
PATRÓN MAIOR DA CONFRARÍA DE PESCADORES DE REDONDELA

Xoel é un mozo de Redondela, excelente músico, de pouco máis de 30 anos de idade que en febreiro deste ano foi elixido patrón maior da confraría de pescadores de Redondela, substituíndo a Clemente Bastos. Asume o cargo nun contexto económico moi complicado facendo da xestión económica un dos eixos do seu traballo
“ A NOSA VONTADE É COOPERAR COAS CONFRARÍAS DE ARCADE E DE VILABOA, PORQUE COOPERAR SEMPRE É MELLOR QUE COMPETIR”
Unha das primeiras cousas que fixeches foi tentar clarificar o estado das contas, non?
Si, a transparencia económica foi un dos nosos eixos de traballo principais. A confraría é de todas as persoas que a formamos e todos temos dereito a coñecer o seu estado económico
Tes algunha queixa referente á situación económica que che deixaron?
Non, penso que non. Iso non quita que considere necesario unha política de transparencia absoluta
Eliminaches a remuneración do patrón maior, por que?
Hai bastantes confrarías que non lle pagan aos seu patrón maior. E eu creo que na nosa situación ese soldo, é perfectamente prescindible. Eu gáñome a vida indo ao mar non facendo de administrativo. Esa función asúmoa como un compromiso cos meus compañeiros
Cales van ser as vosas liñas principais de actuación?
Fundamentalmente mellorar a situación económica, estamos bastante axustados. Os meses de confinamento foron realmente duros e costounos moito sobrevivir
Canto tempo levas de mariñeiro?
Cinco anos
Pero ti es músico?
Eu son músico vocacional, pero agora mesmo a miña profesión é o mar que é o que me dá a liberdade e a tranquilidade de poder vivir do meu traballo
É duro traballar no mar?
Como calquera traballo ten cousas moi duras, e tamén cousas moi bonitas, pode chegar a enganchar e a min é un traballo que me gusta. De feito gustoume tanto que me metín a mercar unha embarcación
Chopi é o secretario da confraría de Arcade e ti o presidente da de Redondela. Dous Rockeiros en postos de dirección de ambas confrarías, explícanos iso?
Ha ha ha ha.. Xa che dixen que o traballo é moi bonito. Asemade nós traballamos dentro da ría, vimos todos os días a comer a casa e tampouco é o mesmo que facer unha marea de altura
En concreto que fai unha confraría?
Pois resumíndoo moito encárgase da xestión comercial e administrativa do traballo das xentes do mar. E os beneficios que eventualmente teña investilos en mellorar as súas condicións de traballo
Tedes empregados?
Si, asistencia técnica para levar o control do noso litoral
Seica hai intención de manterdes políticas de colaboración entre as distintas confrarías da Ría, non?
Si, principalmente o que é a area da enseada de San Simón. Nós entendemos que nos irá mellor a todos se cooperamos que si competimos porque todos os produtos que temos son de moita calidade. Incluso estamos explorando a posibilidade de vendermos xuntos
Os xaponeses adoran as nosas algas. Pensaches en explotalas?
Algún estudo hai feito, e é que algo que debemos valorar en profundidade, porque é posible que haxa un importante mercado por aí
Este ano polas circunstancias especiais do parón sanitario do COVID é un tanto especial?
Si, a verdade é que si, o marisco practicamente non se está tocando e se está a deixar que medre, case de maneira natural
E como se determinan as condicións para decidir o que se sementa ou o que non?
Pois igual que nunha veiga, preparar ben o terreo, botar a semente estudando ben as condicións e traballando con intelixencia
Economicamente como os apañades?
Entre os fondos propios e as axudas das distintas administracións
Que opinas do pantalán do porto de Cesantes?
Hai un proxecto de portos de Galicia para demoler iso e facer un pantalán flotante con dique. Esta praia de Cesantes fornécese da area do Alvedosa e tal como está deseñado fai que perda area cada ano e que se xunte lodo por iso temos tan pouco calado
A idea de da pesca á casa, como funcionou en Redondela?
Nós levamos xa 4 anos facendo venda directa. Antes de que entrásemos nós só se vendía o choco pero a nosa intención é auto xestionarnos o máximo posible. E antes se pescabamos robaliza ou linguados tiñamos que levala a vender á lonxa de Vigo co que perdiamos cartos. Agora, menos ameixa que ten que pasar por depuradora véndese de todo
Por que non montar unha depuradora en Redondela?
Estamos valorándoo
Sinceiramente; o choco de Redondela é diferente aos demais?
Iso é o que din os expertos. Seica é pola desembocadura dos ríos e a arquitectura xeográfica da nosa area que lle confire características biolóxica particulares. Creo que a enseada de San Simón ten unhas características tan peculiares que fan únicas a todas as especies que aquí se desenrolan.
O consumidor pode ir mercarvos todos os días á lonxa?
Si, todos os días tanto de mañá como e tarde. O único límite que temos é que media hora antes da poxa xa non podemos vender ao público
Por que as poxas de peixe van á baixa. Comézase nun prezo e logo vai baixando?
Pois non sabería dicirche o motivo pero sempre se fixo así. Supoño que se se empeza cun prezo moi barato se pecharía demasiado rápido nun prezo inferior ao valor real de mercado