Vanesa Couto, presidenta da Asociación Veciñal Santa Cruz de Vilán

Vanesa Couto, presidenta da Asociación Veciñal Santa Cruz de Vilán

Cando Bertolt Brecht dixera aquelo de que as persoas que loitan toda a vida son as imprescindibles, Vanesa Couto aínda non existía. Pero teño a convicción de que se a coñecera incluiríaa neste grupo de persoas. Vanesa é a presidenta da AV de Vilán, en Fornelos de Montes, e unha destacada activista na loita polo ben común do seu contexto. Nós conversamos con ela

O goberno galego pretende sacrificar o Suído para beneficiar a Madrid”

Canto tempo levas vivindo en Vilán?

Esta era a miña aldea, eu nacín en Vigo e viña a pasar aquí os veráns e as vacacións, ata hai once anos que decidín facer en Vilán o meu proxecto de vida.

Canto tempo levas na AV?

Algo máis de nove anos

Cantas persoas sodes na asociación e cantas persoas forman parte da directiva?

Somos sete persoas na directiva, cinco mulleres e dous homes. En Vilán somos algo máis de corenta persoas e desas, 30 somos socias ou socios.

Que actividades desenvolvedes?

O que temos é música tradicional de percusión os xoves onde se toca a gaita, pandeireta, tamboril e bombo. Os sábados temos baile galego, aínda que agora esta actividade está parada e pretendemos volver retomala a principios de ano.

Que máis organizades?

Facemos o magosto, esta festa é inamovible. As veces facemos algo San Xoán e organizamos algún xantar popular durante o ano. Aquí tamén hai festas, pero estas organízaas unha comisión de festas allea á Asociación .

A Casa do Pobo está aberta a todos os veciños e veciñas sexan socios ou non. Aquí fanse as reunións da Comunidade de Augas, as nosas da directiva e os veciños e veciñas utilízana para festexar aniversarios ou para o que a precisen, está ao uso e desfrute de todos e todas.

Como financiades as vosas actividades e festas?

Os socios pagamos unta cota de 30€ ao ano e con isto nos financiamos, andamos moi xustiños.

Non tedes ningunha achega institucional?

Temos unha axuda económica da DEPO de 10.000€ ao ano

Cando arranxamos a Casa do Pobo o Concello colaborou aportando material de construción.

Agora mesmo estamos a esperar por parte do Concello o arranxo do camiño de acceso a Casa do Pobo. E no que respecta á Xunta: desde que nos concederan a subvención do 2015 non volvemos saber nada deles, malia térmola solicitado todos os anos.

E a Comunidade de Montes?

A Comunidade aportou 6.000€ para cambiar as fiestras.

Canta xente nova hai en Vilán?

Familias novas con fillos e fillas pequenos en Vilán só hai unha, si que veñen a pasar as fins de semana máis familias con fillos, pero non viven aquí. En Vilán vive xente de máis de corenta anos.

Estas familias con rapaces en que idioma falan?

En castelán. Aquí a xente de menos de 55 anos fala case sempre castelán, é a xente maior a que fala o galego. As familias dos nenos que veñen as fins de semana tamén fala maioritariamente castelán, o galego na xente miúda xa case non se escoita.

Falemos agora do encoro ?

De momento a cousa está parada, estamos esperando polo estudio medioambiental . As pretensións de construír un novo encoro no Oitavén ou realizar transvasamentos de auga dende o Verdugo suporía graves atentados, non só ós ríos e ós concellos que atravesan, senón á propia ría de Vigo e ó marisqueo.

Montamos a ”Plataforma Encoro Non” entre máis de cen colectivos de comunidades de montes, asociacións veciñais e diversas plataformas e firmamos un manifesto pola necesidade de defender o noso entorno.

A solución menos agresiva para o medioambiente para toda a Área Metropolitana de Vigo sería transferir auga do Río Miño que ten auga suficiente para 20 embalse, pero o río Oitaven non ten máis capacidade.

Tamén estamos apoiando agora a Amigas da Terra, que loita contra a Mina de Litio.

Fálame deste proxecto de Minas, onde as queren facer?

En Doade, O Carballiño a uns 20 km. de Fornelos. Para facer esta mina teñen que rebentar o ecosistema e facer un buraco tremendo na terra. Lavar estas terras co río que pase ao seu carón, contaminalo, en definitiva, outra catástrofe medioambiental para Galiza.

Esperemos a ver como acaba a cousa pero si vai adiante sería outra catástrofe medioambiental inaceptable para a nosa contorna.

Como van os proxectos eólicos en Fornelos e en que vos afecta á vosa parroquia?

Algúns proxectos da Serra do Suído nosa están paralizados cautelarmente polo TSXG. Recentemente a Xunta de acaba de mudar a Lei para favorecer a estas empresas e poidan seguir adiante cos proxectos.

Con estes parques eólicos que queren instalar na Serra do Suído non existe planificación nin xustiza. Pretenden converter a Serra do Suído nunha terra de sacrificio onde instalar unha especie de parque industrial xigante. Xa existen no Suído 270 aeroxeneradores que producen 240 MW, máis enerxía da que consumen todos os concellos da comarca xuntos. Están proxectados máis dunha ducia de parques eólicos con case 150 muíños que se sumarían aos existentes. Este aeroxeneradores modernos son xigantes e alcanzan una altura que vai de 150 o 223 metros. A potencia que pretenden executar ascende a 550 MW un 247% más resistente. Cos parques que hai actualmente Galiza podería auto abastecerse coa enerxía limpa que produce e non é así, senón que a enerxía vai toda cara Madrid .Esnaquizan o noso territorio, o noso modo de sustento e maneira de vivir no rural para rendibilizar empresas europeas sen que os galegas e galegas teñamos ningún tipo de beneficio.

Por Fornelos pasan as liñas de alta tensión ata chegar a Nespereira, mesmo en Xunqueira pasan xusto por enriba dalgunha casa. Hai estudos que demostran que as liñas de alta tensión poden provocar enfermidades como cancro, cefaleas, depresión ou alteracións do soño. A parte de esnaquizar a nosos montes e nosa contorna, o noso modo de vida e contaminar os ríos, queren poñer tamén en risco a nosa saúde. Para defender a serra do Suído estamos na “Coordinadora Somos Suído” e firmamos un manifesto en defensa dos nosos montes, patrimonio cultural e natural e a todas as especies que nesta Serra habitan.

Vigo bebe da auga de Fornelos. Que posición ten o alcalde de Vigo ao respecto?

Non entendo como alcalde de Vigo, que tanto está en que a Xunta vai en contra de Vigo, non defende á Serra do Suído que é a que realmente lle da a auga a Vigo. Intentamos comunicarnos con el dúas veces pero non nos atende. Sempre louva a auga tan marabillosa que ten Vigo e non está a defendela. Estes parques están proxectado enriba de turbeiras e brañas. As detonación para os parques farán que a augas marchen para o Río Tea, igual terán que proxectar alí despois o encoro… Isto vai afectar aos mananciais e ao leito do Río Oitaven e o Verdugo con todos os seus afluentes que xa están moi baixos.