Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago
Traballador do Sergas

Esperpento: Xénero literario creado por D. Ramón María del Valle-Inclán, caracterizado por ofrecer unha nova visión da realidade, deformada e degradada sistematicamente mediante unha estética expresionista baseada na distorsión de personaxes e situacións, amais da recreación da linguaxe coloquial. (Dicionario RAG).

O pasado 15 de Maio vivimos en Marín un dos espectáculos máis esperpénticos dos últimos tempos. O que ia ser a inauguración do novo Auditorio transformouse nun esperpéntico acto de pre-campaña do Partido Popular. Nun akelarre de reafirmación “pepera” puidemos ver ao Presidente da Xunta, a Alcaldesa de Marín, o Conselleiro de Cultura e diversos cargos máis, bailar unha especie de Sardana ao ritmo do frautista de Hamelin.

É lamentábel que un partido pretenda mimetizarse coas institucións que teoricamente son de todos e todas, aínda que esta é a práctica habitual dun partido que transformou a TVG no seu feudo particular, e o Telexornal no seu NO-DO. Nada novo, é unha práctica habitual fagocitar institucións: a Xunta, as Deputacións, os Concellos…

As persoas asistentes tiveron que aturar os discursos auto-compracentes do Sr. Rueda e da Sra. Ramallo, para vendernos e xustificar como un “gran éxito” que as obras do auditorio se prolongaran tantos anos, que o proceso de deseño e construción fora unha chapuza tras outra, e que o orzamentos pasara de 2 a máis de 6 millóns de euros.

Porén, en Marín xa estamos afeitos ás obras interminábeis. Temos a rúas levantadas, o paseo do Río Lameira parece unha trincheira, as rotondas ao pouco tempo de ser inauguradas volver ser levantadas, e así até o infinito no despropósito da xestión do PP de Marín.

Quizais o máis lamentábel deste mitin-inauguración non foran os bailes e os discursos, o máis lamentábel foi a falta de consideración co mundo da cultura do noso concello. Non teremos artistas en Marín! O certo é que a capacidade do noso goberno municipal en cuestións culturais é moi limitada e repetitiva, cada ano os mesmos grupos e os mesmos artistas, as mesmas actividades. Iso si, a nosa cultura e o noso idioma nun papel secundario, e como mérito a afinidade partidaria.

E agora que? Que van facer co Auditorio?

Xa está inaugurado e polo momento segue sen actividade algunha. Cando pensan poñelo a funcionar a pleno rendemento? Como o pensan facer? Privatizando a xestión? Daranlle cabida aos grupos e artistas de Marín? Terán que pasar a peaxe da afinidade política para poder actuar?

Despois de tantos anos de obras para inaugurar o auditorio non sabemos que pensan facer con este edificio, nin como o van xestionar, nin como pensan enchelo de contidos culturais. Pois tempo tiveron para planificar o seu funcionamento.

Marín, 21 de Maio de 2026.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.