Digna Rivas alcaldesa de Redondela

Digna Rivas

Despois de que na anterior edición da nosa publicación puideramos coñecer a valoración de Javier Bas sobre a política local, con especial incidencia na situación económica do Concello, achegámonos ata o Concello para saber a opinión da alcaldesa acerca daquelas declaracións do líder popular. E Digna non nos decepcionou. Ela defende con paixón a súa xestión, e sobre o traballo dos funcionarios e funcionarias do Concello amósase agradecida,eu diría que un tanto emocionada, e tamén indignada porque considera que as declaracións dos populares de Redondela poden poñer en cuestión a súa competencia e dilixencia. Achaca os atrasos nos pagos a un problema informático e manifesta que os populares faltan á verdade cando tratan de presentar a situación das finanzas do Concello de Redondela como catastrófica.

Unha mentira por moito que se diga 1.000 veces segue sendo unha mentira. Lamento constatar que Javier Bas parece sentirse cómodo empregando as estratexias comunicativas de Goebbels”

Fainos unha valoración de como está indo o teu segundo mandato como alcaldesa de Redondela?

Ben, este ano longo non está sendo nada doado. Pero esta dificultade está motivada por unha circunstancia moi concreta.

Cal é?

Unha situación crítica acontecida en xullo e agosto do ano pasado que supuxo a perda de todos os datos de intervención. Unha situación de colapso que puido ocasionar a parálise de todo o Concello.

Lograstes recuperar os datos inicialmente perdidos?

Si, grazas a un traballo ímprobo dos departamentos de intervención e de novas tecnoloxías que agradezo desde o máis profundo de min, e que nunca me cansarei de valorar. O traballo foi de enorme calidade tanto é así que recibimos a felicitación da Axencia Estatal de Protección de Datos. En resumo: o terrible problema que tivemos ocasionou os atrasos que padecemos na actualidade. Por outra parte a esta situación hai que engadir que estivemos un ano sen interventor/a.

Como se pode estar un ano sen interventor?

Tiñamos en funcións, pero non é o mesmo. Unha persoa en funcións ten limitacións que non ten unha persoa titular. A interventora que veu fixo todos os deberes e fíxoo moi ben pero con todos os atrasos, consecuencia inevitable do problema que acabo de describir.

Redondela está en quebra?

Non, radicalmente non. Absolutamente non. Na liquidación que se fixo saíu un remanente positivo de cerca de 3.700.000€. Debemos dous millóns e pico a provedores a consecuencia do problema que che expliquei, non porque non haxa liquidez ou porque xestionemos mal. Iso é simplemente falso.

Cando se vai pagar o que se debe?

Entre o 16 de Xullo e o mes de Setembro vai estar todo pagado.

Poden estar tranquilos os provedores aos que o Concello lles debe cartos?

Absolutamente tranquilos. Nese período de dous meses vai estar todo pagado. Tamén teño que dicir que poden estar tranquilos si, pero a pesar do PP.

Por que “ a pesar do PP”?

Porque no pleno no que se debateu o pago desas facturas pendentes o PP votou en contra. Si, en contra, o PP que se gaba permanentemente de querer tanto a Redondela, votou en contra de que o Concello pagase aos comerciantes, moitos deles de Redondela.

No número anterior da nosa publicación dicía Javier Bas que:” a situación económica do Concello de Redondela é tan grave que os pagos ordinarios poden verse comprometidos”.Como valora a alcaldesa de Redondela estas palabras?

É a segunda vez que fan esas afirmacións. Eu son consciente de que a súa intención é desgastarme politicamente a min. Queren presentar á cidadanía de Redondela a imaxe dunha alcaldesa que non sabe xestionar e que é a responsable dunha imaxinaria situación catastrófica das finanzas do Concello. Vou precisar varias cousas ao respecto disto:

-A situación de catástrofe económica que trata de presentar o Partido Popular é falsa. Non existe. Os atrasos nos pagos débense a un problema informático puntual que acabo de explicar, non a unha situación de falta de liquidez como consecuencia dunha suposta mala xestión. Esa é unha mentira máis do PP.

-O PP de Redondela bate en ferro frío se pretende que o seu xogo sucio me afecte. Xa levo moito tempo en política, coñezo perfectamente este tipo de noxentas estratexias que utiliza o PP de Redondela. Poden seguir facéndoas unha e mil veces que eu seguirei traballando arreo na defensa do ben común de Redondela. Unha mentira por moito que se repita mil veces segue sendo unha mentira. Lamento constatar que Javier Bas parece que se sinte cómodo empregando as estratexias comunicativas de Goebbels. Que vergonza¡, que vergonza para Redondela¡

-Ao atacarme a min da maneira que me ataca o PP de Redondela xera alarma social e pon en cuestión o traballo rigoroso e solvente dos marabillosos funcionarios e funcionarias do noso Concello. Que teña moi claro Javier Bas que iso non llo vou consentir.

É tan agresiva entón a oposición do PP?

É peor que agresiva. Chegaron a dicir que o pago das nóminas ao persoal municipal estaba en perigo. Iso é unha trola de proporcións estratosféricas.

A mensaxe que quere transmitir a alcaldesa de Redondela é de tranquilidade?

Si, sen dúbida si. Radicalmente si. O Concello non ten ningún problema de liquidez e a cidadanía de Redondela pode estar segura de que é así.

Se finalmente se pagan esas facturas no período no que te acabas de comprometer a débeda do Concello sería?

Débeda 0.

Así de claro?

Así de claro e sen ningún tipo de matiz. Pero si unha precisión: Cando eu cheguei a débeda do Concello era de case 1,5 millóns de €, e agora vai ser 0.Agardo que lle quede moi claro á cidadanía de Redondela.

Entón o estado non vai intervir ao Concello?

Non claro que non. O estado require que cumpramos uns prazos de pago aos provedores, que cumpriremos escrupulosamente, ante unha situación derivada do problema que expliquei.

A programación cultural segue a ter un papel importante na política do teu goberno?

Un papel esencial diría eu. A cultura,a transmisión entre persoas das producións artísticas e intelectuais, é o que nos fai humanos. Eu son uha orgullosa muller de esquerdas e , a diferencia da dereita que na historia de España sempre chegou tarde e mal a todo, a difusión cultural universal( digo universal con todas as consecuencias, non só para quen poida pagala) é un sinal de identidade do Partido Socialista Obrero Español do que me honro en formar parte.

A modo de exemplo:Teremos a Alberto Vilas no Carballo das cen pólas, celebraremos o 25 de Xullo tanto en Redondela como en Chapela,alí estará Ses, tamén apostamos polo Berete Rock, e no mes de agosto a cita imperdible é o noso fabuloso entroido de verán, o mellor de todo o mundo.

Creo que tendes pensado algo especial para os “Artistas da Rúa”?

Si. Este verán o festival cumpre 25 anos e temos pensado estar á altura de algo tan importante, pois un cuarto de século non se cumpre todos os días. Contaremos coas marabillosas “Tareixas”, que ti Marcos coñeces ben. Tamén teremos circo, danza e moito humor, con espectáculos para todas as idades.

Así por exemplo poderemos gozar do mago Shado ou do grupo Septeto Santiaguero todo un referente da música tradicional cubana.