No mes que celebramos o día da nación galega achegámonos ata Pontevedra a analizarmos a situación do nacionalismo e o estado social e político de Galicia con Luís Bará, vello amigo das nosas páxinas. Luís amósase preocupado polo contexto económico tan complexo no que estamos a vivir pero tamén ambicioso e optimista en que o BNG sexa quen de dar o salto necesario para gañar a confianza da maioría da sociedade galega, e que por primeira vez na nosa historia o interese xeral do pobo galego sexa o único criterio que determine a acción política do próximo goberno galego.
A conversa acougada e tranquila con Luís Bará fíxome lembrar a aquela canción, ao meu xuízo unha das mellores da historia do rock, que dicía algo así como:
“Tes un arrepío na escuridade, chove, pero de súpeto deteste e telo todo…..escoitas á nosa banda e faite sentir ben…..somos os sultáns, somos os sultáns do Swing”, pois o seu optimismo ,ambición, que non frivolidade, e lucidez son das que permiten manter aceso o facho da esperanza en que algún día este país poida xestionar o seu presente e o seu futuro como mellor lle pareza .
“ Para a defensa dos intereses deste país é fundamental que o BNG dirixa un goberno con maioría nacionalista, e coa valentía necesaria para disputarlle a maioría social de Galiza ao PP”
A piques de chegarmos a un novo 25 de xullo, cóntanos que ten pensado facer o BNG para celebralo?
Organizamos unha campaña con actos ao longo de todo o país a modo de previa da gran celebración do propio día 25 que é o acto máis importante para o nacionalismo
E, polo volume e dimensións que tradicionalmente ten esa convocatoria, eu diría que o acto máis importante de todo o país, non cres?
Abofé que é así .Non hai ningunha outra forza política que sexa capaz de reunir a ese número de persoas .Recentemente o PP fixo un acto político coa presenza de Feixoo no que reuniron a 4.000 persoas e vendérono como se fose o non vai máis. A nosa capacidade de mobilización é un valor enorme que ten o BNG e en relación a convocatoria concreta do día da patria o que significa, que hai un moi importante sentimento de Galiza como nación, é máis relevante aínda.
En que van consistir os actos previos?
Son actos que mesturan o contido político co lúdico e festivo. Por exemplo este domingo teremos un moi bonito no Concello de Mondariz Balneario coa presenza de Ana Pontón
Nese concello nas municipais do 19 quedastes a 3 votos de gañar a alcaldía. Desta volta irá?
Prefiro non facer prognósticos pero é unha realidade que na provincia hai varios concellos, entre os que está Balneario, nos que estamos nas mellores condicións para acadar a alcaldía. Estamos facendo moi bo traballo é agardo que a maioría da sociedade saiba aprecialo prestándonos a súa confianza
Nos últimos meses A Nova Peneira fixo distintas reportaxes sobre a saúde do nacionalismo nas diversas comarcas nas que está presente e todos os responsables comarcais cos que falamos coincidiron en que a saúde, nas súas áreas de influencia, é excelente. Ti que estás na executiva nacional e tes unha visión máis global coincides en que a situación xeral do BNG en todo o país é tan boa?
A nivel nacional posiblemente esteamos na mellor fase de toda a historia do nacionalismo. Estamos nun momento expansivo, xerando ilusión e cun liderado que é capaz de aglutinar a sensibilidades moi diversas. A situación xeral é moi boa, pero non é igual en todas as comarcas. Hainas moi boas e tamén as hai nas que por razóns diversas estamos un pouco máis frouxos
Estamos nun contexto económico de extraordinaria dificultade cunha inflación desbocada que ameaza con empobrecernos a todos. Cal é a valoración política que fai o BNG sobre as súas causas, e as vosas receitas para combatelo?
O contexto é moi complexo, si, e as súas causas son moi diversas. Xúntanse a crise anterior, o cataclismo da COVID e as consecuencias da guerra de Ucraína. Semella que tamén hai parte de voluntariedade, é dicir, de fabricar crise co gallo de aumentar os niveis de beneficios das oligarquías económicas e concentrar recursos e poder en cada vez menos mans.
Así pois a suba brutal de prezos da enerxía é un proceso puramente especulativo, non está xustificado por razóns obxectivas. A propia axencia internacional da enerxía afirmaba que neste ano as empresas van gañar 200.000 millóns de € máis do que tiñan previsto.
Por outra parte a suba dos tipos de interese e a política de contracción do gasto público, decisión tomada polas institucións económicas europeas, vai afectar especialmente a estados como Italia ou España que teñen un nivel de débeda moi elevado. E quen o vai notar especialmente?, como sempre as clases populares.
O escenario ten moi mala pinta. Quen se beneficia disto?
Os grandes poderes económicos e a dereita política que está a construír un discurso que responsabiliza da situación á suposta esquerda que goberna no estado.
No que se refire á túa pregunta sobre as propostas que fai o BNG; nós formulamos a necesidade de medidas de choque por parte da Xunta, que tamén ter que tomar decisións. Nós propomos unha inxección de 700 millóns de € en axudas autonómicas para os sectores máis afectados, axudas á vivenda, incremento da contía das pensións non contributivas .Iso sería para tratar de aguantar a treboada que ven, pero logo tamén propomos medidas estruturais para tratar de evitar, na medida do posible, as tormentas futuras que serían o cambio do modelo económico e o reforzo do autogoberno.
Se Galicia fose un país que puidese dispor libremente dos seus propios recursos estás firmemente convencido de que pagariamos menos pola electricidade?
Sen ningunha dúbida. Nós exportamos case un 30% da enerxía que producimos e se tiveramos instrumentos políticos para decidir como manexar iso obviamente pagariamos un recibo máis económico
A onde a exportamos?
Ao resto do estado. Madrid produce menos do 5% da enerxía eléctrica que consume. E nós estamos en arredor do 130%
Tamén vai subir o prezo da auga?
O PP cando gobernan outros ten un discurso que defende a baixada de impostos, pero cando goberna, como é o caso da Xunta, o que fai é subilos como é o caso desta lei que veñen de aprobar, chamada do ciclo da auga, que vai supor unha importante suba de impostos
Ímolo notar no recibo?
Especialmente nas zonas cuxas depuradoras estean xestionadas por augas de Galicia
Sobre a retirada da tarxeta básica que opina o BNG?
Nun contexto ten grave como este a retirada deste instrumento de protección social parécenos intolerable.
Cantas persoas eran beneficiarias da tarxeta básica?
Arredor de 60.000
Onte asistín á presentación en Vigo da obra de Carlos Callón:” O libro negro da lingua galega” e ese evento, por desgraza, non fixo máis que reafirmarme na miña convicción de que , para calquera persoa que teña ollos para ver e oídos para oír, a situación da lingua galega é enormemente preocupante. Cal é a túa opinión?
Se o vemos desde un punto de vista obxectivo, puramente científico, o panorama é desolador incluso podería parecer que non hai solución. Porén é tamén unha realidade a existencia de múltiples colectivos e milleiros de persoas que queremos e sentimos ao galego e non imos permitir a morte do noso idioma. Se tiveramos un goberno comprometido de verdade coa lingua galega que tivese a vontade política de facer efectivas medidas que puidesen axudar a protexer ao galego, como lingua de uso na vida cotiá non como a un instrumento estético para eventos concretos, a situación desoladora pódese reverter.
Pero o se fai xa ou en dúas xeracións isto desaparece Luís, porque se nas persoas que agora teñen entre 5 e 14 anos só hai un 25% que usan o galego como idioma habitual é que a transmisión xeracional está rota e cando esa xeración sexan avós e avoas o idioma non existe como lingua de uso na vida diaria. E non fago ningunha consideración política é unha cuestión puramente matemática?
Para este asunto, e para outros que teñan que ver cos intereses do noso país, é fundamental dirixir un goberno que teña maioría nacionalista e a valentía necesaria para disputarlle a maioría social do país ao PP
Con que ánimos e expectativas afrontades o próximo proceso electoral , as municipais do ano 2023?
A nosa situación é moito mellor que a que tiñamos antes das municipais do 2019.Somos claramente a alternativa ao PP e , xa que logo, o noso ánimo non ten límites e as nosas expectativas realistas están dirixidas a conservar todas as alcaldías que temos, a gañar outras nas que no 19 estivemos cerca de facelo e a medrar socialmente, de maneira significativa, en todo o país galego.
E para rematar, será posible que nas autonómicas do 2024 por primeira vez haxa unha presidenta nacionalista no noso país?
Eu creo que estamos no mellor momento para poder conseguilo e no que dependa do BNG desde logo imos dar o mellor de nós mesmos para que sexa así. Temos razóns para sermos optimistas, somos moi ambiciosos e a nosa idea é disputar e gañar a hexemonía social de Galiza ao PP