Olalla Rodil celebra o acordo unánime de todos os grupos e advirte de que, cinco anos despois da súa aprobación, persisten teitos de vidro e chans pegañentos no sistema científico galego

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026.

O BNG acadou este mércores un novo éxito no Parlamento ao conseguir aprobar por unanimidade a proposición non de lei que exixe á Xunta a realización dunha avaliación e a elaboración dun informe sobre o grao de cumprimento da Lei Ángeles Alvariño, a norma pioneira para a igualdade no ámbito científico e investigador aprobada hai cinco anos, en xullo de 2021.

A deputada do BNG Olalla Rodil, impulsora da iniciativa, salientou a “alegría compartida” polo respaldo de todos os grupos para aprobar esta proposta de forma unánime e reivindicou que a lei “foi redactada polo Bloque Nacionalista Galego”.

Rodil fundamentou a necesidade da avaliación en datos recentes, como os da Universidade de Vigo, onde as mulleres representan máis da metade do persoal investigador pero só lideran o 38,3% dos grupos de investigación e os homes duplican en número como investigadores principais. A nivel galego, as catedráticas de universidade apenas supoñen o 28,4% e as profesoras eméritas só o 9,8%. “Persisten teitos de vidro e chans pegañentos”, advertiu a deputada, que tamén pediu revisar os protocolos contra a violencia machista e a formación en perspectiva de xénero. “Vexamos esa avaliación e introduzamos as modificacións que sexan necesarias na lei, pero tamén na acción do Goberno da Xunta”, concluíu.

A parlamentaria nacionalista lembrou ademais que a Lei Ángeles Alvariño supuxo un fito ao introducir factores de corrección nas convocatorias de I+D para que a maternidade, a paternidade, o coidado de persoas dependentes ou procesos de enfermidades graves non penalicen a carreira investigadora, e subliñou a necesidade de seguir traballando na visibilización das mulleres científicas, na promoción da vocación investigadora entre a mocidade e na estabilidade laboral e salarial do persoal investigador para evitar o abandono nas primeiras etapas. “Ser nai ou pai non pode penalizar o teu desenvolvemento profesional —sentenciou—, e esta avaliación que hoxe aprobamos por unanimidade vainos permitir saber onde estamos e cara onde temos que avanzar”.