O coñecido como deporte rei zumega machismo por todos os seus poros, mais nesas estruturas patriarcais atopamos mulleres galegas que están rachando pouco a pouco o teito de cristal, sendo xa referentes.
O 19 de maio, poucos días antes do domingo electoral, os socios e as socias do redondelán Club Deportivo (CD) Choco tiveron a súa particular cita coas urnas e elixiron a Virginia Ricón Vilar como presidenta. Esta tempada 2022/2023, no setenta aniversario da súa fundación (1953), o CD Choco non puido manterse en Terceira despois de dez anos ininterrompidos na categoría e tiña pouco que celebrar; mais a elección da primeira presidenta da súa historia, á fronte dunha directiva con case paridade de xénero, é un motivo de orgullo para moitas afeccionadas ao fútbol. “Non foi unha decisión premeditada” –asegura a nova presidenta do CD Choco–. “A directiva anterior quería dimitir e despois de varias asembleas ninguén quería asumir a responsabilidade. Apareceu entón unha candidatura formada por persoas que non eran de Redondela, así que nos xuntamos varios veciños para acordar unha candidatura local e en cuestión de 24 ou 48 horas vinme liderando este proxecto”, explica.
A pesar dos avances en igualdade de xénero, terreos de xogo como os do fútbol seguen estando moi masculinizados. Se non estamos especialmente familiarizados coa competición, custa contar e nomear equipos femininos cos dedos dunha man. Ocorre o mesmo coas xogadoras, coas adestradoras, coas preparadoras físicas, coas árbitras e tamén coas presidentas, tanto actuais como pasadas. Ricón recoñece que chegou ao cargo “sen referencias claras” doutras mulleres que presiden ou presidiron clubs de fútbol en Galicia. Preto de Redondela está o exemplo da empresaria Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra CF desde 2014, pero non é habitual atopar nomes femininos nas directivas dos clubs de fútbol. “Avanzamos cada día, pero aínda queda moito que percorrer”, afirma Rincón.
As funcións de presidenta esixen capacidade de liderado e comportamento asertivo. “É complicado ter a última palabra”, asegura. Neste primeiro mes no cargo, o tempo flúe entre reunións con marcas, patrocinios, adestradores, xogadores, nais e pais,… O primeiro equipo iniciará os adestramentos en xullo e é necesario estar preparados. A pesar do compromiso do equipo directivo, aínda se escoitan comentarios machistas na rúa. “Cando miraron a directiva, máis dun levou as mans á cabeza” pola presenza de tantas mulleres, chancea a presidenta do CD Choco. Os estereotipos e prexuízos son poderosos, mais “estamos dispostas a demostrar que somos válidas” –afirma Ricón–. “Estes comentarios machistas danme máis forza para seguir adiante”.
Rachando co teito de cristal
Se falamos de fútbol feminino, Galicia é pioneira en España. Asegúrao Alexandre Centeno, autor do libro “Las diez mil hijas de Irene. Cien años de fútbol femenino en Galicia” (Lar Libros, 2023), que está iniciando unha tese doutoral sobre esta mesma temática na Universidade da Coruña. Recentemente recuperouse a memoria da gardameta galega Irene González, que foi a primeira muller que xogou ao fútbol de maneira profesional –cobrando por esta actividade e competindo con homes– na década de 1920. Alén desta figura case mítica –cunha vida impensable a día de hoxe–, de Galicia tamén saíron as primeiras catro mulleres con título de adestradora e a primeira árbitra en España, así como a primeira xogadora española (Vero Boquete) en conquistar unha Champions. Na historia do fútbol feminino galego tamén está o Karbo Club de Fútbol, coñecido como Karbo Deportivo desde a tempada 1983/84 ata a súa desaparición por problemas económicos en 1988 e base da selección galega que gañou en 1985 o primeiro Campionato de España feminino. Centeno conta con orgullo estes fitos do fútbol feminino galego que ninguén reivindica, mais recoñece que apenas hai información para documentar esta historia e que “o fútbol é o deporte máis machista”.
Segundo os cálculos deste investigador, dos preto de 1.200 clubs de fútbol que existen en Galicia, soamente un 11% conta con algún equipo feminino a partir da categoría de cadete. O CF Choco non é un deles. A nova presidenta recoñece que existen reticencias porque “é moi caro crear equipos femininos no fútbol” debido aos maiores desprazamentos que deben realizarse para competir. Tamén é verdade que hai axudas para estes clubs. Centeno fala dunha “discriminación positiva” por parte da Federación Galega de Fútbol que deixa sen argumentos aos que se resisten a crear equipos femininos dentro das estruturas dos clubs.
Desde 2009, con todo, as licenzas de fútbol feminino aumentaron un 377,5%, sendo Galicia o territorio do Estado español onde máis medraron as federadas na última década. Referentes galegas do fútbol feminino internacional, como a santiaguesa Vero Boquete hai uns anos e a pontevedresa Tere Abelleira na actualidade, explican este fenómeno.
Rincón, desde a súa experiencia no fútbol sala, comenta que moitas rapazas acaban neste deporte irmán porque existen máis clubs preto do seu lugar de residencia, alomenos na contorna de Redondela. “Aquí, unha rapaza que queira xogar ao fútbol a partir da categoría de cadete ten que marchar a outro concello”, apunta. O fútbol sala galego tamén é pioneiro en materia de dereitos laborais para as deportistas profesionais, pois Pescados Rubén Burela FS foi o primeiro equipo feminino de España que asinou un convenio colectivo coas xogadoras, garantindo un salario mínimo con actualizacións anuais, seguros de accidentes e invalidez, renovación automática de contrato en caso de embarazo e dereitos de imaxe compartidos. Foi en 2018, hai cinco anos.
No ámbito do fútbol sala non é tan estraño atopar adestradoras nas categorías base. A presidenta do CD Choco adestrou a nenos no Redondela FS anos atrás. Mais sobre a herba, incluso no fútbol feminino, é totalmente revolucionario que unha muller chegue a asumir esa responsabilidade. Centeno, que está investigando polo miúdo a historia das mulleres no fútbol galego, nomea a Susú Cores como pioneira en Galicia. Esta ribeirense converteuse en 2019 na primeira adestradora dun equipo de Preferente, o Boimorto, despois de amosar o seu talento como preparadora física. Así e todo, en 2020 marchou do país para dirixir ás Dragonas da Universidade San Francisco, o equipo feminino do club Independiente del Valle, en Ecuador. É difícil saber por que as mulleres non teñen rachado aínda este teito de cristal, máis se cadra nun posto como o de adestradora, que non require de especiais aptitudes físicas. O que importa aquí é a visión do xogo, os coñecementos técnicos e tácticos, as capacidades de comunicación e liderado. Centeno compara a evolución das adestradoras e das árbitras nos terreos de xogo masculinos para apuntar algunhas causas: “Unha árbitra vai ascendendo en función dunha puntuación obxectiva que non ten relación co sexo da persoa, pero no caso das adestradoras trátase dunha valoración máis ben subxectiva”.
Introducir adestradoras nas categorías de fútbol base sería un primeiro paso. Rincón, desde a súa nova posición de presidenta dun club de fútbol, recoñece que no CD Choco nunca mirou unha muller adestrando aos nenos pero que lle gustaría promover cambios nese eido. “Sei de varias rapazas que están sacando o título de adestradora de fútbol” –comenta–. “No primeiro equipo sería moi complicado, pero na base pode ser importante para normalizar esta situación desde que os nenos son pequenos”.
Mulleres na arbitraxe, as menos coñecidas
Redondela, ademais dunha muller á fronte do CF Choco, conta cunha árbitra de fútbol que estivo na Primeira División feminina ata esta tempada 2022/2023 e continúa na Terceira Federación masculina. Elena Casal, aos seus 34 anos, xa non pode aspirar a arbitrar na elite do fútbol español pola limitación de idade, pero segue sendo a máxima referencia galega na arbitraxe non nome de muller. Pertence ao Comité de Árbitros de Galicia e ascendeu á máxima categoría do fútbol feminino no ano 2017, cando se creou unha Primeira División feminina dirixida unicamente por árbitras.
Casal comezou xogando ao fútbol, pero con 15 anos interesouse pola arbitraxe como actividade deportiva e fixo os cursos e exames que lle permitiron iniciarse nesta actividade, primeiramente no fútbol base. “A Terceira Rexional ten mudado bastante: hoxe en día os xogadores saen dos xuvenís, pero cando eu arbitraba nesa categoría había homes de 40 anos que te vían como unha nena”, lembra. Así e todo, móstrase optimista e opina que no fútbol “hai mulleres moi válidas” e que as limitacións “están máis en nós”. Ela asegura que se sinte respectada nos terreos de xogo, pero Rincón pon como exemplo do machismo imperante neste deporte os insultos que reciben as árbitras en partidos de fútbol base: “Vai lavar a louza ou vai fregar é o máis suave que se berra”. Mesmo no caso de equipos mixtos en categorías inferiores á de cadete, Centeno ten escoitado a nais e pais dicirlle aos fillos cousas denigrantes como “tócalle as tetiñas á rapaza para que deixe a pelota”.
Na arbitraxe, porén, comeza a haber referentes femininas en todos os terreos de xogo, tamén nos que se ven pola televisión. Na elite do fútbol masculino arbitraron esta última tempada 2022/2023 dúas asistentes en Primeira División, e unha asistente en Segunda División. A primeira árbitra principal, no entanto, estaba en Primeira Federación: a palentina Marta Huerta. Unha soa muller nunha lista de 60 árbitros e arbitras principais.
Este verán poderemos desfrutar da Copa Mundial feminina da FIFA, que se disputa en Australia e Nova Zelanda. A pesar das incertezas sobre a transmisión deste evento deportivo, parece que finalmente si se televisarán partidos en directo. A visibilización implica normalización. Centeno toma como referencia a publicación do seu libro, que recibiu atención informativa por tratar sobre fútbol feminino. “Cando iso non chame a atención, entón estaremos máis avanzados en igualdade”. Ocorre o mesmo coa primeira presidenta do CD Choco: cando a elección dunha muller para presidir un club de fútbol non nos chame a atención, entón estaremos no carreiro correcto.