?

Partindo de que a miña infancia foi complicada e nunha posguerra difícil. Crieime no campo, fun un neno labrego e non puiden ir moito á escola. Os profesores viñan un mes e non aparecían máis en todo o curso, ata que no último ano veu un profesor que fixo as cousas ben e conseguín o meu certificado de estudos primarios.

Con 12 anos xa empecei a traballar nun serradoiro da familia.

Aquí en Cabreira?

Si, nese que está á beira do cemiterio.

É do traballo do serradoiro de onde che vén a afección polo traballo artístico coa madeira?

Non, eu creo que é xenética, vénme de familia. Todos os meus antepasados dedicáronse á madeira. Sobre todo, o meu bisavó e o meu pai, que eran moi bos carpinteiros.

E todos facían arte coa madeira?

O meu bisavó, que era portugués e casou aquí coa miña bisavoa, si. O resto, non.

Foi o teu bisavó o que che iniciou no traballo da madeira?

Non, nunca cheguei a traballar con el. Comecei a traballar co meu pai na carpintería. El ensinoume o básico, levábame con el ao taller de pequeniño e poñíame co esmeril manual, xunto ao meu irmán maior e afiabamos as trenchas. A min aquilo non me gustaba, a min gustábame traballar a madeira. Pero o meu pai freábame e dicíame, non, se queres ser un bo carpinteiro primeiro tes que aprender a preparar a túa ferramenta. Frase que me quedou para o resto da vida.

Despois do taller tívenme que ir ao servizo militar e cando me licenciei, fun á Capitanía Xeral a pedir un permiso para poder emigrar. Marchei a Suíza.

E cando regresas volvícheste para o serradoiro?

Non, fun traballar a Plastibarro en Vigo. Esta era unha empresa que facía falsos teitos e decoración. Aquí foime ben, puxéronme de oficial de primeira aos 6 meses e estiven unha tempada traballando.

Sobre o ano 74-75 e en contra da opinión do meu pai, fun traballar a Citroën. E máis adiante a unha carpintería a Ponteareas

Foi aquí cando empezaches a crear estas cousas tan bonitas?

A vea artística tíñaa desde neno, pero foi cando me xubilei nesta empresa cando comecei con isto.

E canto tempo fai?

Hai 14 anos, desde o ano 2008.

Que fas con todas pezas que creas, fas exposicións, véndelas?

O de vender é difícil, teño pezas que me levan moitísimo tempo e son moi complicadas de elaborar. Se fas números coas horas que botas, o prezo sería desorbitado, e ademais as madeiras son caras tamén. Eu non se poñerlle prezo ao que fago, é complicado.

Con que madeiras traballas?

Con moitas, xatoba, freixo, nogueira, acacia.

Cales son as que máis che gustan para moldear?

Todas, a madeira forma parte de min.

Disme que é difícil poñerlle prezo á arte, pero, supoño que venderías algunha peza?

Moi pouco. Cando fago algunha exposición xa digo que non está en venda, prefiro non vendelo.

Por que?

Porque se pides o que vale á persoa interesada vai dicir que a estás estafando. Non teño nin idea que valor poñer, seguramente necesitaría poñerme en contacto cun marchante de arte para que lles puxese valor ás miñas pezas.

Onde tes feito as exposicións?

A primeira foi en Lugo e para esta tiña poucas pezas. Alí sentinme humillado porque había moitos artistas de todo o mundo e con moita categoría, pero que só traballaban con torno e a miña obra non tiña nada que ver co torno. Paseino fatal porque levaba moi pouquiñas pezas e doutro traballo diferente. Resulta que cando coloquei as miñas pezas na mesa comezouse a amontoar a xente ao redor do meu traballo, ata saíu en prensa e tivo unha dimensión tremenda porque ninguén coñecía esa forma de traballar.

Fixeches algunha exposición máis?

Antes da pandemia fixen unha no Corpus de Ponteareas, na Praza de Abastos.

Estás aquí neste local, coa túa muller, tedes descendencia?

Si, dúas fillas.

E cando dentro de moitos anos vós faltedes que vai pasar con toda esta obra?

Pois o que elas queiran. Eu estou convencido que o día que falte, isto vai ter máis valor do que ten agora.

Chámate a xente para vir ver o teu traballo?

Si, cando estaba o bar aberto eu viña abrir e miraban o que hai no escaparate. Os domingos isto estaba cheo de xente, pero agora co bar pechado pois me chaman e ábroo sen ningún problema.

E nunca se che deu o caso de que alguén se dirixise a explicitamente a ti por unha obra en concreto e preguntarache o prezo porque o quería comprar si ou si.

Si. Tiven que vender algunha cousa pequena porque non me quedou máis remedio, Risas…

Tamén téñoo pasado mal. Teño aquí unha peza cunhas botellas de cristal que me levou uns 25 días facela e unha señora quería comprala para facer un detalle. Comenteille que era mellor que mercara algo de plástico para facer o detalle, que isto non era para facer un detalliño, que lle ía a saír moi caro. Se lle chego a pedir o valor desta peza ía ter unha “inimiga”, non podía venderlla.