XXXVIII Festa do Choco de Redondela

Rita Redondela

En breves días o noso pobo vivirá unha das súas festas máis importantes, a festa do choco, que este ano alcanza xa a súa trixésimo oitava edición. O que inicialmente nace como uha idea dos hostaleiros locais para promover un dos produtos estrela da nosa gastronomía, hoxe, case catro décadas despois, converteuse nun dos eventos imprescindibles do país galego que cada ano atrae a milleiros de persoas, que veñen a desgustar con nós o mellor choco do mundo, o choco de Redondela.

Falamos con Rita, a concelleira responsable da súa organización. E malia que a intención da conversa era preguntarlle pola edición do choco do presente ano, non me puiden resistir e tamén tratamos algúns temas de actualidade. En calquera caso falar cunha persoa amable, cordial e solvente como Rita sempre é un pracer para min. Velaí vai o que deu de si a nosa charla.

Rita Pérez, concelleira de cultura do Concello de Redondela.

A festa do Choco é de toda Redondela no seu conxunto, e este goberno traballa para que cada veciño e cada veciña, con independencia do lugar de Redondela no que viva, así o sinta”

Por que estiveron as bandeiras do Concello a media hasta?

Porque o goberno do estado decretou tres días de loito oficial pola morte do Papa Francisco.

Pero España é un estado aconfesional

Si, xa sei. Pero é evidente que a súa figura tiña unha dimensión de enorme relevancia para centos de millóns de persoas, e de aí a decisión tomada polo goberno.

E cando morra o emérito tamén ides poñer a bandeira a media hasta?

Non teño a capacidade para predicir o futuro, e polo tanto non podo contestar a esa pregunta.

Que nos dis sobre a polémica do Altri-Lixo deste ano?

Teño que dicir que non comprendo o correo que recibiron os institutos. Este é un evento que se celebra no noso concello desde hai moito tempo ,e que nunca deu o máis mínimo problema. Este ano, igual que todos os anteriores, o certame dedicouse a unha cuestión medio ambiental concreta e non vexo onde está o conflito.

É que faltaría máis que os organizadores dun evento non puideran elixir con liberdade a que tema dedican ese evento¡¡¡.Agardo que os centros de ensino non se vexan condicionados e poidan seguir operando con liberdade.

Rechazo completamente esa actuación da Xunta.

Foi como unha especie de coacción?

Ao meu xuízo si. En calquera caso é de sentido común que loitar pola saúde do planeta, que non se deteriore e que poida seguir sendo un fogar habitable para as futuras xeracións da especie humana, é estar no lado correcto da historia.

Entramos na época do ano na que a concellería de cultura de Redondela convértese nun fervedoiro de traballo e nun continuo maremoto de actividade?

Pois si. A Primavera de Redondela é unha estación preciosa non só porque agroma a luz e a vida, senón tamén porque o noso pobo é un volcán de cultura en constante ebulición, con tal intensidade e densidade que ter a honra de xestionar a cultura do meu pobo é desas cousas que sei que me vai deixar pegada na alma todo o que me quede de vida.

Comezamos o 1 do 5 cos Maios, unha festa secular que sempre nos enche o corazón de ledicia e o espírito de ansias de xustiza.

Logo temos a nosa festa do Choco, xa tan cerca das 4 décadas de vida.

Vamos ter carpa degustación?

Si.

Na carpa que nos poderemos atopar?

Diversos locais de Redondela preparando chocos en todas a súas variedades: empanada, na súa tinta, á prancha, con fideos….

Que sabes ti do ruxe ruxe de que foi en Chapela onde se comezou a fraguar a festa do Choco?

Non digo nin que si nin que non. Pero se é así, a min non me consta. O que podo dicir ao respecto é que esta festa representa a toda Redondela no seu conxunto e o noso goberno quere darlle o valor necesario para que cada redondelán e cada redondelá, viva onde viva,sinta que esta é a súa festa.

Cóntanos as principais características desta edición?

O venres día 9 ás 19:30 inauguraremos a carpa e como sempre teremos a orquestra de saxos do conservatorio de Redondela. Ese venres teremos varias actuacións entre elas a de “Os Satélites”.

O sábado teremos moitas cousas entre eles á “ Orquestra Mondragón” e unha sesión DJ para os máis novos e novas

Para ti e para min entón

Ha, ha, ha, si claro e para os que son máis novos ca nós tamén.

Ben, antes mencionaches á orquestra Mondragón pero non ao grupo estelar que vai actuar ese día

Perdón, perdón, vaia lapsus imperdoable pola miña banda .Teremos á Rondalla de Redondela.

Vaia planazo concelleira¡

Imperdible Marcos, non pode haber ningún lector nin lectora de ANP que ese día non se achegue a Redondela a acompañarnos. Aínda que, considerando que estou falando cun rondalleiro, me vas permitir facer unha humilde suxestión para dicir que vos falta algunha voz feminina.

Tes razón, estou de acordo. E o domingo cal vai ser o prato principal?

“O Combo dominicano”

Quen vai ser o pregoeiro ou pregoeira?

Este ano vai ser unha muller: a grande cómica María Foscaldo que ten un personaxe de moito éxito” Virtudes a repunante”.É unha influencer que soubo gañarse un espazo moi importante, é simpática en grao superlativo e sei que non vai deixar a ninguén indiferente. E por outra parte é unha persoa encantadora que fai moi agradable traballar con ela.

Que previsión de consumo de choco tendes para esta festa?

Non che podo dicir exactamente, pero hai pouco falaba coa confraría e seica vai moi ben a cousa pois xa teñen milleiros de quilos vendidos. Como sabes é requisito imprescindible que o choco que se consuma teña a denominación de orixe de Choco de Redondela.