Di a canción que 20 anos non son nada, pero a letra dese famoso tema está equivocada, pois 20 anos é unha enorme cantidade de tempo no que pasan moitas cousas e hai infinidade de persoas que se cruzan no noso camiño. O club de patinaxe artística bolboreta cumpre dúas décadas de vida, e nós na nosa viaxe polo tecido social, cultural e deportivo de Redondela non podiamos deixar pasar a ocasión de coñecelas mellor. Falamos con Cristina, a súa presidenta, unha muller natural de Cedeira que nos atendeu con moita amabilidade.
Cristina Boullosa, presidenta.
“Nós non estamos aquí polos resultados, estamos para fomentar a práctica da patinaxe artística”
Cando naceu o club?
No ano 2004, xa nos facemos maiores…
Como se adestra na patinaxe artística?
Tanto con patíns como sen eles. É necesario facer adestramento de elasticidade e de flexibilidade.
Os patíns como son?
A patinaxe artística facémola con patíns de catro rodas.
Supoño que a vosa patinaxe é moi parecida á patinaxe sobre xeo?
Pois non,a verdade é que son bastante distintas e teñen moi pouco que ver.
Como comezou a túa vinculación coa patinaxe?
Pola miña filla. Teño unha filla 12 anos que xa comezou hai uns aniños a practicar esta disciplina.
E antes de que a túa filla se interesara por este deporte ti non tiveras ningún tipo de relación con o mundo da patinaxe?
Pois non, a verdade é que non. Entrei como secretaria hai uns tres anos para botar unha man coas cuestións administrativas, e despois, por mor de circunstancias varias, acabei por coller a presidencia. Pero quixera salientar que o feito de que eu apareza como cabeza visible é unha pura casualidade. Somos un equipo de traballo, e aquí todo se fai de maneira colectiva. Dirixir un equipo deportivo implica unha grande cantidade de tempo,o que inevitablemente vai en prexuízo das horas que lle podes dedicar á túa vida persoal.
Cantas persoas sodes na directiva?
Somos cinco mulleres, tamén temos unha adestradora para competicións á que axudan un grupo dos patinadores e patinadoras maiores.
Cantos mozos e mozas practican a patinaxe con vós?
Arredor de 100.Chegamos a ter moitísimos, pero no ano 2018 naceu outro club de patinaxe en Chapela e loxicamente as usuarias e usuarios dividíronse en función de onde vivía cada un.
Hai moita nena, pero nenos son poucos, verdade?
É un deporte maioritariamente feminino, si, só temos arredor de 3 ou 4 nenos.
En competición cantos tedes?
60
Que ten que facer unha nena ou un neno que queira apuntarse a bolboreta?
Contactar con nós a través das nosas redes sociais, e vir probar un par de días sen o máis mínimo compromiso. Nós aceptamos a todo o mundo. Temos algúns patíns para as probas, e se despois a persoa que veña queda contenta pois xa tería que mercar os seus.
Son moi caros os patíns?
Os de iniciación non, os de competición si.
Onde competides?
Competimos a nivel galego, fundamentalmente nas provincias de Pontevedra e Ourense. O noso calendario de competición é algo distinto ao de outros deportes. Nós competimos de xaneiro a novembro, parando no mes de agosto por vacacións.
Cales foron os vosos principais éxitos deportivos?
O 4º posto galego do pasado ano, o campionato sénior masculino, un dos nosos equipos acadou a clasificación para o campionato de España, pero lamentablemente a aparición da pandemia impediuno…….
Ben e dúas rapazas que recentemente foron ao campionato de Europa, seica teñen algún tipo de relación con vós ?
Si, iniciáronse en bolboreta. De feito unha delas é a filla dunha persoa que estivo moitos anos ao fronte do club. É un orgullo para nós.
Agora en que equipo están?
No Ribex de Tui.
Alén do club tedes outro tipo de actividade?
Si, damos actividade extraescolar no colexio de Reboreda. Cónstanos que hai interese noutros colexios do noso Concello, pero por desgraza carecen da instalacións adecuadas.
Que instalacións precisades?
A ampla maioría das competicións de patinaxe son en parqué. Nós patinamos nas dimensións dunha pista de fútbol sala. Nós temos a pista do pavillón da Marisma que é marabillosa, o que acontece é que é unha pista moi demandada por case todos os equipos deportivos de Redondela e por outra parte a capacidade que ten para asistencia de público é moi pequena.
Tamén adestramos no Floriani. Eu entendo que construír un novo pavillón é moi complicado,considero que o razoable sería chegar a un acordo coas administracións e adaptar o pavillón que xa existe en Cedeira.
Que tal é a relación cos pais e coas nais?
Moi ben, non temos queixa algunha. Somos unha familia na que está quen quere estar con absoluta liberdade.
Como vos financiades?
Polas cotas dos socios e das socias e polas subvencións que recibimos das distintas administracións.
Como se porta o Concello con vós?
Podería portarse mellor. A súa subvención é moi complicada de tramitar. Tamén teñen unha cousa moi boa que é que non miran os resultados. Nós non estamos aquí polos resultados, senón para fomentar a práctica da patinaxe.
