O Colexio de Porto Cabeiro en Redondela no olimpo dos colexios de Galicia

CEIP Porto Cabeiro
Susana, dinamizadora lingüística, e Celia, secretaria con dous dos carteis gañadores
Tino Lago

O colexio de Porto Cabeiro resultou gañador dun premio convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co gallo das conmemoración das letras galegas deste ano, dedicadas con toda xustiza á escritora Xela Arias. Este premio é convocado para que participen, se queren, todos e cada un dos colexios do país galego, e o de Cabeiro, o cole dunha pequena parroquia de Redondela acadou a primeira posición, por riba de todos os demais participantes. Non cabe outra que darlle os parabéns emocionados a Susana, a persoa responsable da normalización lingüística do colexio e se cadra quen tivo un papel máis relevante neste fermoso proxecto, a Cecilia, a directora, e a todas e cada unha das profesoras e profesores, alumnas e alumnos que se sumaron a esta iniciativa. O premio está dotado cunha cantidade económica de 2.000€ ,que seguro virán moi ben ,e sobre todo coa profunda inxección emocional que supón o feito de que o seu traballo vai ir a todos os colexios de Galicia, e aos centros galegos do resto do estado español e incluso dos que están noutros estados so mundo. O colexio de Cabeiro ten medio século de historia e como moitos outros colexios públicos do rural galego teño a seguridade de que nestas cinco décadas de vida tiveron que lidar con infinidade de problemas, eivas, e deficiencias, un día si e outro tamén, de feito moitos dos nenos e nenas da comarca non son alumnos dun excelente centro público que lles queda a carón das súas casas porque a competencia desleal dos centros concertados( isto é unha opinión persoal) fai moi difícil o sostemento dunha educación pública de calidade que axude a formar aos nenos e nenas para que se convertan en homes e mulleres libres. Pero libres de verdade, dos que son capaces de construír opinións críticas propias e non con falaces e absurdas vinculacións dun concepto tan fermoso como o da liberdade con puerís significantes propios de auténticos irresponsables. Antes de pasar a reflectir o resultado da miña conversa con Susana parabenizo unha vez máis a toda a comunidade educativa do CEIP de Porto Cabeiro e ergo simbolicamente a miña copa para brindar con eles para que este episodio tan bonito sirva para animar aos nenos e nenas que nel estudan para que intenten empregar un pouco máis o idioma galego na súa vida diaria.

CEIP Porto Cabeiro

O PREMIO É RESULTADO DUN FANTÁSTICO TRABALLO EN EQUIPO”

SUSANA CRESPO COORDINADORA DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA DO CEIP PORTO CABEIRO

Canto levas traballando neste cole Susana?

Desde o 2.007

E na túa función actual de dinamización lingüística?

5 anos

Por que asumiches esa responsabilidade?

Nós somos un equipo de traballo que procuramos organizarnos para facer as cousas co mellor resultado posible e tamén en función das preferencias de cadaquén .Eu sempre tiven unha importante implicación emocional coa conservación do meu idioma natal, co idioma do meu pobo , eu nacín aquí, en Cabeiro. E cando tiven a posibilidade de contribuír a un campo tan atractivo para min non o dubidei.

Exactamente en que consiste o traballo de dinamizadora lingüística nun cole?

Na dinamización de actividades que esperten o interese nos nenos e nenas co gallo de fomentar o uso do idioma galego, tanto na linguaxe oral como na escrita, entre os alumnos. Ao fin e ao cabo deles vai depender a saúde futura do idioma.

Que tipo de receptividade encontras nos nenos e nenas nas túas actividades?

Boa, moi boa. En xeral implícanse e participan con ilusión

Cantos alumnos e alumnas ten o cole?

Arredor de 150

A porcentaxe dos que falan galego habitualmente?

É escasa.

E nos pais e as nais nas conversas que manteñen entre eles cando veñen a recoller ás crianzas ou cando falan con vós, a porcentaxe é igualmente escasa, ou varía?

Varía substancialmente. Entre eles ou con nós hai moitos máis que falan en galego pero logo para comunicarse cos nenos moitos cambian a castelán

Ben, falemos do premio. Cóntame como foi o proceso?

A nós chegounos en decembro do 2.020 esta proposta da Secretaría Xeral de política lingüística sobre Xela Arias. A min resultoume enormemente interesante e comecei a mergullarme nas redes na procura de información. Vexo a súa profunda vinculación con Redondela; a biblioteca de Chapela leva o seu nome, foi profesora no instituto desa parroquia e entón eu propuxen no centro que nos anotaramos e a receptividade dos compañeiros e compañeiras foi absoluta.

Nalgún ano anterior o voso cole participara neste concurso que desenvolve a Xunta cada ano polas letras galegas?

Non. É a primeira vez que o facemos.

Supoño que sería un traballo bastante importante?

Pois si, a verdade é que si. Os titores e as titoras foron as que levaron unha carga de traballo máis intensa e cada un encargouse dunha faceta en función da súa especialidade: actividades interactivas, códigos QR….Foi un traballo en equipo fantástico.

Descríbenos o contido do traballo?

O traballo é un concurso exposición do día das Letras Galegas 2.021.E consta de 10 carteis é unha guía didáctica que propuxera actividades que se poidan facer con eses carteis para todas as etapas desde infantil ata o último curso de primaria. En total son 30 páxinas de guía didáctica.

A guía evidentemente fixéstela as e os profesores ,e os carteis?

Cada cartel fíxose nunha clase. Somos 9 clases, cada unha encargouse dun cartel. E no caso do último fixemos unha escolma dos 9 primeiros.

Como se artellou o deseño dos carteis?

Había que desenvolver unha liña de traballo claro .E decidimos organizalo de maneira conceptual. Estruturamos cada cartel arredor dun concepto que fose significativo na vida de Xela. Por exemplo : tradutora, un cartel refírese a esa faceta, poeta, outro cartel céntrase nese eido…e así fixemos os 9.Cada clase fíxoo de maneira totalmente independente utilizando diferentes técnicas artísticas e en función da creatividade propia dos membros da clase.

Canto tempo tardastes en rematar o traballo?

Arredor de dous meses. Comezamos á volta das vacacións do nadal e a data limite de entrega foi o un de marzo.

O voso traballo estase levando aos colexios verdade?

Si, a toda Galicia.

Que orgullo máis profundo¡¡

É absolutamente emocionante porque tamén vai a centros galegos do resto de España e incluso do estranxeiro.

Abofé que é para estardes emocionadas. Como soubestes a nova?

Pois estaba eu un día de mediados de abril no meu despacho e veu Ceci, a directora, que foi quen primeiro a recibiu absolutamente emocionada a contarmo.

Vaia e ti como reaccionaches?

Buffff, pois naquel despacho houbo unha treboada de bágoas , felicidade e emocións de todo tipo que non sei se no medio século de historia do noso colexio tería existido antes. Xa viñeron de política lingüística a facernos unha visita e darnos os parabén e a finais de mes probablemente virán ao cole o SX de política lingüística e distintas personalidades a facer un acto no cole no que se formalizará a entrega do premio e que imos procurar que saia o máis bonito posible.