Xosé Muxicas
A recuperación da zanfona en Galicia, xa iniciada no século pasado por grupos senlleiros coma “Fuxan os Ventos” ou “Muxicas” entre outros, preséntanos un curioso panorama: atopámonos con que o repertorio que sobreviviu na memoria dos galegos para tan fermoso instrumento é moi escaso. Polo tanto xerouse a necesidade de dar solución a ese problema.
Os xeitos de afrontalo foron diversos. Houbo quen se inclinou por tentar desenrolar o noso instrumento (totalmente documentado nos museos) para ter algo que ofrecer aportante, propio e enriquecedor. (Ben aproveitando repertorio tradicional para gaita ou ben compoñendo novos temas baseados na nosa música popular e aproveitando as moitas posibilidades de evolución propias), e houbo quen se inclinou por copiar técnicas e repertorios doutras culturas (fundamentalmente francesa),.
Na liña do aporte de novos temas vai esta muiñeira para dúas zanfonas e con letra para cantar.
Unha muiñeira para brincar, para bailar e coa mensaxe engadida de que a zanfona galega nunca incorporou cordas percusivas (chamadas cans), xa que de percusións en Galicia estamos xa ben servidos.
“MANTÉN OS CANS ATADOS”
Deixame os cans atados rapaza,
non quero que ladren, non quero que ladren.
Que vou tocar zanfona na praza.
As cousas bonitas que Galicia deu.
A zanfona galega paga a pena,
que non é pequena, que non é pequena.
Ten cousas de seu, non ten que copiar.
So quere que a deixen, que a deixen medrar.
